O entroido do Porriño rematará este serán con actos do Mércores de Cinza que xiran en torno ó Velorio e Enterro da Sardiña.

O Velorio coemzará ás 17 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios. Posteriormente, dende as 19 horas coa compañía “Troula Animación” que trae o espectáculo pasarrúas “Errantes” terá lugar o cortexo fúnebre que contará ademais coa participación das comparsas inscritas este ano.

O percorrido será polas rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, San Sebastián, Manuel Rodriguez, Ramón Gónzalez e remate na praza do Concello.

A continuación seguirá a lectura do testamento e despois o acompañamento da Sardiña ata o río Louro, na Ponte do Valo onde terá lugar a incineración.

O acto concluirá cun espectáculo de pirotecnia fría. Tratase dun formato que non implica nin ruido nin outras emisións conforme o acordo que adoptou o Goberno Municipal do Porriño e ratificou o pleno da Corporación Local no pasado mes de xaneiro.

A proposta da Concelleira de Festexos, Cami Moreira nas festas que organiza o Concello do Porriño empregarase exclusivamente pirotecnia fría ou insonora a fin de eliminar a contaminación acústica por espectáculos de lucería e fogos artificiais.
Deste xeito, O Porriño é o primeiro concello da área metropolitana de Vigo que establece semellante veto.

Enterro da Sardiña. Espectáculo “Errantes”