Policía Local do Porriño e Garda Civil impediron una operación de compra venda de dous quilos de marihuana e detiveron a catro persoas en relación con estes feitos. Tamén os axentes interviñeron preto de 7.000 euros en efectivo.

A transacción impedida polo operativo policial tiña lugar en Porriño. Detivéronse aos compradores, dous veciños de Portugal e aos dous responsables da venda, veciños do Porriño e Madrid.

As investigacións, coordinadas pola Garda Civil, iniciáronse a mediados de setembro por mor dunha alerta cidadá informando dun posible punto de venda de marihuana nunha parroquia do municipio porriñés, segundo informou a Subdelegación do Goberno.

As pescudas, que se desenvolveron coa colaboración de varios compoñentes da Policía Local porriñesa, deron o seu froito a semana pasada cando se intercepta un vehículo con placas de matrícula portuguesas, que acaba de realizar unha compra de marihuana na mesma parroquia do Porriño.

Garda Civil e Policía Local do Porriño outorgan unha importancia sobranceira á colaboración cidadá que facilitou o traballo de investigación dos corpos policiais.