Nuns meses, todo O Porriño estará cartografado dixitalmente, e todos os seus camiños, lugares, estradas, carrís, travesías e rúas estarán perfectamente nomeados. Os traballos, impulsados pola alcaldesa, Eva García de la Torre, e que están a ser realizados pola Concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto, xa comezaron e o resultado da primeira fase dos mesmos poderá verse nun prazo de 6 meses.

O obxectivo é que cada casa do concello estea perfectamente sinalada, empezando polo seu emprazamento exacto, o nome da parroquia e do lugar, o camiño no que se sitúa e polo que se accede á mesma-se este é de terra, se grava ou de asfalto- a numeración, unha xeo-referencia que inclúe a súa situación e a dos seus habitantes e unha referencia catastral que pode consultarse, informáticamente, en medio minuto.

A empresa Laya, especializada na realización de rueiros e numeración municipal, en dixitalización cartográfica, elaboración de mapas e publicación dos mesmos en portais web, empezou este martes, no lugar de Pinzal, na parroquia de Cans, este traballo que se prevé estea rematado a vindeira primavera.

Persoal da mesma, “perfectamente identificado cunha acreditación que leva o selo do Concello”, indica Marcelino Coto, percorre xa O Porriño falando cos veciños e tomando os datos que demanda este Sistema de Información Xeográfica (SIG pola súa abreviatura en inglés), que permitirá dispor dos mesmos nun software e,dunha banda, pendurar esta cartografía, para a súa consulta, na páxina web do Concello e, doutra, que servizos municipais coma o Padrón, Estatística ou os servizos de Emerxencia, poidan consultar calquera información que precisen.

“Este proxecto terá tamén outras utilidades esenciais, coma que os envíos que reparte Correos cheguen ao domicilio ao que van dirixidos, algo que moitas veces non sucede posto que os carteiros cambian e cando non coñecen unha parroquia non teñen unha situación exacta na que deixar ese paquete ou esa carta xa que non hai o nome dun camiño e, moito menos o número de cada unha das casas do mesmo”, sinala Marcelino Coto.

Ao mesmo tempo que se leva a adiante esta labor, o Concello pedirá aos veciños de cada lugar que sexan os que decidan os nomes das estradas, travesías e camiños, “en función dos nomes polos que son coñecidos habitual ou historicamente”, nomes que pasarán a ser oficiais e a incorporarse a este novo ‘rueiro’ que, sinala o concelleiro, “mesmo contempla o feito de que nunha finca na que non haxa construción algunha pódase edificar no futuro, asignándolle xa un número por anticipado”.