Aberto ao público o Parque Infantil do Cristo, logo dunha reforma integral e a colocación dun novo bambán para persoas con diversidade funcional

Dende este xoves está aberto ao público o parque infantil do Cristo logo dunha reforma total do mesmo que abrangue a arranxo duns bambáns e substitución doutros, a retirada do chan de área e a colocación dun novo xogo adaptado a persoas con diversidade funcional, como adiantara o concelleiro de Parques e Xardíns, Orlando Márquez, hai unhas semanas.

En total, o Concello investiu neste proxecto, desenrolado por HPC Ibérica, un total de 34.000€, incorporando un novo chan de caucho continuo ‘anti-impacto’, o devandito bambán para persoas con diversidade funcional– orzamentado en 4.000€- o peche do perímetro e a colocación de entradas ‘anti-can’.

Orlando Márquez, que este xoves estivo acompañado por Israel Mercader, que como noutros traballos do Concello, asesorou neste proxecto sobre integración e accesibilidade, sinalou que nas vindeiras semana empezará o labor para acondicionar tamén os parques do Centro Social de Atios,  de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os do centro social de Pontellas, o de Fontevella, na rúa Pío XII, ou o do Matadeiro, á beira do Louro.

Aprazada a proxección da película ‘Hotel Transylvania 2’, programada para este xoves, 6 de xullo, na Praza de Antonio Palacios

A proxección da película ‘ Hotel Transylvania 2’, que estaba programada para este xoves, día 6 de xullo, ás 10 e media da noite, na Praza de Antonio Palacios, ven de quedar aprazada por mor das condicións climatolóxicas.

Nuns días coñecerase a nova data fixada para a exhibición deste filme que poden ver todos os públicos.

A Concellería de Vías e Obras acomete a recuperación da Avenida Buenos Aires e a mellora da súa acccesibilidade

A Concellería de Vías e Obras, dirixida por Manuel Carrera, leva a cabo na Avenida Buenos Aires unha recuperación integral da mesma coa reparación de beirarrúas, a construción dunha nova na entrada do popular  ‘escondidiño’ , na que anteriormente se fixera unha cesión para facilitar o seu ensanchamento, e  a adaptación de todos os pasos desta avenida para mellorar a accesibilidade da mesma.

O concelleiro salienta que a obra, que rematarase no prazo de dous meses, está a cargo de traballadores contratados grazas ao ‘Plan Concellos 2017’ da Deputación de Pontevedra, e agradece a importante colaboración neste proxecto de Israel Mercader, un referente no Porriño na loita pola eliminación das barreiras arquitectónicas e a mellora da accesibilidade.

A mellora da avenida, explica Manuel Carrera, ten un orzamento, nesta primeira fase, de 20.000€, “que se asumen con fondos do propio Concello” e, engade, “cumpre coa solicitude de moitos veciños do Porriño que viñan reclamando, dende hai tempo, que se acometerán estas melloras”.

O luns 10 de xullo ábrese o prazo para a inscrición de comparsas en Porrigalia

O prazo para a inscrición de comparsas e asociacións culturais e veciñais, que deben de estar integradas por un mínimo de 10 compoñentes para optar aos premios por participación, estará aberto do luns 10 de xullo ata o martes día 18, de luns a venres en horario de 2 a 6 e media da tarde.

A cantidade a repartir por premios acadará un orzamento máximo de 6.000€, sendo, pola participación de 200€ para comparsas de 10 a 19 compoñentes; 350€ se teñen de 20 a 39 integrantes; 600€, se a forman de 40 a 55 persoas, e 800€ se son de 56 a 80 membros.

Os premios para as mellores serán de 2.000€ para a vencedora, de 1.500 para a segunda clasificada e de 500€, para a terceira.

Iniciativas no Parlamento de Galicia para que @Xunta acometa xa as melloras que precisa o Centro de Saúde

Os deputados no Parlamento de Galicia, Abel Losada, Julio Torrado Quintela e Noela Blanco Rodríguez, veñen de impulsar dous iniciativas relacionadas coa situación do Centro de Saúde do Porriño e as súas condicións.

Logo de lembrar que hai máis de sete anos, o día 21 de abril de 2010 no Faro de Vigo, publicouse unha noticia na que se destacaba que o entón alcalde do Porriño,do PP, xunto coa concelleira de Sanidade en aquela data, reuníronse en Santiago co director de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela cunha superficie de 525 metros cadrados, e poder iniciar así as obras de ampliación do Centro de Saúde do Porriño canto antes e de que esta ampliación “fora anunciada en varias ocasións xa en anos anteriores subliñando que a firma do acordo entre o Concello e a Xunta de Galicia permitiría priorizar estas instalacións de Atención Primaria” e que estas  promesas quedaran en nada, presentan, en primeiro lugar unha proposición non de lei.

