O Concello creou un Servizo de Asesoramento a Emprendedores

 

O Concello do Porriño anuncia que puxo en marcha o Servizo de Asesoramento ao Emprendemento que comezará a funcionar a partir do vindeiro luns 18. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Emprego dirixida por David Alonso, con financiamento municipal e coa contribución da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego.

O servizo ofrece aos novos emprendedores do Porriño, un análise da viabilidade do plan de negocio; información para determinar a forma xurídica da empresa dado que cada proxecto conta cunhas características propias, e asesoramento laboral, fiscal e contable, segundo as obrigas de cada tipo de negocio.

Tamén o Servizo de Asesoramento a Emprendedores facilitará axuda para os trámites telemáticos de constitución da empresa, a través do sistema de tramitación que ten a Dirección Xeral de Industria e Pemes da Xunta de Galicia mediante a utilización do Documento Electrónico Unico (DUE). E por último, este novo Servizo de Asesoramento tamén axudará aos novos emprendedores a solicitar e tramitar axudas e subvencións da administración autonómica.

O novo Servizo de Asesoramento está ubicado no Multiusos de Torneiros, funcionará en horario de 8 da mañá a 3 da tarde e con cita previa.

Reparado un tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras

A alcaldesa Eva García informou hoxe que o Concello do Porriño está a planificar e desenvolver nestes primeiros días de 2021, unha serie de obras de mellora das infraestruturas viarias nos polígonos industriais.

Esta semana, a través do departamento de Vías e Obras dirixido por Lourdes Moure, acometeu e concluíu esta semana a reparación dun tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras.  Esta é a sección que discorre fronte ás instalacións da empresa “Gestamp”.

O vial atopábase en moi mal estado, polo que foi necesario fresar e renovar o pavimento.  A reparación realizouse cos medios propios do Concello. Executouse esta semana unha vez que o persoal de Vías e Obras reincorporouse despois das vacacións de Nadal.

O Concello anuncia que acometerá en breve a reparación mediante obra nova das dúas rotondas do polígono da Granxa,  a cargo do departamento de Infraestruturas dirixido por Pedro Pereira.  A primeira que se arranxará será a rotonda da gasolineira que se acometerá cando se obteña a autorización do Ministerio de Transportes e Mobilidade.

No abeiro destas actuacións, o vindeiro luns 18, ás 12,30 horas, a alcaldesa Eva García manterá unha reunión de traballo con Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono da Granxa.

A concelleira de Educación entregou o agasallo de Nadal para os nenos e nenas das garderías

Nun acto celebrado esta mañá nas instalacións da Biblioteca Municipal, Lourdes Moure, concelleira de Educación, fixo entrega ás directoras das garderías do agasallo habitual de Nadal para os nenos e nenas, consistente en material didáctico.

 

Debido ás restricións actuais impostas polos protocolos anti-Covid, a entrega e distribución realizouse ás “Galiñas Azuis” de Doantes de Sangue e Torneiros, para que puxeran o material en corentena.

A partir do vindeiro martes 19, comezará a distribución entre pais e titores dos alumnos de ambas garderías públicas.

Yago Martínez, campión de España sub 18 de motocross por segundo ano consecutivo, agradeceu o apoio do Concello

O piloto porriñés, Yago Martínez, proclamado por segundo ano consecutivo, campión de España sub 18 de motocross, agradeceu persoalmente ao Concello do Porriño o apoio recibido na tempada que acaba de rematar.  Yago recibiu a través do contrato de patrocinio que asinou co Concello, unha achega de 3.000 euros en 2020.

O piloto entregou a través do concelleiro de Deportes, David Alonso, agasallos para o Concello como se mostra na imaxe do encontro celebrado no Polideportivo Municipal.

De cara a esta nova tempada, o concelleiro de Deportes informou a Yago Martínez de que se convocará unha bolsa de axuda para deportistas individuais de alto nivel, cunha partida do orzamento municipal de 2021 á que poderá acceder para recibir unha vez máis o apoio do Concello do Porriño.

O último número de “Carta Local” salienta o protagonismo de O Porriño na producción de vacinas contra a Covid

O último número da revista mensual “Carta Local”, editada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), publica un extenso informe baixo o título “Municipios de vacinas” no que eloxia o papel protagonista do Porriño e da fábrica “Biofabri “na produción dunha das vacinas contra a pandemia actual.


O informe inclúe declaracións da alcaldesa, Eva García de la Torre a “Carta Local”, que expresou a súa satisfacción polo papel protagonista de “Biofabri” e o “Grupo Zendal” que “amosa o alto nivel tecnolóxico que teñen as empresas de Porriño “.
A alcaldesa tamén salientou o impacto que pode ter a produción da vacina na creación de emprego para o municipio.


As ilustracións do informe inclúen imaxes da visita do ministro de Sanidade ás instalacións do “Grupo Zendal” en Porriño o pasado 5 de novembro, onde foi recibido pola alcaldesa Eva García e por Abel Caballero, presidente da FEMP.

