O baloncestista galego, Alberto Abalde elixiu as instalacións do Polideportivo Municipal do Porriño para afinar a súa preparación cara aos Xogos Olímpicos, á espera da súa posible inclusión na lista definitiva de 12 xogadores que representarán a España. Abalde está na convocatoria de 18 preseleccionados que comunicou hai uns días o adestrador, Sergio Scariolo e que deberán concentrarse en Madrid a partir do venres 25.

Abalde estivo hoxe acompañado polo preparador físico, Dani Moreno. En días anteriores, a súa irmá, Tamara Abalde tamén acompañoulle nos adestramentos no Polideportivo Municipal porriñés.  Tamara, que por culpa da Covid quedou fora do Eurobasket feminino que está a disputarse actualmente, terá que incorporarse coas demais olímpicas españolas a partir do 5 de xullo.

Como xa fixera en agosto de 2020, antes do inicio da tempada regular da ACB, Alberto Abalde escolleu, de novo, vir ao Porriño grazas á hospitalidade ofrecida polo Concello para que puidera realizar a súa preparación no Polideportivo. Alberto agradeceu a colaboración do Concello a David Alonso, concelleiro de Deportes.