A concelleira de Igualdade asistiu no IES Ribeira do Louro ao obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes.

A concelleira de Igualdade, Cami Moreira asistiu esta mañá ao IES Ribeira do Louro onde estaba a desenvolverse unha das sesións do obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes. Impártese en horario lectivo para alumnado dos centros de ensino secundario do Porriño ao longo desta segunda quincena do mes de abril. Trátase dunha actividade concertada co Ministerio de Igualdade do Goberno de España e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.


O enfoque deste obradoiro basease en que na adolescencia as decisións asociadas ao desenvolvemento sexual adoitan ter importantes implicacións para a saúde e a educación, así como para as relacións actuais e futuras.
Amais están os riscos que pode ocasionar a falta de formación emocional e sexual que co acceso a internet, as novas tecnoloxías, aos novos espazos de socialización para a mocidade poden derivar en condutas de ciberviolencia nas parellas adolescentes.
A metodoloxía anovadora deste obradoiro, crea un entorno de interese e colaboración por parte da mocidade, imprescindibles porque parte da premisa de ter en conta o seu punto de vista, as súas opinións, a rapazada é a protagonista.

Obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes “Deseñando unha educación sexual para adolescentes”

Aberto o prazo para presentar as solicitudes de axudas económicas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa”

Desde esta mañá xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para recibir axudas económicas directas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa” que dispón dun fondo de 140.000 € aportados polo Concello e pola Deputación. As bases e os impresos das solicitudes xa están dispoñibles na páxina web do Concello.

Paralelamente esta mañá o concelleiro de Emprego, David Alonso presentou as liñas fundamentais deste Plan que se aprobou por unanimidade da corporación no último pleno municipal celebrado.

Acudiron a presentación Juana Pérez e Noelia Conde, pola Asociación de Comerciantes de Porriño (ACIPOR) e José Manuel Fernández, pola Asociación de Hostalería do Porriño (AHOSPOR).

O concelleiro de Emprego lembrou que esta liña de axudas destinase aos establecementos de hostalería, comercio de proximidade, autónomos e microempresas do Porriño afectados polos peches total ou parciais ocorridos coa ocasión das restricións aplicadas dende xaneiro.

David Alonso ofreceu “o asesoramento gratuíto que a través da técnico da Axencia de Desenvolvemento Local (ADL) prestamos nas oficinas de ‘Porremprego’, para todos aqueles solicitantes que non dispoñan de asesoría para tramitar as solicitudes”.

O concelleiro avogou por que “non teñamos que habilitar novas liñas de axuda pero se chegado o momento hai que asumir outra liña de crédito, haberá que valoralo. Ao mellor non serían axudas económicas directas senón outras medidas de apoio e incentivo ao consumo, por exemplo”, manifestou Alonso Bargiela.

Para rematar a presentación, José Manuel Fernández, presidente de “AHOSPOR” expresou “o agradecemento dos hostaleiros do Porriño ao concelleiro e a toda a corporación municipal por esta liña de axudas e agardemos que non sexan necesarias outras ao longo do ano”.

Do importe total do Plan Impulsa Porriño, a Deputación Provincial autorizou a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros. O resto é a achega que aporta o Concello con recursos propios na cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

O límite por beneficiario das axudas establécese na cantidade de 1.500 euros para aqueles sectores que sufriron o peche total e 1200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

A Concellería de Cultura impulsa actos de conmemoración e recuperación da Memoria Histórica

Esta fin de semana no Porriño levaranse a cabo distintos actos no marco da recuperación da Memoria histórica que está a pór en marcha a Concellería de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira.

O sábado 17 de abril terá lugar a proxección do filme As silenciadas, documental histórico que recupera historias de vida de numerosas mulleres que andaron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro.

O domingo 18, na praza de Antonio Palacios, terá lugar unha lectura de diversos fragmentos dos libros Un cesto de mazás de Montse Fajardo, Non des a esquecemento de Luis Bará e O Porriño 1936 de Xosé Ramón Paz Antón. As lecturas, acompañadas de música de acordeóns, serán realizadas por persoas vinculadas á memoria do Porriño e da contorna, baixo o lema “Non deixemos a memoria soterrada nas foxas”.

