
O Porriño reabrirá este xoves a Piscina Municipal con restricións

230 alumnos de cinco centros educativos do Porriño e Mos comezaron hoxe a realizar as probas da ABAU repartidos entre os dous pavillóns do Polideportivo Municipal.
Os exames da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade continuarán esta tarde e seguirán mañá e o xoves.
Lourdes Moure, concelleira de Educación comprobou persoalmente xunto cos representantes da Universidade de Vigo, que o dispositivo habilitado funcionou axeitadamente.
O mercado ambulante do Porriño que acadaba hoxe a terceira quenda dende o estado de alarma, tivo lixeiras modificacións na distribución dos postos de venda.
O concelleiro responsable de Comercio, Sergio Casal e os representantes do colectivo de vendedores acordaron una redistribución. O que motivou que por exemplo alguns postos ocuparan un lateral ao principio da rúa Antonio Palacios.
O concelleiro amosou a súa satisfacción polo ambiente e a maior presenza de público que se vai notando.
A Concellería de Cultura e Festas ven de anunciar o programa das Festas de San Bieito que este ano terán un formato máis reducido e axeitado aos protocolos sanitarios obrigados polo “Covid-19”, no que atinxe ao tipo de espectáculos que se poden ofrecer e ao aforo restrinxido.
O programa festivo recolle sete eventos. Comezará o sábado 11 coa actuación da arpista Marta Quintana, prevista ás 21 horas na praza de San Bieito. Ese mesmo día, de noite, haberá sesión de cinema na rúa, coa proxección da película galega “O que arde”, dirixida por Óliver Laxe e que valeulle a unha das protagonistas, Benedicta Sánchez, para gañar o premio “Goya” á mellor actriz revelación. O pase da película realizarase o sábado 11 na praza de San Sebastián, a partir das 23 horas.
O domingo 12 está programada a actuación do grupo vigués “Xardín desordeado” que musicaliza poesía en galego con diferentes ritmos, dende o bolero, pasando polo “swing” e ata o “blues”. Terá lugar ás 21 horas na praza de San Bieito.
A concelleira responsable da organización, Cami Moreira subliña que a maior novidade que se contempla no programa deste ano é a visita guiada ao cultivo de vimbieiras de Julia De La Cal que terá lugar o luns 13, festivo local no Porriño. A comitiva sairá dende a praza de San Bieito, a partir das seis da tarde.
Julia e Marcelo de Faia Educación Ambiental serán os encargados de realizar esta visita coas explicacións pertinentes respecto desta materia. Require de inscrición previa a través do correo electrónico cultura@oporrino.org (hai que descargar o documento de inscrición ).
DEIXAMOS ENLACE PARA DESCARGAR
Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto responsable dos mesmos. A inscrición levarase a cabo por orden de remisión dos correos electrónicos, ata un máximo de 30 participantes. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso de máscara. É recomendable levar gorro e auga.
O mesmo luns, polo serán, a partir das 21 horas, Julia de la Cal manterá unha conversa para achegar á cestería ao público que acuda á Praza de San Sebastián onde se celebrará.
O luns, ás 20 horas haberá tamén un concerto musical a cargo do dúo “Lagoa Folk”, na praza de San Bieito. E o remate da programación será unha tirada de fogos artificiais, a partir das 23 horas.
A empresa “Urbaser” comezou hoxe, dende as sete da mañá, a prestar o servizo de limpeza viaria no concello do Porriño.
A nova concesionaria subrogouse o persoal da anterior, comprometeuse a aumentar maquinaria e tamén as frecuencias de de limpeza, en especial en Torneiros, segundo precisou Sergio Casal, concelleiro responsable.
O cambio fora acordado pola corporación municipal nun pleno extraordinario celebrado na primeira semana de marzo (antes da declaración do estado de alarma). Aprobouse cos votos favorables de PSOE, PP, EU SON e UDDL e coa abstención dos dous concelleiros do BNG.
