O Pleno da Corporación debatirá este martes a aprobación do Orzamento para o ano 2018

O Pleno da Corporación do Porriño celebrará este martes unha xuntanza extraordinaria (Salón de Plenos do Concello 18:30 h.) na que se levará a cabo o debate da aprobación inicial do Orzamento Xeral , plantilla de persoal e catálogo de postos de traballo do Concello para o ano 2018.

Hai que lembrar que no Pleno do pasado día 15, os voceiros de PSOE, UDDL, BNG, EU-Son e do Grupo Municipal de Non Adscritos, adiantaron o seu apoio ao proxecto de orzamentos para este ano, logo da negociación mantida coa alcaldesa, Eva García de la Torre.

O Porriño lidera, por detrás de Vigo, a baixada do paro en febreiro na Área Metropolitana viguesa

O Porriño lidera, so por detrás de Vigo,a baixada do paro en febreiro na Àrea Metropolitana viguesa. A finais do pasado mes pasado había na vila 1.666 persoas desempregadas, 168 menos que en febreiro de 2017.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,9%, en total 5,2 puntos menos que no inicio da xestión do actual Goberno Local cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo,473 máis que na actualidade.

En relación co mes de febreiro de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.834 a 1.666, o que supón que hai 168 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu en 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña, unha vez maís a necesidade de seguir adiante coas medidas adoptadas pola Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Giró, grazas as que hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou incorporáronse ao mesmo.

Os actos do ‘Día da Muller’ no Porriño estarán centrados nas novas xeracións cun programa desenrolado baixo o lema ‘Construíndo Futuro’

O acto central da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, no  Porriño non será o 8 de marzo. A concelleira de Igualdade, Soledad Girón sinala que ese día so haberá unha concentración, ás 12 e media, porque a intención é que “as mulleres que poidan ir á folga poidan facelo…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos facer folga a faremos, tamén no seu nome”.

Este 2018 o lema deste día será ‘Construíndo futuro’ porque a intención é que estea centrado nas novas xeracións, “nas mulleres que rematan a súa formación, ás que entran no mercado laboral e empezan a asumir responsabilidades”, sinala a concelleira, para quen ademais das xustas reivindicacións, este día ten que ser de “celebración por todo o conquerido ata hoxe”.

O programa empezará o mércores, día 7, ás 7 e media da tarde, no Centro Cultural Municipal co monólogo de Stephanie Llayora ‘Eu quero ser galega’; o venres, día 9, será a hora do espectáculo musical ‘De Vacas’, ás 8 e media da tarde, no Centro Recreativo e Cultural.

A programación rematará o martes, día 13, ás 5 da tarde-no Centro Cultural Municipal coa charla ‘Amor e sexo na Rede ¿A pornografía coma nova educación sexual’, a cargo de Mercedes Oliveira, Catedrática de Filosofía, e Amada Trabada, docente da Universidade de Vigo e socióloga.

Campamentos Deportivos ‘Príncipe Felipe 2018’ organizados pola Deputación

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do  Concello do Porriño informa que está aberto, a ta o vindeiro 23 de marzo, o prazo de solicitude para o campamento polideportivo Príncipe Felipe 2018 organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Este campamento está destinado a nenas e nenos nados entre os anos 2004 e 2011 (ambos os doús incluídos), con domicilio  habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.

Establécense  as seguintes  quendas:

  •   Primeira quenda: do 9 de xullo ao 14 de xullo
  •   Segunda quenda: do 16 de xullo ao 21 de xullo
  •   Terceira quenda: do 23 de xullo ao 28 de xullo
  •   Cuarta quenda: do 6 de agosto ao 11 de agosto
  •   Quinta quenda: do 13 de agosto ao 18 de agosto
  •   Sexta quenda: do 20 agosto ao 25 agosto

O prezo é de 125€ por nena ou neno.

A alcaldesa apoia a folga de mulleres do 8 de marzo e pide o “meirande apoio para ela”

A alcaldesa do Porriño apoia e seguirá a folga de mulleres convocada para o vindeiro día 8 de marzo e pide “o meirande apoio” porque “todas nós temos argumentos dabondo para sumarnos a ela”.

Eva García de la Torre salienta a importancia da muller en todos os eidos da sociedade, dende a cultura, á economía, dende o ensino, ao benestar, dende a historia á xustiza, dende os trabalos remunerados a aqueles que non o están e “temos que estar valoradas igual que os homes”.

García de la Torre amósase segura de que  se paran as mulleres autónomas, as que desenrolan o seu labor na xustiza, as que traballan por conta allea, as que están na sanidade, á fronte de empresas, as que traballan na casa, as que están en postos de decisión en distintas administracións, as que coidan a persoas con discapacidade, as funcionarias, as que imparten clases nos colexios, institutos e na universidade ou as investigadoras, “paralizamos este país, por iso temos que demostrar a importancia que temos e facer que se vexa que é así”.

A alcaldesa afirma que o día 8 non traballará e “pedirei que se me desconte da nómina ese día coma non traballado por estar en folga”.

O mércores unha Unidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) estará no Porriño

Unha Unidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), estará aparcada diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno, o vindeiro mércores, día 1 de marzo, de 4 da tarde a 9 da noite, para que aquelas persoas que queiran poidan facer unha doazón.