Axuntamos ligazón co “pdf” da publicación

file:///C:/Users/Usuario/Downloads/Carta%20Local%20n%C2%BA%20341,%20diciembre%202020.pdf

Os Reis Magos recibirán á infancia porriñesa no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal

 

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán este martes 5 de xaneiro, de xeito presencial, aos nenos e nenas do Porriño que queiran falar con eles.  Os Reis Magos atenderán en dúas quendas, pola mañá entre as 12 e as 14 horas, e pola tarde de 17 a 20 horas, no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal onde está habilitada unha zona de recepción.

A entrada é libre, sen necesidade de cita previa.  Pero haberá un control de entrada e capacidade, con rexistro de datos dos participantes e aplicación de protocolos de hixiene e seguridade.

Debido ás restricións actuais derivadas da pandemia, o Concello rexeitou a celebración da tradicional Cabalgata.  A Concellería de Festas, que dirixe Cami Moreira apostou por outras formas de interacción da infancia porriñesa cos Reis Magos como esta recepción que terá lugar mañá e as videochamadas realizadas por Melchor, Gaspar e Baltasar a máis de 600 familias que previamente se rexistraron para este fin.

O Consello Municipal da Infancia intercambiará experiencias con Tomiño e Redondela

A Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, informan que os nenos e nenas que forman o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia do Porriño acordaron incrementar as sesións de traballo neste novo ano 2021.

Foi un dos acordos acadados na última reunión telemática celebrada o pasado mércores, na que avaliaron o traballo realizado ao longo de 2020.

Os membros do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño decidiron tamén aumentar o intercambio de experiencias con outros consellos da Infancia de concellos veciños como Redondela e Tomiño.

O traballo do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Concello do Porriño pódese seguir na súa páxina de Instagram @infanciaporrino

MÁIS DE 600 FAMILIAS DO PORRIÑO APUNTARONSE PARA QUE OS SEUS FILLOS RECIBIRAN UNHA VIDEO CHAMADA DOS REIS MAGOS

 – Este mércores, O Apalpador percorrerá a zona peonil

602 familias rexistráronse ata hoxe, último día do prazo, para que os seus fillos reciban unha videochamada dos Reis Magos, unha iniciativa do Concello do Porriño, organizada pola Concellería de Festas e Cultura, de acordo cos protocolos de seguridade que veñen obrigados pola pandemia.

“Este ano 2020, debido á alerta sanitaria motivada pola Covid-19, e sabendo que os Reis Magos tamén se modernizan, o Concello facilita que as Súas Maxestades de Oriente se poñan en contacto coa rapazada a través de vídeo chamada”, segundo explicou Cami Moreira, concelleira responsable.

Ademais, tendo en conta a posibilidade de que algunhas familias non poidan ter acceso a internet, o Concello fará chegar á vivenda indicada e no día acordado, un dispositivo electrónico para poder facer a conexión da vídeo chamada.

Visita do “Apalpador”

Por outra banda, a Concellería de Cultura lembra que este mércores 30, a partir das 19 horas, “O Apalpador” estará no Porriño. Percorrerá a zona peonil para saudar e falar cos nenos do porriñés para contarlles como é a vida na alta montaña e as súas marabillosas lendas.

A visita do Apalpador realízase coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Último pleno municipal de 2020

A Corporación Local do Porriño celebrará este mércores 30, a partir das 18:00 horas, o último pleno municipal do ano 2020. É a sesión ordinaria de decembro, con dez puntos na orde do día. 

Por acordo maioritario da corporación, os plenos volven ser presenciais na sala de reunións pero a porta pechada, polos protocolos anti-Covid.

A sesión inclúe a comparecencia da concelleira delegado de Economía e Facenda, solicitada polo grupo municipal do PP, relativa á dispoñibilidade de créditos do Concello.  E varios expedientes de arrendamentos e venda de parcelas de titularidade municipal para explotacións mineiras e outros usos.

pleno ordinario diciembre 2020

Os establecementos de hostalería e restauración do Porriño poderán abrir ata as 18 horas


A ampliación en 60 minutos (de 17 a 18 horas) do horario de apertura dos establecementos de hostalería e restauración do Porriño, como no resto de poboacións que teñen un nivel medio-alto de restricións debido á pandemia, entrará en vigor mañá día 30.
A decisión tomouna a Xunta de Galicia logo de consultar co comité clínico.

Cargos públicos da Consellería de Sanidade comentaron tanto esta como outras medidas decididas para estas datas de Fin de Ano e Aninovo, coa rexedora porriñesa, Eva García e outros alcaldes e alcaldesas da área de Vigo na reunión telemática semanal que mantiveron hoxe ao mediodía.

O Porriño continúa coas mesmas restricións que tiña. A mobilidade aínda segue reducida ao alcance do perímetro que forma con Vigo, Mos, Redondela, Gondomar e NIgrán. Os establecementos de hostalería poden utilizar o 30% da capacidade interior e o 50% da capacidade exterior. As reunións son para un máximo de 4 persoas, estean ou non convivindo. O toque de queda mantense entre as 23:00 e as 6:00 a.m. Agás a noite de fin de ano, que durará ata a unha e media da mañá.

E como novidade en toda Galicia, na mañá de Aninovoa, a hostalería non poderá abrir antes das 11 da mañá, unha decisión xustificada pola Xunta para evitar aglomeracións de clientes para tomar o tradicional chocolate con churros.