A choiva non deu tregua e non haberá ‘Merca na rúa’ esta fin de semana

A XVIII edición de Merca na Rúa vén de quedar suspendida. A Concellería de Comercio, dirixida por Marcelino Coto, e a dirección da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), presidida por Juana Pérez, agardaron ata o último minuto para ver se as previsións do tempo melloraban…pero non foi así: esta fin de semana choverá con intensidade o que fará imposible a celebración desta feira do stock na que estaba confirmada a asistencia de 21 comerciantes.

 

O Porriño felicita a Ricardo Baz recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu

O Concello do Porriño felicitou oficialmente a Ricardo Baz Pereira, recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu, na especialidade NO-GI (sen kimono). O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, recibiu este mércores a Ricardo e transmitiulle “o recoñecemento e admiración de todas as porriñesas e porriñeses por este importantísimo logro”.

Ricardo Baz, veciño de Atios, fíxose con dúas medallas no Campionato de Europa de Jiu Jitsu disputado o 23 de marzo en Roma: unha de bronce na categoría absoluta e a de prata en Peso Medio.

Baz, que empezou na modalidade MMA, da que foi campión de Galicia, na actualidade compite e adestra con dous equipos, o GFTeam Vigo, na variante Jiu Jitsu con kimono e no Independiente Club de Lucha, co  que é campión galego de Grappling.

Manuel Carrera asegurou que este “excelente resultado” no Campionato de Europa “vén a engrandecernos coma concello do Deporte que dende agora conta cun dos mellores especialistas desta modalidade deportiva en toda Europa que leva o nome do Porriño por todo o mundo ”.

A intención da Concellería de Deportes, sinalou Carrera, é a de facilitar toda axuda posible para que Ricardo Baz poida acudir aos vindeiros campionatos mundiais e de Europa, aos que desprazouse ata hoxe cos seus propios medios; “favorecer que poida dar clases no Porriño, enfocadas á defensa persoal, especialmente dirixida a mulleres”, e lograr unha achega económica para a compra dun tatami.

Este sábado, día 7, e o domingo, 8, celébrase no Porriño ‘Merca na rúa’…se o tempo o permite

Esta fin de semana celebrase, por fin e se o tempo o permite, a XVIII edición de Merca na Rúa. A Concellería de Comercio, dirixida por Marcelino Coto, e a dirección da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), presidida por Juana Pérez, decidiron suspender a cita prevista, en principio, para os días 10 e 11 de marzo, logo da cadea de borrascas que vén de pasar sobre Galicia.

21 postos estarán abertos ao público na rúa peonil do Porriño, de 10 da mañá a 9 e media da da noite, ininterrompidamente, o sábado, día 7, e de 11 da mañá a 8 e media da tarde, o domingo, 8, ofrecendo distintos artigos con descontos de ata un 60 e 70%.

Como en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

A 30ª Feira Apícola das Rías Baixas fai do Porriño a capital galega do mel

O Porriño é dende este venres a capital galega do mel, coa celebración da 30ª Feira de Apicultura das Rías Baixas, que este sábado viviu o seu día grande coa inauguración oficial da mesma, no Centro Cultural Municipal.

A apertura estivo presidida pola alcaldesa,Eva García de la Torre, o deputado provincial Carlos López Font, o concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, e representantes da  Agrupación Apícola de Galicia e a Agrupación de Apicultores de Pontevedra.

A feira, que abrangue xornadas técnicas e un mercado no que pode mercarse  mel, material de apicultura e produtos artesáns, iniciara este venres con actividades nas que participaron alumnas e alumnos do CEIP de Atios, ademais de talleres sobre trampas para vespas velutinas e elaboración de xabrón con mel.

Dende as 10 da mañá deste sábado, arrancaron as xornadas técnicas nas que se debaten temas coma os métodos de recolección –a cargo do doutor  Félix Adanero-; control da mortalidade e produción intensiva –por David Sousa Alonso, técnico apícola en Eco Abeja S.L.-boas prácticas na alimentación apícola –con Fina Gonell Galindo de  Pajuelo Consultores Apícolas S.L.-ou un taller de nutrición e alimentación das abellas.