Nela piden ao Parlamento a que inste ao Goberno de Galicia a que presente, “no prazo de tres meses un plan específico para acadar unha solución aos problemas que presentan o Centro de Saúde e a UAD (Unidade Asistencial de Drogodependencias) do Porriño”.

Así mesmo, esixen que se reinicie neste mesmo ano o proxecto de ampliación do centro de saúde, “e a debida dotación dos medios técnicos e humanos, acorde coas necesidades existentes, consignando as partidas orzamentarias correspondentes nos orzamentos de 2018”.

Finalmente piden que se garanta o reforzo da UAD, para que “poda levar a cabo unha labor integral no tratamento das drogodependencias”, e que esta se faga nas mellores condicións para os e as usuarias e as súas familias.

Ademais desta proposición non de lei, os deputados fan varias preguntas parlamentarias para o seu debate na Comisión de Sanidade: “É consciente a Xunta de Galicia das carencias existentes no ámbito da atención sanitaria no concello do Porriño, tanto no centro de saúde, como na UAD?”;  “ Despois de anos de promesas valeiras, ten desenvolvido algún plan de actuación específico para solucionar eses problemas?”;  De ser así, cal é o calendario da aplicación deste plan?; Cales son as actuacións mais relevantes? e cales son os seus obxectivos?”

O paro volveu baixar en xuño e en dous anos O Porriño pasou de 2.139 desempregados a 1.705

O número de parados descendeu o o mes de xuño no Porriño en 72 persoas, segundo informou este martes o  Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.705 desempregados anotados nas listas da oficina do Servizo Galego de Emprego.

Trátase do mellor dato de emprego dende 2009 e sitúa o paro no Porriño no 18,7% de paro  amosando unha baixada que fai que o número de veciñas e veciños sen traballo se achegue aos 1.700, o cal non pasaba dende finais de 2008.

En relación co mes de xuño de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 314 persoas, pasando de 2.019 a 1.705 e, porcentualmente, do 23,4 ao 18,7%, preto de 4 puntos nun ano.

Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego no  Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.705 este mes de xuño, o que supón a creación de 434 empregos e unha caída do paro dun 5%.

A concelleira de Emprego, Soledad Girón reitera que a creación de postos de traballo segue a ser a prioridade número un do Goberno municipal e reitera que as iniciativas promovidas dende o Concello “funcionan”.

A concelleira fai referencia aos acordos con empresas para a formación de traballadores desempregados; os  ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de preto de medio millón de euros no que vai deste ano, e o feito de buscar e promover o entendemento con outras administracións.

Neste senso, este mesmo venres, día 7 de xuño,a Concellería de Emprego organiza ‘Recursos para o acceso ao emprego’, unha xornada na que se fará unha exposición dos recursos que ofrece o Concello para a busca de emprego e daqueles acordos aos que chegou coas  empresas da contorna para a execución de programas formativos.

Xornada ‘Recursos para o acceso ao emprego’, este venres, día 7 de xullo, organizada pola Concellería de Emprego

O Multicentro de Torneiros será a sede, o vindeiro venres, día 7 de xullo, da xornada  ‘Recursos para o acceso ao emprego’, organizada pola Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Soledad Girón.

Durante a mesma-en horario de 9 da mañá a 2 da tarde-  farase unha exposición dos recursos que ofrece a Concellería para a busca de emprego e dos acordos de colaboración coas empresas da contorna para a execución de programas formativos. 

“O obxectivo é chegar á xente, para que cada vez sexan máis as porriñesas e os porriñeses que obteñan unha oportunidade a través da Concellería de Emprego”, indica Soledad Girón quen engade que “aproveitamos o encontro para que axentes institucionais, profesionais e especialistas no mercado laboral poidan aportar a súa visión sobre o acceso ao emprego e proporcionar ferramentas de utilidade para a toma de decisións laborais”.

Para expor todos estes puntos participarán nesta xornada poñentes de ámbito galego, como Eduardo Adán, director territorial de Nortempo en Galicia, que falará de ‘Intermediarios de Emprego, Alejandro Martínez e Teresa Ventín, conselleiros de Eures, que informarán de cómo ‘Traballar en Europa’; Pablo Búa, titular do ‘blog’ ‘Escenario Laboral’, quen sinalará qué liñas hai que seguir para ‘Mellorar a túa marca persoal na búsqueda de emprego’; Fernando Clemente, director de ‘Quick Up, quen desenrolará o tema ‘Máis información, máis emprego’; xunto a eles, a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón,e dous técnicos que exporán, polo miudo, o Programa de Formación Municipal.