Hai que lembrar que a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación.

Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

 

A Concellería de Vías e Obras segue adiante co seu obxectivo de levar o saneamento a todo O Porriño e en 15 días rematará os traballos de conexíon á Rede Municipal de Saneamento de varias vivendas de San Pelayo, en Pontellas

Seis vivendas máis de San Pelayo, na parroquia de Pontellas, poderán conectarse á Rede Municipal de Saneamento en apenas 15 días, prazo no que estarán rematadas as obras que a Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando neste lugar.

As mesmas son “un paso máis do esforzo realizado polo Goberno local para levar o saneamento a todo O Porriño”, un obxectivo que “para nós é absolutamente prioritario”, salienta Carrera.

No caso destes traballos, os mesmos consisten na colocación dun total de 190 metros lineais de tubaxes para o saneamento, 10 metros de colectores para recollida de pluviais e 6 pozos de saneamento, cun investimento de 15.000 €, “cuberto con fondos municipais”.

Manuel Carrera engade que en cando estean rematadas as obras de tendido do saneamento, “levaremos a cabo o asfaltado con cargo a unha subvención da Consellería do Medio Rural”, subvención que abrangue todo o territorio de San Pelayo.

A Concellería de Medio Ambiente ‘mobiliza’ aos veciñas na loita contra a Velutina e empeza a entregar 500 trampas que estarán distribuidas en todo o territorio do Porriño

A Concellería de Medio Ambiente quere mobilizar aos veciños na loita contra a vespa velutina e xa empezou a repartir 500 trampas -300 máis que o ano pasado- e 175 litros de líquido atrainte deste insecto que estarán situados en todas as parroquias do Porriño.

“¿Quén mellor que os propios veciños, algúns deles apicultores, para facerlle fronte a esta especie invasora?”, sinala o concelleiro Marcelino Coto, quen asegura que cada trampa que entregue o Concello estará numerada e nunha localización concreta, “o cal permitirá ter un rexistro exacto da súa efectividade”.

Coto subliña que as porriñesas e os porriñeses son os máis interesados en acabar coa vespa velutina, en defender as súas casas, as súas árbores, as súas colmeas, e defender eles mesmos, “non esquecemos a morte de Ángel González, veciño de Orbenlle, en Budiño, logo do ataque de varias destas vespas”.

O reparto e a colocación destas trampas, o 95% das cales serán reutilizabeis o ano que ven, coincide, “como xa tiñamos previsto”, co comezo da floración, que é o momento, segundo indican os expertos, no que empezan a sair as raíñas, ao redor das cales formaranse os panais,e ista é unha época do ano que é clave para causar o maior daño posible a esta especie”. Ademáis, está a poucas semanas do celebración da XXX edición da Feira Apícola das Rías Baixas, impulsada polo Concello do Porriño e organizada pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores de Pontevedra, coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

Marcelino Coto lembra o “constante traballo” que se fai, dende hai anos, polo Concello para afrontar a invasión da vespa velutina, unha labor que foi recoñecida pola Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo o pasado 2017, cando se eliminaron 3.800 exemplares deste insecto, “o 85% deles raíñas fundadoras”, aproximadamente unas 3.300.

“Promociona a túa empresa con Pinterest”, no Punto SmartPeme do Porriño este mércores

O Punto SmartPeme do Porriño organiza o taller “Promociona a túa empresa con Pinterest” que será o mércores, día 21, ás 7 da tarde no sede de SmartPeme no Multicentro do Concello do Porriño, en Torneiros.

No taller coñecerase polo miúdo Pinterest, unha rede social na que a imaxe é todo. Baseada en taboleiros nos que compartir e gardar  fotografías. Os asistentes aprenderán a sacarlle o partido e cómo implementala na estratexia social media das empresas.

Os contidos serán: Introdución, Como crear unha conta en Pinterest, Primeiros pasos, Taboleiros,  ¿Que é como se engade un pin? ou Pinterest para negocios.

A asistencia pode facerse por teléfono, no 886 20 20 20 ou tamén mediante alta no portal web SmartPeme  – www.smartpeme.depo.es.

O Goberno local do Porriño apoia as reivindicacións das traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias e esixe o mantemento dos seus empregos

O Goberno local do Porriño está, como fixo sempre dende que empezara a actual conflito en Maderas Iglesias, a carón das traballadoras e traballadores e todas as accións de reivindicación que emprendan para que se manteña a actividade da empresa, que é clave para un sector estratéxico, tanto en Galicia como no sur da provincia de Pontevedra e especialmente no Porriño.

A alcaldesa, subliña o seu apoio “total e incondicional” ás xustas esixencias das empregadas e empregados de Maderas Iglesias, e reitera que o mantemento dos postos de traballo é un obxectivo xusto, lexítimo e irrenunciábel, e insta ao Goberno de Galicia a impulsar cantas medidas sexan precisas para acadar que non se perda un so emprego.

Este xoves, membros do Goberno local do Porriño acompañarán ás traballadoras e traballadores que cubrirán a pé a distancia que separa a fábrica, situada na estrada de Atios a Pontellas, da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.