O Concello segue adiante coa limpeza das parroquias completando a de Torneiros en lugares que “non se limparan nunca”

O Concello está a levar a cabo unha completa labor de limpeza no Porriño, traballos que, como adiantara hai unhas semanas a alcaldesa, Eva García de la Torre, chegará a todas as parroquias.

Nas mesmas estase a completar o desborde dos camiños, corte de maleza, retirada de silvas, saneamento de pontes e sendas, corte de herbas, roza, poda de árbores, mellora dos xardíns, arranxo de parques, aviado de pistas e beiravías ou colocación e baldeado de colectores do lixo.

Dentro deses traballos completouse a limpeza de beirarrúas, escaleiras e prazas de Torneiros con maquinaria a presión e chegando a puntos que, subliña a alcaldesa “non se limparan nunca en máis dunha década” e que presentaba un aspecto “lamentable e descoidado e que, maila as constantes queixas dos veciños, nunca se adecentaran”.

García de la Torre subliña que estes traballos seguirán por todas as parroquias, sumaranse aos realizados en diferentes  partes da vila, nos que se completan “a diario” labores de desborde, baldeo, corte de céspede, retirada de lixo e moblaxe e varrido.

Así mesmo, axiña estará rematada xa a recuperación e reforma da práctica totalidade dos parques infantís do Porriño, coma os da Praza do Cristo, Centro Social de Atios, os de Orbenlle, e A Forna, na parroquia de Budiño, os dos centros sociais de  Mosende e Pontellas, o de Torneiros, o da rúa Pío XII ou o do Matadeiro, varios dos cales xa están listos para o gozo dos cativos e, nalgúns casos, de maiores, posto que incorporan compoñentes biosaudabeis-como timóns, andadores, volantes ou barras paralelas-, e elementos para persoas con diversidade funcional.

A Corporación do Porriño apoia ás nais e pais do CPI da Ribeira e rexeita, de novo, o peche das aulas da ESO do centro

Varios membros da Corporación Local, entre eles a alcaldesa, Eva García de la Torre, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, e o voceiro de EU Son, Pedro Ocampo apoiaron, de novo, a reivindicación das nais e país do Centro Público de  Integración (CPI) da Ribeira para que non se pechen as aulas de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), do mesmo.

Os membros da ANPA concentráronse na Praza de Antonio Palacios e, logo, estiveron no Pleno do Concello onde as representantes das ANPA tiveron a oportunidade de intervir e pedir, unha vez máis, ao Goberno de Galicia que non siga adiante con esta medida.

A Corporación do Porriño aprobara na súa reunión anterior unha moción na que se rexeitaba este peche, ademáis dun ataque á Educación pública, gratuíta e de calidade, suporá unha merma para o único centro público de integración do Porriño, no que o 35% dos seus alumnos son de etnia xitana.

Colocados os primeiros paneis que explican os elementos culturais, arqueolóxico, históricos e naturais do Porriño

O concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, supervisou a colocación dos primeiros paneis explicativos que xa están diante de varios dos elementos culturais máis importantes do Porriño.

Os sinais- de 85×100 cms- que foron sufragados con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, están situados diante do Pazo de Pontellas, da Igrexa de Santa Baía de Atios, do Xacemento Paleolítico de As Gándaras de Budiño, no ‘Templete’ de Palacios e na Ruta dos Muiños do Castro.

As persoas que os consulten poderán atopar nos mesmos-en galego e castelán- unha pequena explicación sobre as características, antigüidade, importancia cultural e patrimonial e historia de cada un dos lugares que sinalizan.

A intención do Concello, como subliña Marcelino Coto, “é seguir con este programa e optar a unha nova subvención convocada para este fin”. O concelleiro de Urbanismo indica que “este Goberno quere facelo mesmo con todos os elementos patrimoniais do Porriño, tanto para salientar a súa importancia histórica e cultural, coma para darlle pulo ao seu interese dende o punto de vista turístico”.

Xa podes inscribirte para participar en Porrigalia 2017

As persoas interesadas en participar en Porrigalia 2017, que se celebra no Porriño, organizada polo Concello, os días 21,22 e 23 de xullo, xa poden entrar no portal web porrigalia.gal e inscribirse dentro dos ‘Gremios’ que  estarán presentes na festa; integrar as Comparsas que desfilarán na mesma ou solicitar un dos postos que se abrirán nela.

