O Porriño acolle do 11 ao 14 de maio unha das feiras do libro máis importantes da súa historia cunha completa programación e a visita de distintos autores

O vindeiro xoves, día 11, inaugúrase Feira do Libro do Porriño que durante catro días, organizada pola Federación de Librarías de Galicia e o Concello do Porriño, por medio da Biblioteca Municipal, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta, centrará a boa parte da actividade cultural da vila.

Este 2017 participan na feira a Editorial Planeta e as librarías, Arigató, Cartabón, Copi-Rey, Lafer, Nobel, de Burela, Paz, Pedreira e Recondo, que serán as encargadas de presentar os novos títulos ao público que se achegue á rúa Ramón González, onde estarán situadas as casetas.

Neses catro días, están programados diferentes actos, dentro do marco da feira, entre os que cabe salientar animacións infantís, teatro, visitas guiadas, nas que participarán os centros de educación do Porriño, obradoiros, monólogos e presentación de varios libros.

Entre eles cabe salientar, o sábado, día 13, ás 6 da tarde, a de ‘La Balada del Gato Negro’,de Alberto Ladero (Vigo 1967). Trátase da primeira novela do autor que ten coma protagonista a Víctor de la Hera, un famoso músico, líder e batería dun grupo de rock, que ademais da música ten coma paixón ao seu fillo, Diego, co que pasa todo o tempo que pode. O destino fai que o cativo teña un accidente de bicicleta e, mentres Víctor ve dende a porta de Urxencias como se levan ao seu fillo, atopará a comprensión doutra nai solitaria, Nita, unha ‘habitual’ deste servizo médico, dado que Alicia, a súa filla, ten un problema de corazón.

A esta presentación súmanse ‘De tu corazón a mi libro’, de Pablo Piñeiro Taboada e Hugo Sanmartín-o xoves, día 11 ás 8 da tarde-; ‘Un lugar a dónde ir’, de María Oruña, o venres, día 12, á mesma hora; ‘Olvídate del cielo’, de Rocío López Núñez, o sábado, día 13, ás 7 da tarde, e presentación – concerto do libro ‘Volta, Revolta e Reviravolta’, de Maimiñas, o domingo, día 14 ás 6 e media da tarde.

O mesmo xoves, día 11, ás 7 da tarde,a alcaldesa, Eva García de la Torre, presidirá a inauguración da Feira que, ás 7 e media, contará co pregón do escritor e xornalista porriñés Diego Giráldez (1976).

Durante cinco anos traballou na redacción do xornal A Peneira, dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, Kalaikia. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais Xornal de Galicia, A Nosa Terra e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública e na revista Luzes. Fundou e dirixiu a revista Malladoura e dirixe o CanZine, publicación oficial do Festival de Cans.