Obradoiro para nenos “Coidemos o mar. Podemos!”

A Biblioteca Municipal organiza o obradoiro para nenos ‘Coidemos o mar. Podemos!’, no que participarán dúas investigadoras do Centro Oceanográfico de Vigo

Os nosos mares están en perigo, pero nós podemos facer moito para conservalos. A Biblioteca Municipal do Porriño, sensibilizada co respecto ao medio ambiente, quere contribuír a protexelos, e para iso actúa dende o ámbito da información e a formación.

Por iso, organiza o vindeiro luns, día 5 de xuño, coincidindo co ‘Día Mundial do Medio Ambiente’, o obradoiro infantil “Coidemos o mar, podemos!” .

A Biblioteca contará coa colaboración do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, que está a celebrar os seus 100 anos de historia. As investigadoras do IEO, María Sainza e Esther Román, coordinarán esta actividade onde se tentará ensinar, de forma divertida, como coidar e conservar o mar a través do coñecemento científico -bioloxía, vida mariña- e da presentación de accións que leven á conservación e sustentabilidade dos mares, evitando a contaminación -plásticos, ecosistemas vulnerables, educación responsable-.

Trátase dunha actividade gratuíta e aberta para público infantil entre 8 e 13 anos. Desenvolverase na biblioteca o luns de 6 a 7 e media da tarde. Para participar é necesario ser socio/a da biblioteca e inscribirse previamente, de forma presencial ou chamando por teléfono (986337624). As prazas son reducidas e cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.

A II Feira do Pan do Porriño, os días 2 e 3 de xuño

A II Feira do Pan do Porriño, este venres, día 2, e o sábado, 3 de xuño

A alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Cmercio, Marcelino Coto, a xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e representantes das panederías porriñesas, presentaron este luns a II Feira do Pan do Porriño, que se celebrará o venres 2 de o sábado 3 de xuño.

O venres, día 2, especialistas falarán de temas coma o emprendemento, o pan coma elemento de saúde, as fariñas tradicionais ou a formación no sector, para logo pechar esta xornada inaugural cun video que baixo o título “Panadeiros do Porriño: paixon e tradición”, quere rendir homenaxe a labor destes artesáns.

Esta xornada será tamén o intre no que se presentará públicamente a etiqueta “Pan do Porriño”, que nas vindeiras semáns, aparecerá no pan certificado das panaderías participantes no Consello Regulador do Pan do Porriño.

O sábado será o día grande da Feira. Dende as 10 da mañá, os postos estarán abertos na praza do Cristo; ás 11 un pasarúas da banda de Música de Valladares rematará cun concerto na mesma praza onde interpretarán o “Pasodoble Porriño” do compositor Rogelio Groba, e de seguido, o pregón da festa ao que seguirá o Show Cooking de maridaxe de productos con pan do Porriño, que esta ano correrá a cargo de alumnos da escola EFA A Cancela de As Neves.

A tarde terá como protagonistas aos máis pequenos coa celebración do IIª Mini Pan, un obradoiro de pan gratuito para nenos e nenas que este ano se realiza co apoio da empresa Muiño de Cuiña, unha das empresas que produce unha das mellores fariñas “páis” de Galicia.

A feira contará tamén con actividades para nenos e por primeira vez cunha zona de Food Trucks, neste caso, coa presenza de “A Pulponeta”. As marcas convidadas para maridar co pan, nesta ano son : Bodegas Eidosela, Mermeladas Carabuñas, Xamón de Castaña de Coren, Embutidos e Queixos Distapor, Conservas de Peixe Espada de Orpagu, Lamprea de Obrador de Lamprea, Requesón e Mel de As Neves, Mel de Api Roma e Cervexas Artesanais “A Curuxa”. Para os visitantes, habilitaranse mesas para poder xantar na propia feira.