A re-adxudicación deste contrato baseouse nunha resolución da Mesa de Contratación do Concello, a raíz dunha sentencia do Tribunal de Contratación Administrativa de Galicia.
A Concellería de Cultura e Festas anuncia o cuarto e último evento da programación “A praza non se apraza, fin do confinamento” que terá lugar este domingo día 5, ás 22,30 horas da noite.
Será unha sesión de cinema na rúa, en Torneiros. Proxectarase na traseira da igrexa de San Rosendo. Aforo, 100 persoas.
A película elixida é “O apóstolo”, un film de animación en 3D, dirixido por Fernando Cortizo na que participan poñendo as súas voces, actores e actrices galegas tan sobranceiros como Luis Tosar, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Carlos Blanco, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Manuel Manquiña e colaboran artistas non galegos coma Héctor Alterio, Gabino Diego, Terele Pavez, Jorge Sanz, Geraldine Chaplin e Paul Naschy na que foi a súa última actuación antes de morrer.
Entre os moitos galardóns acadados por esta película, subliñar os seis premios “Mestre Máteo” que obtivo en 2013, ano no que tamén estivo nomeada para os premios Goya.
Con este ciclo “A praza non se apraza”, a Concellería que dirixe Cami Moreira quixo “amosar o agradecemento do Concello a veciñanza do Porriño que fixo máis levadío o tempo de confinamento a causa da pandemia”.
Dende o 13 de xuño, ofrecéronse dous concertos a cargo do grupo musical “KAF” e a actuación da pianista Ana Belén Rodríguez, en diferentes enclaves urbanos da vila, sen público.
Hoxe están a realizarse os preparativos para que as pistas dos dous pavillóns do Polideportivo Municipal acollan as probas da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) de alumnos de cinco centros de Porriño e Mos. Os exames comezarán o vindeiro martes 7 de xullo, a partir das 8,30 horas da mañá e continuarán o mércores e o xoves.
“Debido a que o número de alumnos de Bacharelato inscritos supera os douscentos, a Universidade de Vigo solicitounos ao Concello utilizar os dous pavillóns para garantir o cumprimento dos protocolos de seguridade e prevención do Covid-19”, explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Seguridade que levou as conversas coa UVI.
De tal xeito que no Pavillón nº 1 realizarán as probas da ABAU os alumnos dos Institutos de Ensino Secundario de Porriño, “Ribeira do Louro” e “Pino Manso”. E no Pavillón 2 farán os seus exames os alumnos do IES de Mos e dos colexios “Lar” e “Los Sauces”.
Os pupitres e cadeiras que están a instalarse como vemos nas imaxes son trasladados dende o IES “Pino Manso”. Tanto o material a empregar para a realización dos exames coma os espazos a ocupar, serán obxecto dun protocolo diario de desinfección e limpeza.
Tamén a Policía Local do Porriño colaborará a diario establecendo un perímetro de seguridade nos accesos ao Polideportivo Municipal, habilitando un circuíto de entrada e saída para os vehículos que trasladen e recollan aos alumnos, segundo ten planificado o departamento que dirixe Lourdes Moure.
As imaxes corresponden ás tarefas de reparación de bancos, valados e outros elementos do mobiliario urbano do parque de Alba que están a realizarse no Multiusos de Torneiros, antes de o seu traslado e colocación nesa zona de lecer.
O concelleiro de Parques e Xardíns, Sergio Casal supervisou eses traballos previos nos que están a participar persoal propio municipal e novos contratados a cargo do Plan Concellos da Deputación Provincial que están a incorporarse nestes días.
A alcaldesa Eva García e a concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure comprobaron co enxeñeiro municipal os danos acontecidos baixo a vía pública por un foxo ó carón da Fonte do Cristo na rúa peonil.
A avaría produciuse durante o estado de alarma e a contorna da fonte está valada.
O buraco de máis de varios metros de lonxitude esténdese baixo o pavimentado de pedra da rúa. A actuación urxe para evitar o risco de afundimento. Será acometida polo persoal de Vías e Obras do Concello.
Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.
Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:
Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”
Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.