O programa da TVG ‘Aquí Galicia’ emitirase este sábado, día 30 de setembro, dende O Porriño

O vindeiro sábado, día 30, o programa da TVG Aquí Galicia’ retransmitirase dende a Praza de San Sebastián, no Porriño. A emisión empezará ás 4 e media da tarde.

Durante o programa haberá conexións en directo a pé de rúa, actuacións de orquestras galegas, grupos tradicionais e grupos de baile, ademáis de minutos adicados á gastronomía, todo guiado por Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes.

Rúas do Porriño cortadas ao tráfico o nas que estará prohibido aparcar co gallo das probas ciclistas do venres, dia 29

A Policía Local do Porriño informa de que co gallo da celebración das probas ciclistas, o vindeiro venres, día 29, estará prohibido aparcar dende as 5 da tarde e se cortará o tráfico dende as 7.

As rúas afectadas son: Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o número 1 ata o cruzamento coa rúa Xogo da Ola, esta última rúa, Leandro Diz, dende o cruce de Xogo da Ola, en dirección ao paso a nivel, rúa Cando, rúa Mercado-na que estará permitido aparcar, pero a saída da rúa Cando estará cortada dende as 7 da tarde-, rúa Peña e Pío XII-estará cortada pero pódese estacionar nela-.

Os ‘mellores callos do mundo’ este domingo, 1 de outubro, no Porriño

O Porriño agarda superar as 20.000 racións o vindeiro domingo, día 1 de outubro, na que será a XXIV ‘Festa dos Callos’, coa que se pon fin ao Cristo deste 2017.

A presentación da mesma, na que participaron este martes a alcaldesa, Eva García de la Torre, o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, o presidente dos hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández, a presidenta da Asociación de Comerciantes (ACIPOR), Juana Pérez, a a xerente da mesma, Noelia Conde, contou coa intervención dunha das protagonistas da festa deste ano a coñecida Lola Manisca, quen aportou a súa experiencia e as súas lembranzas desta festa que, como indicou “ten moitos máis anos ca min”.

Preto de 50 locais, restaurantes e bares ofrecerán callos cociñados con distintas receitas-algunhas delas seguen a ser un segredo que gárdase en cada familia- e que se servirán a un prezo de 4,5€ a ración con pan e a cazola, ou 4€ se son para levar.

Programaciòn das ‘Festas do Cristo 2017’, para este luns, día 25 de setembro

Este luns, día 25, dentro da programación das ‘Festas do Cristo 2017’-que pode consultarse na web ecultura.net- Obradoiros Infatís na Carpa do Roxy de 12 a 14:00h. e de 17:30 a 20:30; antes, no Parque do Cristo, primeiro pase da Banda Cultural de Arcade; dende as 6 da tarde, Charanga Turres Band, polas rúas do centro.

A película ‘Canta’, suspendida o sábado día 23, proxectarase finalmente este luns, ás 6 da tarde na Carpa do Roxy.

Ás 8 e media da tarde, tamén no Parque do Cristo, nova actuación da Banda Cultural de Arcade; ás 9 e media, na Praza de Antonio Palacios, ‘América Tributo’ e Banda de Nash no Espectáculo Tributo a Queen e as 10 e media da noite, volta a Banda Cultural de Arcade á Praza do Cristo.

O Concello do Porriño e o Consorcio de Augas do Louro actúan nun verquido detectado no Polígono de As Gándaras

Técnicos da Concellería de Medio Ambiente do Porriño e do Consorcio de Augas do Louro –un enxeñeiro técnico municipal, o enxeñeiro responsable da UTE Consorcio do Louro, e membros da asistencia técnica de IDOM, ademais do propio xerente do Consorcio-, desprazáronse  onte, venres, á  zona da parte traseira do edificio dos Bombeiros, no Polígono de As Gándaras, onde, dende unha empresa, se producirá unha vertedura de aceites e graxas.

Foi o Servizo de Conservación da Natureza quen alertou do mesmo ao redor das 9 da mañá polo cal, axiña, recolléronse varias mostras da balsa de retención que instalara o Servizo de Conservación -proceso no que estivo presente, ademais, un técnico da Confederación Hidrográfica del Miño-Sil-.

