A Concellería de Cultura informa que mañá 3 de xuño formalizarase a sinatura da carta de adhesión da Biblioteca Municipal do Porriño ao manifesto “Bibliotecas en igualdade”.
Trátase dunha iniciativa de ámbito estatal de “Clásicas e Modernas”, unha asociación para a igualdade de xénero na cultura que busca rachar coa fenda de xénero na literatura. En Galicia xa asinaron a súa adhesión as bibliotecas de Verín, Cangas do Morrazo, Redondela, Viveiro e a Universidade de Vigo con todas as súas bibliotecas. E a partir de mañá, a Biblioteca Municipal do Porriño, de sempre moi sensible nesta materia, tamén incorporarase á Rede “Bibliotecas en Igualdade”.

Cami Moreira, concelleira de Cultura xa avanzou que con esta incorporación a Biblioteca Municipal do Porriño “contribuirá a dar unha maior visibilidade ás escritoras e as súas obras, especialmente ás escritoras galegas, ademais de incorporar á Biblioteca as publicacións de estudos e investigacións sobre as achegas das mulleres á cultura ao longo da historia e promover a adquisición de obras de lectura e consulta procurando o equilibrio na autoría”.

O acto de firma da adhesión da Biblioteca do Porriño terá lugar mañá a partir das 18,30 es estará presidido pola alcaldesa do Porriño, Eva Garcia a quen acompañarán a concelleira de Cultura, Cami Moreira, a presidenta de “Clásicas e Modernas”, Fátima Anllo e outras directivas desta asociación.