O mércores 11 de marzo será presentado públicamente o IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do Porriño nun acto público que se celebrará no Centro Cultural Municipal ás 20 horas. Están invitados todos os grupos municipais do Concello, Policía Local, Garda Civil e asociacións veciñais, ainda que a entrada é libre e de balde ata completar aforo.
Cami Moreira, concelleira de Igualdade do goberno municipal explicará as directrices do Plan que ven de ser aprobado por unanimidade pola corporación local do Porriño no recente pleno de febreiro.

Este IV Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes do Porriño que estará vixente para o período 2020 / 2024 contempla que o Concello como administración máis preto da cidadanía ten un papel relevante no fomento de oportunidades entre mulleres e homes como medio para a construción dunha sociedade máis xusta.
O Plan Municipal aborda 7 eixes de intervención con 54 medidas de acción como son:
+A Promoción da Igualdade na Política Municipal.
+Emprego e Conciliación da Vida Persoal, Laboral e Profesional.
+Coeducación, deporte e calidade de vida.
+Urbanismo, Mobilidade e Seguridade.
+Atención a situacións de vulnerabilidade.
+Empoderamento e participación.
+A Violencia de Xénero
A responsable da Concellería de Igualdade explicou que “dende este concello, hai unha clara aposta por medidas de carácter estrutural con vocación transformadora e de permanencia que permitirán incorporar a perspectiva de xénero a toda a política municipal”.
“Por iso agardamos a implicación de todas e todos, sabendo que esta é a receita para chegar á efectividade dos resultados”, engadiu Cami Moreira.