Membros do propio Consorcio do Louro, entidade presidida pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, realizaron unha completa inspección da rede de pluviais do Polígono, ademais das acometidas das empresas da contorna ao tempo que axudaron, cun camión depresor, nos traballos de eliminación do verquido que superaba os 25 metros cúbicos.

O concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, sinala que abriuse un expediente informativo en relación con este verquido, que as mostras están a ser analizadas e lembra que, segundo regulamento do Consorcio do Louro, a empresa responsable deste feito enfróntanse a unha sanción de entre 30.000 e 100.000€, ao considerarse como moi grave.

Son consideradas infraccións moi graves aquelas que, por cantidade ou calidade da vertedura, deriven a existencia dun risco moi grave para a saúde das persoas, os recursos naturais ou o medio ambiente.

O Concello impulsa nos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do Porriño distintos programas a prol da igualdade e contra a Violencia de Xénero

A Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, presentou este venres dous proxectos que se desenrolarán nos centros educativos do Porriño e que teñen coma obxectivo o de impulsar, “dende as ideades máis temperás” o concepto de igualdade.

O primeiro deles, destinado a cativas e cativas de 5 anos, que cursan Educación Infantil, quere “quitar as etiquetas” de xénero empregando para eles os xoguetes e as profesións de xeito que as pequenas e pequenos visualicen  e perciban unha realidade que xa superada: que non hai xoguetes ou profesións que sexan diferenciadas para homes e para mulleres.

Unha segunda actividade estará destinada a alumnas e alumnos de 6º de Primaria e terá coma obxectivos a eliminación do ‘Bulling’, o acoso escolar, usando o que se coñece coma ‘Mapa de Empatía’ que pon o foco deste problema na persoas acosada e no seu acosador ou acosadora, de xeito que as rapazas e rapaces se poñan no pel delas.

Os mesmos estudantes traballarán, en equipo, cunha APP que lles permitirá fomentar a creatividade tendo coma referencia o xénero.

Polo que atangue a Educación Secundaria, a Concellería de Igualdade impulsa un programa para a Prevención da Violencia de Xénero en Adolescentes, no que os protagonistas son as rapazas e rapaces de 2º e 3º.

A súa finalidade es que sexan elas e eles mesmos os que o desenrolen e o xestionen como queiran para chegar ás conclusións e deducións propias debatendo sobre certos roles que teñen que ver con este problema.

A necesidade de poñer en marcha este proxecto veu dado polas conclusións dun estudo sobre a Violencia de Xénero nestas idades que aportaron datos tan preocupantes como que en España número de adolescentes con problemas relacionados coa violencia de xénero aumentou nun 50% no último ano; máis de 2.000 adolescentes contan con protección coma vítimas deste tipo de maltrato; un 12,2% de menores de 18 está sometido a medidas policiais neste ámbito.

Aínda que o 96% das chicas e o 92% dos chicos rexeiten a violencia de xénero, non recoñecen que haxa este tipo de violencia en actitudes ou comportamentos coma o control por parte da súa  parella do seu teléfono móbil ou o seu xeito de vestir.

O 60% das rapazas que denuncian este comportamento non recoñecen que son elas as vítimas; as primeiras relacións sexuais consúmanse con 12-13 anos e nesa mesma idade moitas rapazas e rapaces xa tiveron contacto co alcohol e as drogas.

“O feito de que o 27,7% dos centros, o 39,9% das profesoras e profesores traballen nestes temas e que a metade dos adolescentes sinalen que lles falaron nos seus centros educativos de violencia de xénero, fai que os institutos sexan o lugar máis axeitado e convinte para impulsar este programa”, indica Soledad Girón.

O xornalista e escritor porriñés Diego Giráldez pregoeiro das ‘Festas do Cristo 2017’, este sábado día 23

Este sábado, día 23, ás 12 e media do mediodía, na Praza de Antonio Palacios, o escritor Diego Giráldez, será o encargado de ler o pregón co que darán comezo as Festas do Cristo 2017.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976), é licenciado en Historia da Arte, exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Durante cinco anos, traballou na redacción do xornal ‘A Peneira’ dirixindo unha das súas cabeceiras comarcais e coordinando o seu suplemento cultural, ‘Kalaikia’ a nivel galego. Ao tempo, colaboraba como columnista de opinión cos xornais ‘A Nosa Terra’ e ‘Xornal de Galicia’ e, a través de reportaxes culturais, co El País. Na actualidade, escribe no diario Praza Pública -formando parte do seu consello de redacción- e na revista ‘Luzes’.

