A Concellería de Educación e os centros docentes debaten o programa de actividades escolares para 2022

Lourdes Moure, concelleira de Educación, asistida por Noelia de la Fuente, responsable da OMIX do Porriño, reuniuse hoxe coas direccións dos centros educativos do municipio para establecer o calendario de actividades escolares para 2022.

“Nesta primeira reunión, de carácter exploratorio, comentamos que actividades queren os centros que mantemos e cales poderíamos incorporar como novidades”, explicou Moure Varela.

A concelleira sinalou que, a expensas de novas reunións, “de momento, para o ano 2022 os centros pídennos que continúemos con actividades como os cursos de Cans de Terapia, O Pintamuros e Ciberseguridade, por citar algúns dos que nos refiren os responsables dos centros”, indicou a concelleira.

A alcaldesa acordou co ADIF que a sección subterránea para eliminar o paso a nivel sexa de 320 metros

A alcaldesa Eva García e os técnicos de ADIF especificaron hoxe nunha reunión telemática que o tramo de lousa que cubrirá o ferrocarril para eliminar o paso a nivel actual teña unha lonxitude de 320 metros. De xeito que a alcaldesa conseguiu que prosperase a petición municipal e que ADIF amplíe a lousa por outros 120 metros (60 por cada lado) con respecto á proposta inicial que aparecía no proxecto de obra, que era de 200 metros.

“Significa que co soterramento do tren imos gañar un espazo público moi importante que incluso nos permitirá abrir unha nova rúa e dar máis permeabilidade a esa zona, tanto para o uso peonil como para o tráfico de vehículos”, dixo Eva García, ao final do encontro.

“Debemos traballar neste sentido: mellorar o proxecto na medida do posible e resulte realizable porque moitas veces o ideal está reñido co que é factible”, valorou a alcaldesa.

A partir de agora, o seguinte paso xa será a negociación e sinatura dun convenio entre ADIF e o Concello do Porriño para determinar as condicións económicas da obra, que podería ter un orzamento aproximado de 22 a 24 millóns de euros segundo determinen finalmente os técnicos.

Respecto ao financiamento da obra por parte da administración central, asegurouse á alcaldesa que se achegará dentro dunha partida xenérica de ADIF nos próximos Orzamentos Xerais do Estado.

Audio coa valoración da alcaldesa despois da reunión. 

 

Mozas e mozos do Porriño participarán no II Encontro de Consellos da Infancia e Adolescencia de Galicia

Por segundo ano consecutivo, O Porriño súmase ao Encontro Autonómico de Consellos da Infancia e da Adolescencia, organizado por UNICEF Comité Galicia que vai ter lugar mañá venres 22 e o sábado 23. O encontro desta volta será telemático para protexer o benestar das persoas participantes.

O Porriño xunto cos demais concellos galegos declarados “Cidades Amigas da Infancia”, está convidado a participar para que nenos, nenas e adolescentes fagan as súas propostas á Xunta de Galicia. Por Porriño participarán cinco mozos e mozas que son: Nicolás Freiría Casal, Kiara Vázquez Lescano, Laura Carmona García, Alex Loureiro López e Carla Godoy Magalhaes. 

Este ano versarán sobre o medio ambiente. Segundo informa a OMIX do Porriño que coordina a participación dos representantes locais, nestes dous días estarán debatendo e elaborando propostas para que a nosa comunidade autónoma sexa un lugar máis sostible, verde, menos contaminante e teña en conta a participación da xente máis nova.

No mes de novembro, unha persoa de cada concello pertencentes aos grupos de participación, levarán todas as propostas que traballen estes dous días, ao pleno infantil que celebrará o Parlamento de Galicia o día 16.

Xa están en execución tres das doce actuacións previstas no Plan de Mellora de Viarios Públicos

A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, xunto co enxeñeiro municipal e técnicos das empresas adxudicatarias, inspeccionaron a posta en marcha de tres das obras incluídas no Plan de Mellora de Viarios Públicos. Trátase dunha ducia de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio.