#HoradoPlaneta O Porriño apagará a iluminación do Concello de 8 e media a 9 e media da noite sumándose á Hora do Planeta para denunciar os efectos do cambio climático

Moitos lugares do globo súmanse este sábado á ‘Hora do Planeta’ (Earth Hour), impulsada polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF) na que o ano pasado participaron milleiros de cidades de 187 países do mundo que apagaron máis de 12.000 monumentos e edificios icónicos para chamar a atención sobre a perda de biodiversidade que está a causar o cambio climático.

O Porriño súmase a esta iniciativa, xunto con 447 concellos de toda España, 22 deles en Galicia– como Vigo, Nigrán,Marín, Pontevedra, Sanxenxo, Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña ou Ferrol – centos de organizacións de decenas de miles de cidadáns, e de 8 e media a 9 e media da noite deste sábado a iluminación do Concello estará apagada nun xesto que servirá para “conectarse con el planeta”, sinala a alcaldesa.

Eva García de la Torre subliña o feito de que, como advirto o Fondo Mundial para a Natureza e os datos científicos e os investigadores, dende biólogos a hidroclimatólogos, “como estamos a comprobar, vivimos o período máis cálido da historia, con vagas de calor e secas debido ao cambio climático que, ademais, é xa unha causas máis salientábeis da perda de biodiversidade”.

Por iso, anima a todas as veciñas e veciñas do Porriño a secundar este chamamento e durante esa hora- de 8 e media a 9 e media da noite deste sábado- a apagar as luces da casa e sumarse a este xesto.

O Concello celebra o ‘Día Internacional da Auga’ distribuindo 3.000 exemplares dun manual de bos usos da mesna co titulo ‘No Porriño amamos a auga’

No marco do Día Internacional da Auga, o Concello do Porriño vén de entregar 3.000 exemplares dun manual de bos usos co título ‘No Porriño amamos a auga’, que distribuíuse en establecementos comerciais e centros de ensino da vila.

O obxectivo desta iniciativa é acadar o interese e a atención das veciñas e veciños do Porriño no que se fala dos motivos para aforrar auga, o tratamento da mesma para o seu consumo, os diferentes servizos públicos da auga, as iniciativas e acciones que poden desenrolar as familias para contribuír á protección deste ben común, un repaso sobre o ciclo hídrico, como utilizar a calefacción e o aire acondicionado, as billas ou como temos que empregar a auga na horta e no xardín.

Así mesmo, este xoves, a alcaldesa do Porriño, coma presidenta de Augas do Louro, asistiu á celebración da segunda xornada de portas abertas na na estación depuradora deste organismo en Guillarei.

Durante a mesma tivo lugar a presentación do terceiro concurso de debuxo infantil, que este ano tratará sobre a potabilización co lema “A emocionante viaxe da auga dende a natureza ata a túa casa”. O premio para o gañador de cada Concello será unha Tablet Samsung de 7 polgadas e para os finalistas unha cámara dixital acuática.

No concurso participarán rapazas e rapaces de 3º e 4º de Educación Primaria dos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, sendo o prazo de presentación dos debuxos o comprendido entre o 1 de Abril e o 20 de Maio.

A alcaldesa e a concelleira de Educación reúnense coas voceiros e voceiras dos centros de ensino do Porriño para preparar o Pleno infantil

A alcaldesa, Eva García de la Torre,  e a concelleira de Educación, Lourdes Moure, reuníronse este xoves cos voceiros e voceiras de cada un dos centros de ensino, para preparar un novo pleno infantil.

O Concello do Porriño continúa así co proceso iniciado o pasado ano, no que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos da vila, teñen oportunidade de expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupan, así como tamén facer as propostas de solucións que consideren.

Trátase dun paso mais na consolidación dun órgano estable de participación infantil a nivel municipal, que colabore no deseño das políticas locais que lle afecten mais directamente.

Os nenos, nenas e adolescentes do Porriño terán oportunidade de traballar os contidos do próximo pleno infantil en obradoiros de participación que se realizarán nas aulas de cada un dos centros, co apoio de persoal especializado, para mais tarde achegar as súas propostas a un pleno que terá lugar o próximo mes de abril.

No orde do día da xuntanza deste xoves coa alcaldesa, estaba, entre outros asuntos, a presentación dun borrador de regulamento do futuro Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, así como respostas e explicacións as preguntas feitas no anterior pleno infantil.

