Á vista das declaracións do Partido Popular do Porriño sobre o estado dos colexios públicos da vila, asegurando que o seu mal estado e os arranxos dos mesmos son competencia exclusiva do Concello, Eva García de la Torre fai varias preguntas que agrada que o PP conteste ás veciñas e veciños.
En primeiro lugar a alcaldesa quere que o PP do Porriño explique a razón pola cal se non é competencia da Xunta de Galicia a Consellería de Educación prometeu, en numerosas ocasións, arranxar a cuberta do CEIP de Atios, obra que finalmente foi asumida polo Concello.
“¿Por qué, se non é competencia da Xunta, Educación destina a cada centro unha partida, paupérrima, iso si, para mantemento que a dirección de cada un deles inviste no que considera oportuno?”. Se a Xunta de Galicia non ten competencia, “¿por qué en lugar de arranxar as garderías da Galiña Azul construíu unha nova en Mos á que acoden, na súa maioría, nenas e nenos do Porriño?”.
García de la Torre pregunta ao Partido Popular do Porriño “¿por qué, se non é competencia da Xunta de Galicia, a Consellería de Educación decide onde constrúe os centros, cal ten comedor, cal non, ou por qué inviste en colocar un elevador no CEIP Fernández López?”.
A alcaldesa agarda que o PP do Porriño explique as veciñas e veciños “¿por qué, se a Xunta de Galicia non ten competencia no arranxo das gravísimas deficiencias dos centros públicos de ensino, non tivo máis remedio que reparar o teito do CEIP da Ribera, en Torneiros, que se viu abaixo pola desidia e o desinterese da propia Consellería de Educación?”.
Por último , Eva García de la Torre quere saber se o Partido Popular do Porriño pode explicar as nais e país “¿por qué defende os intereses da Xunta de Galicia e non os das rapazas e rapaces do Porriño que estudan nos centros públicos da nosa vila e non esixe á Consellería de Educación que deixe de ignorar as súas gravísimas eivas ?”.
A alcaldesa reitera, á vista das accións, as iniciativas e os orzamentos municipais, o seu compromiso e o do Goberno local cos centros públicos do Porriño, “moito máis alá das competencias municipais, como saben ben as ANPAS, e suplindo as obrigas da Xunta”, e subliña que, coma é ben doado de comprobar, “o PP do Porriño non amosou, ni cando tiña responsabilidades de goberno nin en máis de tres anos deste mandato, preocupación algunha polos nosos centros de ensino, agás agora para saír en defensa dos intereses do Goberno galego, que está xestionado polo Partido Popular”.

Este ano a Festa terá un evento especialmente emotivo: a colocación da placa da nova praza Fidenciano Palacín. Trátase dunha inicativa que a asamblea de socios da Asociación de Veciños aprobou no ano 2016, e que reivindica a figura de don Fidenciano Palacín, veciño do barrio, impulsor de moitas iniciativas sociais e culturais e moi coñecido por ser o antigo carteiro do Porriño.
A solicitude da Asociación de Vecilños foi aprobada en Pleno da corporación municipal do Porriño por unanimidade de todos os grupos da corporación local e asumida polo goberno local, a través da concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto.
O Concello, lembra a alcaldesa, asumiu ata hoxe a totalidade dos custos das accións que se levaron a cabo no Contrasto: o subministro de auga para o consumo diario,a colocación nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros -nalgún caso ata dous-“que se enchen cando o demandan as veciñas e veciños”; a contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”, ou o dobre asfaltado da zona na que se realizaron as obras do saneamento no seu día.