Ten varios libros publicados relacionados coa historia do Porriño, dirixiu a revista de recuperación histórica local ‘Malladoura’ e fundou e dirixiu o ‘CanZine’, a publicación oficial do Festival de Cans.

En 2016, a editorial Xerais publicou o seu primeiro traballo literario “Galería de saldos”.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto. En 2011, no Porriño, concedéronlle o Premio Círculo “Cultura”. En 2015, fíxose co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e en 2016 gañou o premio literario “Manuel Murguía”, o máis importante certame de relato curto de Galicia. Nos premios “Fervenzas Literarias” de 2016, o seu libro “Galería de saldos” foi elixido polos lectores o segundo mellor traballo de narrativa galega e Diego Giráldez “mellor autor galego do ano”.

O deportista Daniel Fernández fai unha parada no Porriño na súa ruta de 180 quilómetros en bici, nun so día, para darlle visibilidade ao Alzheimer

Daniel Fernández Cerzón fixo unha parada este venres no Porriño na ruta que comezou hoxe e e que ten coma obxectivo darlle visibilidade ao Alzheimer e, ao tempo, recadar fondos para a Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga).

O deportista de Gondomar, que saíu de Vigo ás 9 e media da mañá tiña coma desafío facer 180 quilómetros en bicicleta seguindo por Redondela, Mos, Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda e Nigrán e volvendo a Vigo.

Daniel, que foi recibido diante do Concello pola alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Igualdade e Benestar, Soledad Girón, o concelleiro de Comercio, Medio Ambiente e Urbanismo, Marcelino Coto, e o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, ademais doutros representantes da asociación, xa completara outros dous desafíos igual de duros: o pasado mes de maio estivo correndo 24 horas sen parar por Praia América e o mes pasado fixo o mesmo no Parque de Castrelos, en Vigo.

O Porriño di “non” á proposta de ADIF de “encaixar” o paso a nivel situado no centro do casco urbano

“Non”. Esa foi a resposta que deu a maioría da Corporación do Porriño, este xoves á directora xeral de Explotación e Construción de ADIF, Isabel Pardo de Vera, na xuntanza que mantivo no Concello coa alcaldesa, Eva García de la Torre, e os voceiros dos grupos políticos municipais.

ADIF traía coma proposición a de “encaixar” o paso a nivel que atravesa o centro do Porriño, que os peóns cruzasen por baixo da vía, por un paso soterrado ao que accederían nun ascensor, e os coches circulasen por un paso elevado situado a uns metros do paso a nivel.

A alcaldesa, que foi a única que compareceu ente os xornalistas, subliñou que esa pretensión de ADIF non é aceptábel e que o único que faría é que a actual situación do paso a nivel se alongase “cen anos máis”.

Para García de la Torre non hai máis solución que un cambio do trazado da vía o cal, lembrou, os responsábeis de ADIF vían posible en 2006, contando para elo co acordo entre o Goberno do Estado, o Goberno de Galicia e os concellos de Mos e O Porriño.

Ate que non se atope unha solución definitiva, a Corporación do Porriño esixiu que as medidas de seguridade sexan extremas, logo de moitas incidencias e fallos nas barreiras do paso a nivel e grande velocidade –de ata 150 quilómetros por hora- á que circulan os trens polo centro do Porriño.

A alcaldesa e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, presiden a Xunta Local de Seguridade do Porriño

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, presidiron este mércores a Xunta Local de Seguridade de O Porriño, unha xuntanza á que asistiron os concelleiros de Seguridade, Lourdes Moure, e de Tráfico, Orlando Márquez, e o novo xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, xunto con  representantes municipales, da Garda Civil e Policía Autonómica.

Na xuntanza analizouse o estado actual da seguridade no Porriño, especialmente logo da reunión de onte da Gardia Civil cos responsábeis das policías locais para tratar das medidas antiterroristas que abrangue o nivel 4 de alerta.

A alcaldesa e a subdelegada salientaron a importancia da cordinación entre os Corpos e Forzas de Seguridade que no Porriño é “moi estreita” entre a Policía Local e a Garda Civil. Así mesmo, confirmaron que entre xaneiro e agosto deste ano, en relación co mesmo período de 2016, houbo un repunte das infracións penais no Porriño.