Esta iniciativa enmarcase na candidatura do Concello do Porriño ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, promovido por UNICEF, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e que trata de poñer en marcha políticas locais de infancia que  melloren o benestar impulsando actuacións que garantan o desenvolvemento integral de nenos, nenas e adolescentes, e dos seus dereitos.

Este programa aséntase na promoción da participación infantil e adolescente, e o impulso de alianzas entre todos os actores relacionados coa infancia a nivel municipal para avanzar no camiño da mellora no cumprimento dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes no ámbito local, focalizando accións de inclusión e cohesión social no ámbito local,  atendendo aos grupos máis vulnerables. É dicir, realizar un esforzo para protexer aos nenos e nenas que corren maior risco de “quedar atrás”.

@depo_es e @PorrinoConcello apostan pola formación e a iniciativa por medio de ‘DepoEmprende II’

A deputada provincial delegada de Emprego, Montserrat Magallanes, e a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade do Porriño, Soledad Girón,asistiron no Multiusos de Torneiros, á charla ‘Talento emprendedor’, que forma parte do proxecto ‘DepoEMPRENDEII’, impulsado pola Deputación de Pontevedra.
 
‘DepoEmprende II’ ten coma finalidade fomentar o emprendemento, entendendo que é un dos factores clave na economía do coñecemento, e d cal poderán beneficiarse 135 persoas menores de 30 anos de toda a provincia de Pontevedra que non estean ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

O Concello e Viza Automoción colaboran para a formación dun grupo de mulleres de cara á sua incorporación a esta compañía

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, visitaron a planta de Viza Automoción, radicada no Polígono de As Gándaras, logo do acordo acadado para a formación, por parte de Viza, dun grupo de mulleres desempregadas de cara a súa posible incorporación coma soldadoras a esta compañía.

Viza é unha empresa punteira no deseño e fabricación de estruturas metálicas de asentos para a industria do automóbil, de capital cento por cento galego, integrada por 500 traballadores e traballadoras na súa planta do Porriño e que subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Este grupo de mulleres, que están en situación de desemprego, recibirá formación teórica e, principalmente, práctica, nas instalacións da empresa, formación que é o cerne das accións do  Plan Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM), co-financiado cun total de 255.000€ pola  Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, e que ten coma obxectivo  a mellora a incorporación no mercado laboral das porriñesas que están na procura de emprego.

O Goberno local contribuirá á conservación e estudo do “excepcional” achádego dunha fortificación romana de 1.200 anos de antigüidade no Faro de Budiño

Os romanos levantaron unha fortaleza defensiva de varias hectáreas no Faro de Budiño un lugar no que, ademais, había un asentamento romano construído, posiblemente, hai uns 1.200 anos.

Estas son algunhas das conclusións ás que apuntan os estudos dos arqueólogos Francisco Alonso, Oria Ferreiro, Mario Fernández-que está a facer a súa tese doutoral- José Carlos Sánchez e Tania Rial, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que durante o seu traballo sacaron a luz restos dunha edificación e restos de tellas, cerámica e vidro que, segundo indicaron, poderían ser da época ‘tardo-antiga’, á que os científicos refírense coma ‘séculos escuros’, un dato que podería ser confirmado cando un laboratorio estadounidense remate as probas do ‘Carbono 14’.

O concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, xunto co presidente da Comunidade de Montes de Budiño, José Luis Martínez, visitou os restos e mantivo unha xuntanza co equipo de arqueólogos coa finalidade de “decidir cales serán as medidas que imos tomar dende o Goberno  local para preservar e facilitar o estudo deste importante achádego que é patrimonio de todos os porriñeses”.

A intención de Marcelino Coto é que o Concello, xunto coa Deputación de Pontevedra, impulse e facilite a continuidade do traballo, que se leve adiante un “proxecto de conservación e recuperación neste lugar” e que o mesmo sexa visitado polos porriñeses con especialistas que expliquen a súa importancia e a súa historia.

O concelleiro salientou o feito de que coma indicaron os arqueólogos, ata hoxe non se fixera unha escavación así nun xacemiento semellante en toda Galicia, e que se tratase dunha ‘acrópole’ que formaba parte dunha construción composta por tres ‘coutos’, con tres liñas de murallas, que puideron ocupar, en conxunto, unhas 11 hectáreas, facendo do Faro de Budiño, coma salientou Mario Fernández, “unha grande fortaleza” en altura.