En porrigalia.gal atoparán a ‘Folla de incrición de Gremios’ e as bases tanto de Participación de Comparsas como de Funcionamento dos Postos.

SmartPeme do Porriño imparte, totalmente de balde, dous talleres sobre Facebook dirixidos a PEMES e autónomos

A semana que ven, o Punto SmartPeme O Porriño, que ten o seu centro no Multiusos Municipal de Torneiros, imparte dous talleres dirixidos a PEMES e autónomos e totalmente de balde.

O martes, día 13 de xuño, ás 7 da tarde, ‘Facebook para non iniciados’. O mesmo está pensado para amosar cómo crear e xestionar, dende cero, unha páxina profesional en Facebook. O público do mesmo son profesionais que non teñen ‘fan page’ ou que empregan o seu perfil persoal e non unha páxina de empresa.

O xoves, día 15, á mesma hora, ‘Promociona a túa páxina de Facebook con aplicación externas’, que está pensado para profesionais que queiran potenciar Facebook da cara á consecución dos seus obxectivos.
Para facelo posible resultan de utilidade aplicación que permiten crear e xestionar promocións e concursos e ampliar ás funcionalidades estándar de Facebook. Neste taller, os asistentes aprenderán a acadar estes obxectivos empregando as devanditas aplicacións.

As persoas interesadas en participar en calquera destes talleres poden remitir un correo ao enderezo electrónico oporrino.smartpeme@depo.es, chamar ao teléfono 886 20 20 20, entrar no portal web SmartPeme – www.smartpeme.depo.es, e logo de validar o usuarios, anotarse neste ou noutros talleres e mesmo solicitar sesión de asesoramento TIC que se dan sen custo algún para PEMES e autónomos.

As alumnas e alumnos do Pino Manso reciben este luns o ‘Premio de Cooperativismo’ do Goberno de Galicia

Os alumnos e alumnas do IES Pino Manso recibirán este luns –ás 11 e media da mañá- o ‘Premio de Cooperativismo’ do Goberno de Galicia, pola realización dun mapa dixital de accesibilidade en cadeira de rodas a establecementos da contorna empregando as novas tecnoloxías.

O galardón, que vai acompañado dunha dotación económica de 1.000 €, forma parte da modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida aos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial de Galicia.

Este concurso ten por obxecto potenciar e propiciar valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Tras a entrega do galardón os estudantes poderán desfrutar da compañía teatral ‘Xarope Tulú’, que representará a súa obra ‘Cardume’, un espectáculo  que combina a narración oral coa música en vivo, no que o público participa converténdose en ocasións en protagonista.

Este domingo, 11 de xuño, V Mercado Saudable do Porriño

Este domingo, día 11 de xuño, O Porriño será o escenario, por quinto ano consecutivo, dunha nova edición do Mercado Saudable, como lembra o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto quen, xunto coa presidenta da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, ‘Mensa’ Rodríguez, o membro desta asociación, Demetrio Calvo, e organizador, Carlos Rodríguez, presentou o mesmo o pasado mércores.

O mercado, que empezará ás 11 a mañá na rúa Manuel Rodríguez, moi preto da Capela de San Sebastián, estará aberto ao público ata as 9 da noite e no mesmo os asistentes poderán achegarse, coñecer, e preguntar sobre “todo canto está relacionado coa alimentación saudable”, como subliña Marcelino Coto.

Haberá talleres para rapaces, como o de cabazas –que logo pódense empregar no Samaín, repostería, cervexa ecolóxica, gastronomía do mar, “con polbo, ameixas, mexillóns, ou longueiróns, cociñados con auga mariña”, eco-tendas, comercio xusto, artesanía, cosmética natural, lamberetadas ou produtos da horta, ademais de actividades saudábeis, coma unha andaina, que comezará ás 11 e media da mañá.

Dentro das propostas hai unha que, coma salientou Carlos Rodríguez, ten especial importancia: o primeiro Mercado da Moringa que se celebra en Galicia. A Moringa é unha árbore que ten numerosos nutrientes e do que se aproveita dende as follas, ata a flor, pasando polos froitos, dado que ten un altísimo contido en calcio, ferro ou fósforo.