Os primeiros traballos xa se están a realizar en Madorras-Mosende, na Pontenova-Atios e na chamada curva de “Smurfit” en Os Eidos, no polígono industrial.

Ademais das tres mencionadas, esta primeira fase do Plan de mellora de Viarios Públicos inclúe actuacións de saneamento e asfaltado na Serra da Auga-Carracido; en Casal-Budiño; pavimentación en Parada-Chenlo e acondicionamento de acceso desde a estrada PO-331 ata a curva de Lonza, en Torneiros.

Así mesmo, programouse o asfaltado en Portela do Souto-Atios; A Ribeira-Torneiros; A Pereira-Torneiros; Orbenlle-Budiño e na rúa Fernández Areal, no centro de Porriño.

O importe total destas doce actuacións é de 729.478 euros, partida que foi aprobada por unanimidade pola corporación no pleno ordinario do 28 de xullo, despois das negociacións que Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras mantivo cos grupos municipais.

O edificio consistorial, alumeado en rosa para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama

O 19 de outubro celébrase o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Por este motivo, este martes, á noitiña, o edificio do Concello do Porriño ten unha iluminación especial en rosa claro, tanto na fachada principal como na lateral.

A OMIX do Porriño xunto coas Concellerías de Educación, e de Cultura e Igualdade, e o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia animan a toda a poboación porriñesa a compartir nas redes sociais, a campaña para motivar ás mulleres a realizar autodiagnóstico co cancelo #DiaInternacionaldelCancerdeMama.

O 19 de outubro é unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

É recomendable que as mulleres fagan os controis necesarios previstos pola sanidade de cada país, así como manter unha alimentación sa e equilibrada, ademais de facer exercicio físico. Todos estes son factores que reducen considerablemente o risco de padecer este tipo de cancro e, en xeral, calquera cancro.

O Concello promove clases de ciberseguridade entre o alumnado porriñés

Lourdes Moure, concelleira de Educación visitou esta tarde o obradoiro sobre ciberseguridade que está a desenvolverse nos centros de ensino secundario porriñeses. A concelleira compartiu actividade con alumnos e alumnas de 3º da ESO no IES Pino Manso.

A concelleira explicou que esta actividade ven motivada polas “novas formas de aprender, crear e comunicarse de xeito que nenas e nenos acceden cada vez máis cedo a dispositivos conectados a Internet. Xa sexa dende o móbil, o ordenador, a tablet ou a videoconsola, se non se forman en ciberseguridade poden correr riscos innecesarios”.

“As ameazas máis habituais nestas idades son o ciberacoso e a ciberviolencia, a suplantación de identidade, as fake news (noticias falsas), as estafas e incluso as adiccións dixitais. Por iso dende o Concello de O Porriño e a OMIX promovemos estas formacións dirixidas a 3º da ESO, para que saquen todo o partido a Internet protexendo a súa integridade física e mental”, engadiu a concelleira Moure Varela.

Trátase dunha actividade escolar das que organiza cada ano a Concellería de Educación coa OMIX do Porriño en colaboración cos centros de ensino do concello. Precisamente Lourdes Moure indicou que o vindeiro mércores 27 de outubro terá lugar a reunión preparatoria coas direccións dos centros educativos para determinar o calendario de actividades de 2022.

Anúncianse traballos de sinalización horizontal nas rúas Xogo da Ola e Leandro Diz

O Concello do Porriño informa que o vindeiro luns día 18, sempre que o tempo o permita, procederase a realizar traballos de sinalización horizontal na rúa Xogo da Ola e no treito entre esta vía coa rúa Leandro Diz ate a intersección coa rúa Manuel Rodríguez.

 

“Na rúa Xogo da Ola procederase a sinalización viaria horizontal de aparcamento en batería na marxe esquerda en sentido descendente. E na rúa Leandro Díz  ate a intersección coa rúa Manuel Rodríguez, eliminarase a liña de aparcamento da marxe dereita da calzada para habilitar dous sentidos de circulación”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.