Para a Concellería de Cultura, este acto “é un punto de partida cara a outros proxectos dirixidos á recuperación da memoria histórica, como será a realización dun documento sonoro que recolla a narración das persoas que viviron a dura represión franquista”.

“A recuperación, posta en valor e difusión da historia do noso país, a aplicación da Lei de Memoria Histórica co recoñecemento público ás porriñesas e porriñeses que pagaron coa represión e a morte a súa defensa dos valores democráticos son valores defendidos pola Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira; así como apoiar e impulsar todas aquelas actividades que contribúan a dar luz e divulgar aspectos do noso devir histórico”.

Entre os actos programados para este mes de abril estará tamén a conmemoración do 25 de abril, a Revolución dos Caraveis de Portugal.

A concelleira de Educación entrevistada no CEIP da Ribeira para “Louriña TV Escolar”

A concelleira de Educación, Lourdes Moure foi entrevistada por nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP da Ribeira, para a nova canle de “Louriña TV escolar”.

Esta iniciativa, promovida polo Concello, a través da OMIX do Porriño, como un proxecto colectivo de innovación educativa na que poidan estar implicados todos os centros educativos do termo municipal.

A concelleira coñeceu así, de primeira mán, os obradoiros que se están a realizar nos diferentes colexios do Porriño para participar nesta canle municipal de televisión “on line” para o alumnado porriñés.

De feito xa está disponible un primeiro vídeo feito por alumnos do CEIP de Mosende coa colaboración de alumnos do CPR Hnos Quiroga que puxeron as súas voces.  

Deixamos ligazón coa canle en Youtube

https://youtu.be/ud7dve8dbWk

Aproveitando a visita ao CEIP da Ribeira, a concelleira Moure Varela tamén asistiu a unha das sesións de “Ecopercussión”. Consiste en obradoiros para a formación e execución de grupos de percusión formados polos nenos e nenas mediante instrumentos con materiais reciclados como botes de pintura, bidóns ou latas.

Nesta actividade, tamén promovida polo Concello a través da OMIX do Porriño, participan 267 alumnos dos centros de educación primaria, ata o vindeiro 21 de abril.

 

A Alcadesa coida necesaria unha investigación por presunta falsedade no asunto das firmas dos concelleiros do PP

Un informe emitido polo Secretario Municipal respalda a decisión da Alcaldesa Eva García de non convocar un pleno extra solicitado polo PP. O informe do Secretario aprecia que a solicitude do PP non cumpre cos requisitos establecidos por lei.

A alcaldesa denegou a petición “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas nin a vontade dos concelleiros solicitantes”. Ese escrito presentado o 22 de marzo polo polo voceiro do PP, Alejandro Lorenzo foi denegado despois de apreciarse que “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.

Para que a opinión pública e a veciñanza de O Porriño coñeza mellor o asunto, a alcaldesa Eva Garcia ordenou a difusión de dous documentos públicos. Un deles é o escrito de constitución do grupo municipal e o outro é a solicitude deste pleno extra feita o pasado 22 de marzo. As firmas son manifestamente distintas como se pode observar.

A maiores, o PP presentou un novo escrito ratificándose na súa solicitude, desta vez coas firmas electrónicas dos oito compoñentes do grupo municipal.

A alcaldesa coida que “é necesaria unha investigación máis polo miúdo sobre a posible suplantación das firmas dos concelleiros do PP a través do seu voceiro que, de feito, queda recoñecida claramente co novo escrito no que aportan as firmas de todos eles co seu certificado electrónico”.

Incluímos audio coas declaracións da alcaldesa.

