O Plan de Igualdade aprobado polo Concello do Porriño “é unha ferramenta para establecer a igualdade de oportunidades real e efectiva entre mulleres e homes da nosa vila”, manifestou Cami Moreira, concelleira responsable desta área no goberno municipal. Ela presentou ante unha representación da corporación local, asociacións de veciños, Policía Local, Garda Civil, persoal do Centro de Información á Muller (CIM) e representantes doutros sectores sociais, o Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do Porriño para o cuatrienio 2020/2024 que aprobou por unanimidade a corporación local no recente pleno de febreiro.

A concelleira de Igualdade explicou que o Concello como administración pública que está máis perto da veciñanza, pretende acadar a igualdade de oportunidades. “Significa que calquera muller poida ter as mesmas oportunidades de acceso a un emprego, a unha subvención ou a medidas de conciliación laboral e familiar como calquera home que, en principio, ten máis facilidades”, engadiu.

Moreira detallou que os obxetivos que se persiguen acadar neste cuatrienio son: “a integración da administración municipal nas políticas de igualdade; proxectar O Porriño como cidade de igualdade; contribuir á erradicación dos obstáculos que impiden que as mulleres acaden a súa promoción na vida profesional e laboral; convertir ao Porriño nunha economía integradora da igualdade e. finalmente concienciar e promover a corresponsabilidade de homes e mulleres en todos os eidos”.

Para achegarse a eses obxetivos, o Plan Municipal aborda 7 eixes de intervención, través de 54 medidas, que son:
+A Promoción da Igualdade na Política Municipal.
+Emprego e Conciliación da Vida Persoal, Laboral e Profesional.
+Coeducación, deporte e calidade de vida.
+Urbanismo, Mobilidade e Seguridade.
+Atención a situacións de vulnerabilidade.
+Empoderamento e participación.
+A Violencia de Xénero.