Tomando coma base a Moringa, haberá unha degustación de cervexa, pan, queixo ou batidos, que teñen o mesmo coma base, membros da Asociación de Veciños elaborarán unha torta de Moringa, porase á venda plantas e sementes da mesma e unha bióloga e especialista e nutrición falará, de 12:15 a 13:15 horas, das vantaxes e propiedades desta árbore que “a OMS e a FAO recomendan cultivar en países en desenrolo”.

A alcaldesa e a concelleira de Educación inauguran, xunto co autor e estudantes do Porriño, a poesía visual ‘Azabache’

A alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Educación, Lourdes Moure, asistiu este venres á inauguración do poema visual ‘Azabache’, do poeta e dramaturgo vigués David Fernández, poema que está xa na fachada da Piscina Municipal.

Os protagonistas foron as rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria de todos os centros educativos do Porriño, cos que David Farnández levou adiante o seu Proxecto Caligrama 2000, unha iniciativa que ten coma obxectivo achegar a poesía visual aos máis pequenos.

“Dentro das múltiples e infinitas interpretacións da obra, ‘Azabache’ é, en síntese, unha reivindicación da infancia, a mocidade e, especialmente da nosa esencia ou autenticidade, un valor que contrasta totalmente coa superficialidade dunha parte importante da nosa sociedade”, subliñou o artista.

Manuel Carrera e o conselleiro Francisco Conde tratan a posta en marcha de “importantes proxectos enerxéticos” para O Porriño

O concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera, mantivo este mércores unha xuntanza en Santiago co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para tratar distintos temas de interese para O Porriño.

Manuel Carrera informou ao conselleiro da presentación da solicitude de subvención para o un proxecto Rede de Calor ’District Heating’, coa finalidade de instalar na contorna do Pavillón Municipal unha pequena ‘estación de biomasa’ que subministraría, mediante  enerxía limpa, calefacción e auga quente ao mesmo pavillón e á piscina municipal, a o Centro de Saúde, os Xulgados, a sede da Tesourería da Seguridade Social, á Gardería A Galiña Azul, e aos edificios da zona, que teñan caldeiras de gasóleo ou gas, e que se acollesen a este proxecto, proporcionando o calor e a auga quente por medio de ‘tubaxes preilladas’, “que irían soterradas ata cada un dos devanditos inmobles”.

O orzamento total deste programa, que xa se está a aplicar en noutros dous concellos de Galicia, entre eles o de Silleda, achegaríase a 1 millón de euros, do cal a Xunta de Galicia achegaría o 80%, un total de 800.000€, e o Concello do Porriño os outros 200.000, cantidade que, como subliña o concelleiro de Vías e Obras, “recuperaríase en moi pouco tempo co aforro no subministro de enerxía, co cal, finalmente, sería a custo cero para os veciños”.

Carrera e Conde tamén repasaron todas as solicitudes de liñas de subvencións presentadas polo Goberno municipal que teñen un “obxectivo moi ambicioso” na mellora do alumeado  en todo o polígono de As Gándaras, no PPI-6 e PPI-7,con luces LED, “coa conseguinte redución nas emisións de CO2 e o aforro”.

Esta iniciativa suporía duplicar o aforro conquerido en 2016 e este 2017, uns 150.000€ e, nos vindeiros exercicios,  chegar a unha rebaixa na factura do alumeado municipal duns 600.000€ anuais, reducindo, ao mesmo tempo, a emisión de máis de 4.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

Segundo sinalou Manuel Carrera, “o conselleiro amosou a súa satisfacción polo traballo que está a desenvolver o Concello do Porriño na mellora do Medio Ambiente”, como xa manifestara o pasados mes de abril cando estivo na vila para ver as caldeiras de biomasa instaladas no  Polideportivo Municipal e na piscina, e animou a seguir nesta liña de aposta pola sostenibilidade enerxética.

Por último, Conde comprometeuse a facer unha nova visita á vila, neste caso para manter unha xuntanza co Goberno Municipal sobre a problemática da des-localización de industrias, sobre todo de cara a Portugal, achegarse aos polígonos industriais, coñecer as súas necesidades polo miúdo, e amosar o seu compromiso coa industria porriñesa, unha das máis importantes de Galicia.