O Concello non intervirá no Colexio de Budiño xa que a Xunta de Galicia asumirá as súas responsabilidades

 

A Concellería de Educación amosa a súa satisfacción de ter acadado que “en 24 horas a Xunta de Galicia asuma as súas responsabilidades” e, polo tanto, atenda o urxente arranxo da cuberta do CEIP da Cruz, en Budiño que presenta un risco importante, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal.
A directora do devandito colexio, despois de recibir esta mañá a visita ao centro do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, solicitou á concelleira Moure Varela que non envíe aos Bombeiros pasado mañá venres para a desmontaxe das partes da cuberta que se atopa en peor estado. A directora do CEIP indicoulle á concelleira de Educación que a Unidade Técnica da Consellería de Educación da Xunta manifestoulle que vai facer unha valoración da situación do inmoble e emitir un informe”.
Deste xeito, o Concello do Porriño “considerase eximido de calquera responsabilidade que poida acontecer” e, por outra banda, “quedamos ca plena tranquilidade de ter actuado en canto se nos demandou”, segundo valorou a concelleira, Lourdes Moure.

Porriño renovou a súa adhesión ao Programa Galego de Control da Vespa Velutina

O Concello do Porriño renovou a súa adhesión ao Programa Galego de Vixilancia e Control fronte a vespa velutina. Este programa é produto dun convenio creado no ano 2020 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para coordinar actuacións fronte a esta plaga. 

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente informou que o Concello do Porriño adheríuse por segundo ano consecutivo. A alcaldesa Eva Garcia firmou esta semana o correspondente decreto. 

O Programa garante a retirada e destrucción dos niños de velutina coa colaboración do Concello. A veciñanza que atope niños nas suas propiedades o nas cercanías, deben comunicar co número de teléfono 012, servizo de Atención e Información á Cidadanía da Xunta de Galicia e premer na tegra número 1, para dar aviso.

Persoal da empresa pública “SEAGA” encargase da retirada sempre que estean a menos de 25 metros do chan e de facelo nun prazo de 5 días laborais.

O Concello de O Porriño recibirá e canalizará, a través do rexistro xeral, as chamadas dos veciños que alerten da existencia de niños e comunicará a información á Xunta de Galicia.  

 

 

Aberta inscrición para asistir á proxección da película “As silenciadas”

 
O vindeiro sábado 17, ás 19 horas, no Centro Cultural Municipal terá lugar a proxección do filme documental “As silenciadas”, programada pola Concellería de Cultura coa ocasión do 90 aniversario da II República.
Polos protocolos Covid, o aforo será restrinxido e previa inscrición, a través de correo electrónico no enderezo: cultura@oporrino.org
Ata o venres 16 de abril, ás 00:00 h., as persoas asistentes terán que enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@oporrino.org indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e como asunto “As silenciadas”, para facer reserva dunha cadeira o día da proxección do filme, levando control do aforamento e poder contactar en caso de que xurda algún gromo da Covid-19.
A inscrición está unicamente destinada a persoas adultas, debido ao contido desta película.
No caso de non completarse aforamento coas reservas enviadas ao correo electrónico, completarase coas persoas que se acheguen o día da proxección, recollendo, igualmente, os datos de nome, apelido e teléfono de contacto.
Para máis información deixamos ligazón coa páxina web de Cultura.
 

O Concello insta á Xunta a mudar a cuberta do Colexio de Budiño que se vai desmontar en parte para evitar riscos

Lourdes Moure, concelleira de Educación inspeccionou hoxe xunto co enxeñeiro municipal e persoal do Parque de Bombeiros, o estado da cuberta do Colexio da Cruz, en Budiño. Dúas zonas do tellado do centro escolar supoñen un serio risco, segundo acreditou un informe da arquitecta municipal que o Concello xa remitiu á Consellería de Educación para que a Xunta de Galicia acometa a correspondente reparación. Tamén a dirección do Colexio solicitou formalmente á Consellería o arranxo urxente da cuberta.

Namentres hoxe procedeuse a sinalizar e valar a zona de máis risco ata que o venres se desmonte a cuberta, a partir das 10 horas. Persoal do parque comarcal de Bombeiros do Porriño en colaboración cos servizos técnicos municipais realizarán a desmontaxe das partes da cuberta que se atopan en peor estado.

A dirección do CEIP da Cruz notificará aos pais e nais de alumnos desta circunstancia e dos cambios nos itinerarios de entrada e saída do centro.