As persoas interesadas en participar nesta xornada poden facer a inscrición na mesma entrando no portal web de Porremprego, www.porremprego.org, ou ben nas oficinas de Torneiros, no Polígono III, 36410 O Porriño.

Empezaron os Campamentos de Verán do Porriño

Dende este luns, día 3 de xullo, están en marcha os Campamentos de Verán organizados pola Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que fai posible que, ano tras ano sexan unha realidade.

Os mesmos, que durarán seis semanas, ata metade de agosto, son totalmente de balde para os 40 nenas e nenos que gozarán, cada unha desas semanas, dos mesmos.

O único requisito que teñen que cumprir as rapazas e rapaces, os que están xa participando dos campamentos e os que o faràn os vindeiros día-, como sucederá nos campamentos programados para 15 días no Nadal- e que deben de estar empadroados no Porriño e ter nado entre os anos 2005 e 2011.

Soledad Girón lembra que o obxectivo destes campamentos é o de “fomentar a conciliación familiar” durante os meses de lecer, “de aí que sexa a Concellería de Igualdade quen os organice”, ademais de impulsar a interacción e a integración entre todos os asistentes aos mesmos.

A concelleira salienta que durante estas semanas, as rapazas e rapaces desenrolarán diferentes actividades que terán moito que ver co respecto á natureza, coa súa conservación e coidado, impulsando acción de reciclaxe.

Así mesmo, outro dos eixos destas semanas de convivencia será  unha “aposta afouta pola  igualdade”: a mesma estará presente en cada unha das propostas que se leven adiante estes días nos diferentes escenarios aos que irán movéndose ás rapazas e rapaces que participan nos campamentos.

Todo preparado para as Festas de San Benito, que se celebran os días 9, 10 e 11 deste mes de xullo

As Festas de San Benito, que se desenrolarán o vindeiro domingo, día 9 de xullo, luns, día 10 e martes, día 11, abranguen un completo programa de actuacións musicais e actos relixiosos, todo programado pola Comisión de Festas de San Benito, coa colaboración do Concello do Porriño.

O domingo, día 9, ás 8 da tarde, está previsto o Concerto folk das Asociación Cultural San Xurxo de Mosende; ás 9 e media chegará a primeira das distintas verbenas previstas, neste caso a cargo da Orquestra Salazar.

O luns, día 10, ás 8 da tarde, Concerto folk da Asociación Cultural Os Zoqueiros, do Porriño, ás 9, Concerto de Argonat Band e ás 11 da noite, Verbena coa Orquestra Saudade.

O martes, 11, empezará ás 10 e media da mañá co Pasarrúas da Banda Popular de Tui; seguirá ás 12 coa misa solemne na Igrexa de Santa María, co Coro Orfeón Porriñés, dirixido por Antonio Paz.

De seguido, Procesión ata a Capela de San Benito, co acompañamento da Banda Popular de Tui; posteriormente, será a poxa das uvas do santo e as ofrendas diante da capela.

Ás 8 da tarde, Concerto da Banda Popular de Tui; ás 9 e media, Verbena coa Orquestra Quien lo diría, e pechará as festas co Concerto de Best Boy.

A Concellería de Vías e Obras remata a reparación da estrada e a ponte en A Quinta, na parroquia de Chenlo

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de rematar a reforma integral da ponte, en A Quinta, na parroquia de Chenlo, que estaba moi deterioradA, o mesmo que a vía municipal, que afundira por mor das choivas e que representaba un perigo para as persoas que transitan por esta zona do Porriño.

Os traballos abrangueron a transformación da base da ponte, que se movera, con módulos prefabricados de formigón, de 2,50 por 2 metros; a colocación dunha varanda de seguridade nos laterais do camiño; a fixación de ‘aletas’ de contención para terras e o acondicionamento e reparación da estrada, que cedera, facendo que a auga filtrase e erosionase tanto o firme coma a base do paso tapando, ademais, as arquetas de drenaxe.

En total o orzamento destinado a esta obra achegouse aos 43.000€ que permitiron recuperar a ponte, garantir a seguridade dos peóns, arranxar a calzada e adiantarse á posibilidade de que puidese producirse outro arrastre de terra e pedras cando chegue o inverno e cheguen as treboadas.