“Primeiro Encontro de Músicas Ibéricas” en Atios

A Concellería de Cultura e Festas anuncia para o vindeiro sábado 25 de xullo, a celebración do “Primeiro Encontro de Músicas Ibéricas” que terá lugar no Torreiro da Guía, en Atios, a partir das 22 horas.


O encontro, chamado “Unha volta polo medio”, reunirá un conxunto de vinte músicos de diferentes partes da península, baixo a dirección de Fran (Grupo Coetus). Ofrecerán un repertorio de músicas de raíz e xunto con eles actuará o grupo de música tradicional Os Penediños de Atios.

Esta actividade forma parte da programación cultural do Concello do Porriño chamada “Para un tempo novo”, planificada segundo os protocolos de seguridade sanitaria que rixen na actualidade. 

O Concello resolverá mediante concertación directa a venda dunha parcela no PPI 6 en Budiño por 338.000 €

A Comisión Municipal de Urbanismo tratará este mércores da resolución, mediante concertación directa, da venda dunha parcela de chan industrial urbanizable no PPI 6 de Budiño, valorada en 338.000 €.  O térreno, de uso industrial, ten 5.110 metros cadrados

Despois de que o anterior procedemento de concurso público celebrado quedase deserto, agora apareceu un comprador interesado o que motiva a resolución da venda por concertación directa. Esa resolución terá que ser aprobada polo pleno da Corporación Local do Porriño.

O asunto será informado previamente na Comisión Municipal de Urbanismo coa exposición de motivos que fará Pedro Pereira, concelleiro responsable do patrimonio municipal.

O Concello abre un novo prazo para solicitar composteiros individuais

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente e Limpeza comunicou hoxe que a partir de mañá mércores día 22 ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes para aqueles veciños e veciñas interesados en recibir un composteiro individual para vivendas unifamiliares.

As solicitudes deberán envíarse por correo electrónico ao enderezo do concelleiro: sergiocasalquintas@oporrino.org

Habilitase un prazo de dúas semanas para que os interesados manden as súas solicitudes Nas que deberán facer constar nome, apelidos, un teléfono de contacto e un enderezo de correo eléctrónico para que o Concello poida contactar con estes veciños e veciñas para convocarlles no Multiusos de Torneiros á reunión onde se distribuirán os composteiros.

Nesa futura reunión, como acontecera noutras anteriotres, mestres composteiros do Plan Revitaliza explicarán cómo se realiza a montaxe dos composteiros que entregan embalados e como deben realizar a compostaxe dos residuos orgánicos.

A idea do Concelleiro de Medio Ambiente é que durante o mes de agosto ou primeiros de setembro teña lugar a convocatoria aos solicitantes e que se faga o seguinte reparto de composteiros.

 

Novo reparto do Banco de Alimentos “SOS Porriño” entre as familias máis necesitadas

 
 
Membros da agrupación de Protección Civil do Porriño e voluntarios que colaboran co Banco de Alimentos iniciaron hoxe un novo reparto de produtos.
 
 
“Son ó redor de 5 toneladas de alimentos non perecedoiros para atender a unhas 300 familias, é dicir, aproximadamente a un milleiro de persoas entre menores e adultos que se atopan nunha situación de emerxencia”, segundo explicou David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.
 
O reparto durará tres dias e abrangue todo o termo municipal.
 

O mércores realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda sur das Gándaras


O Concello do Porriño informa que este mércores día 22 realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda das Gándaras que afectará ao tráfico rodado do acceso sur aos polígonos industriais de As Gándaras e A Granxa.

A empresa “ENDENOR, Construcción, Mantenimiento y Servicios”, adxudicataria da contrata, informou ao Concello que a duración dos traballos será dun día, de xeito que o xoves 23, recuperarase á normalidade, se non xurde algún imprevisto.

Os traballos a realizar son o levantado e novo asfaltado da rotonda sur das Gándaras sita a continuación da saída 21 da Autovía A-55 en dirección Tui, polo que cumpre cortar o tráfico rodado. Mentres duren as obras, a circulación de vehículos cara ao sur do Polígono das Gándaras, se realizará pola saída anterior, número 18.

Tamén o acceso dende a rotonda sur do polígono de A Granxa, queda cortado namentres se realizan estes traballos, desviándose a circulación entre o sur dos polígonos á altura da saída 18 da A-55, dirección Tui.

O Concello do Porriño agradece a colaboración dos condutores e usuarios.

O Concello recepciona as obras de lixado, barnizado e pintado da pista 1 do Polideportivo Municipal

David Alonso, concelleiro de Deportes realizou hoxe a recepción das obras de lixado, barnizado e pintado da pista 1 do Polideportivo Municipal. Estes traballos estiveron paralizados polo estado de alarma e retomáronse cando se relaxaron as restricións no sector de construción e carpintería.


Este emprendimento realizouse polo Concello do Porriño con cargo a unha subvención de 48.000 euros do Plan Concellos da Deputación Provincial.
Anteriormente realizouse tamén a mellora da pista 2 de Polideportivo. Sen embargo, a enchente de auga que provocou unha tormenta na noite do 1 de xuño, causou danos que serán reparados con cargo á póliza de seguro, antes de que comece a vindeira tempada.


Por outra banda, hoxe tamén recepcionouse a entrega de diversos material deportivo consistente en novas canastras, marcadores e altofalantes que mellorarán o funcionamento dos pavillóns cara á reanudación das competicións deportivas.

O Concello lembra que a Piscina Municipal,está aberta dende hai unha semana e funciona segundo os protocolos anti-Covid



A Concellería de Deportes do Concello do Porriño lembra que dende hai unha semana está aberta a Piscina Municipal baixo unas estritas pautas de prevención do Covid-19.