 

“Esta nova sinalización viaria, habilitando dobre carril na rúa Leandro Diz, lévase a cabo para poder realizar as obras de humanización e peonalización do treito da rúa Manuel Rodríguez desde a rúa Xogo da Ola ate a Praza de San Sebastián”, informou Pereira Fernández.

 

A Policía Local e a agrupación de Protección Civil procederán a sinalización de prohibido aparcar na rúa Leandro Díz para poder realizar os traballos de pintado.

 

No caso de que o tempo non o permita os traballos de pintado nas rúas anteditas, “a mesma empresa procedería o mesmo luns a colocación da sinalización vertical na rúa Aloques”, segundo comunicou o concelleiro responsable.

 

O Concello terá unha iluminación especial en catro datas inminentes de conmemoracións

O edificio do Concello terá unha iluminación especial en catro datas conmemorativas nas próximas semanas. A OMIX do Porriño, xunto coa Concellería de Educación e a de Igualdade e Cultura, anunciaron estas accións reivindicativas para estas catro datas: o 19 de outubro, Día Mundial contra o cancro de mama; 24 de outubro, Día Internacional contra o Cambio Climático; o 20 de novembro, Día Universal da Infancia, e o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

A primeira destas accións celebrarase o vindeiro martes 19, cando tanto a fachada principal como o lateral do edificio do concello estarán iluminados de cor rosa claro con motivo do Día Mundial contra o cancro de mama, unha data que busca sensibilizar e concienciar as persoas de todo o mundo sobre a importancia de realizar un exame de mamas regularmente, coa finalidade de detectar calquera signo ou anomalía. Tamén se pretende facer un recordatorio do compromiso da sociedade contra o cancro de mama.

Desde a OMIX de Porriño, a Concellería de Educación e o Consello da Infancia e a Adolescencia do noso concello, “animámosvos a que compartades todo o que descubrades sobre o cancro de mama nas vosas redes sociais e a que motivedes ás mulleres para realizaren o auto diagnóstico co cancelo #DíaInternacionaldelCáncerdeMama.

 

A Piscina Municipal recupera a normalidade

A Piscina Municipal do Porriño recupera a normalidade no seu funcionamento coa incorporación de cursos e clases para diferentes grupos de idade, como consecuencia do alivio das restricións debidas á pandemia.
Estes días habilitáronse as clases de iniciación á natación para bebés, dende os 6 meses ata os 18 meses. Do mesmo xeito, tamén se imparten clases de natación para nenos e nenas a partir dos 3 anos.

Por outra banda, tamén se retomaron as clases con grupos de alumnos a través das Anpas, así como as clases para adultos e maiores de natación, aquagym e Pilates, segundo Belén Pazos, directora da Piscina Municipal.

Finalmente lembramos o horario de funcionamento das instalacións:
– Luns: de 7.00 a 22.00 h.
– Martes: de 7:00 a 22:15.
– Mércores: de 07:00 a 22:00 h.
– Xoves: de 07:00 a 22:15.
– Venres de 7:00 a 14:00 e de 15:45 a 22:15.
– Sábados: de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30.
– Domingos: de 10:00 a 14:00.

 

A alcaldesa informou ao presidente do Cabildo da illa de A Palma, da achega acordada polo Concello

Esta mañá enviouse a carta que a alcaldesa Eva García dirixe ao presidente do Cabildo da illa de A Palma, Mariano Hernández, informándolle da axuda económica que o Concello do Porriño acordou para os afectados polas erupcións volcánicas.

A rexedora apórtalle o acordo da corporación municipal, acadado no pleno ordinario do 29 de setembro, de enviar unha achega de 20.000 € que se ingresará na conta creada polo propio cabildo insular.

Eva García de la Torre indica na carta que Porriño “é un concello de máis de 20.000 habitantes e non me equivoco se afirmo que o 100% da poboación empatiza co seu sufrimento e a dos seus concidadáns vendo como vidas, traballos, bens, historias quedaron completamente trocadas polas consecuencias devastadoras que está a ocasionar o volcán”.