O emprego da máscara é obrigatorio en todo momento, agás dentro da piscina.

A solicitude de cita previa é un requisito imprescindible. Debe solicitarse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través do número 986 34 44 20 ou por correo electrónico no enderezo: piscinaporrino.eulen@gmail.com

O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas.

O horario de apertura da Piscina Municipal do Porriño será:
de luns a venres, de 7 da mañá a 14 horas; e de 16 h. a 23 horas. Os sábados, de a 14 h. e de 17 a 20,30 h. E domingos, tan só en quenda matinal, de 10 a 14 horas.

Os responsables da instalación municipal advirten que non se permitirá o acceso a persoas con síntomas compatibles co “Covid-19”: tose, febre ou dificultade para respirar.

Programación cultural do Concello do Porriño “para un tempo novo”: CONCERTO DO “DÚO DELÍS” NA PRAZA DO CONCELLO, CUN AFORO RESTRINXIDO

A Concellería de Cultura e Festas informa que o vindeiro sábado 18 ofrecerá un concerto musical a cargo do “Dúo “DeLís”, ás 21 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios. O espazo para público, diante do Concello, terá un aforo restrinxido, só para 100 cadeiras, segundo organizou a devandita Concellería que dirixe Cami Moreira.

Este concerto enmarcase na programación cultural do Concello do Porriño “Para un tempo novo”, coa ocasión de rematar co estado de alarma e transitar cara a chamada “nova normalidade”.

“Dúo DeLís” está formado por Irma Bau e Irina Veselova  que coñecéronse en Barcelona a principios do 2017, nas “máster-class” do mestre Peter Bruns. A conexión entre elas é inmediata, e deciden dar continuidade a aquel encontro, formando un dúo estable.

Presentáronse en público no mes de marzo dese cun concerto en Barcelona, e en abril gañan por unanimidade o primeiro premio no 23º Concurso Internacional Papel de Música de Capellades. Despois acadaron o 2º premio no concurso internacional de Música de “Les Corts”, no auditorio AXA de Barcelona, e logo conseguen o 1º premio, tamén por unanimidade, no Concurso Internacional Mirabent i Magrans de Sitges, na modalidade de música de cámara.

Isto lévaas a ofrecer recitais en prestixiosas salas, ciclos de concertos e festivais de toda Cataluña e no resto do estado. Grazas ao premio obtido no concurso Papel de Música, gravan o seu primeiro CD, chamado “Joyas del romanticismo” no auditorio Atlántida de Vic baixo o selo de Solfa Recordings, coas sonatas de César Franck e Sergei Rachmaninov.

Concerto: Dúo DeLIS

 

A Xunta de Voceiros estudará se é posible algunha compensación ás canteiras polo estado de alarma


A Xunta de Voceiros Municipais convocada para o vindeiro venres 17, ás 12 horas, tratará a petición dunha posible devolución de parte do canon que canteiras radicadas no Porriño aboan anualmente ao Concello. A petición basease na paralización forzosa –entre as canteiras que aínda están activas- durante os tres meses que durou o estado de alarma polo “Covid-19”.

O primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira como concelleiro responsable do Patrimonio Municipal, levará a proposta á consideración dos voceiros dos restantes grupos da corporación para determinar se procede algunha compensación. Ata este intre, catro canteiras solicitaron formalmente ao Concello a devolución de parte do canon anual que pagan.


Precisamente outro asunto que tratará a Xunta de Voceiros, a proposta de Pereira, vai ser o establecemento dun Prego Xeral para as Canteiras, como ferramenta para ordenar a relación deste sector co Concello do Porriño.

Son dous dos seis asuntos que forman a orde do día da reunión da xunta de voceiros municipais que tamén, tratará en qué situación atópase a Comisión de Deslinde con Mos cúa actividade que retomaron ambos concellos, paralizouse co estado de alarma

O Concello amplía o prazo para participar na Batalla de Debuxantes “Improvisdado”

A Concellería de Cultura e Festas e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) informan da ampliación do prazo para participar na “Batalla de Debuxantes Improvisdado”, convocada polo Concello do Porriño.

O prazo de presentación de propostas que comezou o 1 de maio, amplíase ata o 31 de agosto.

Lembramos que esta convocatoria está dirixida a debuxantes con idades comprendidas entre os 12 e os 45 anos, de nacionalidade española ou estranxeira. Terán que desenvolver de xeito profesional ou aficionado algunha das seguintes disciplinas artísticas relacionadas coa pintura: ilustración, graffiti, tatuaxe, banda deseñada ou outras técnicas de debuxo de man alzada.

A convocatoria lanzouse o 30 de marzo dende a Concellería de Cultura e a través da Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX), durante o pasado estado de alarma “como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento”. 

Para facilitar a participación, pódense facer os debuxos na casa e ser enviados por vía telemática e ademais, a inscrición é de balde. Os debuxos deberán presentarse por vía electrónica en formato JPG ou PDF cunha resolución igual ou superior a 1.200 px por 1.200 px. Deberán enviarse escaneados ao correo info@vellaescola.com indicando como asunto: InscriciónConcurso ImprovisDado”.

De entre todos os debuxos presentados serán seleccionados os artistas que concorrerán á final que sí será presencial, que está prevista para celebrarse o 19 de setembro. Terá unhas regras específicas e unha dotación económica en premios que se detallan nas bases da convocatoria que pódese consultar tanto nesta web do Concello coma na web do departamento de Cultura.

Deixamos ligazón para interesados/as

Batalla de debuxantes “ImprovisDado”