Pleno municipal extraordinario

A Corporación Local do Porriño celebrará este venres 7, a partir das 12 horas, un pleno extraordinario con tres asuntos na orde do día que reproducimos a continuación. 

Debido aos protocolos anti-Covid, a sesión será a porta pechada, cos concelleiros repartidos entre os seus sitios habituais e nas butacas do público.

A sesión poderá seguirse en directo, a través da retransmisión por “streamming” que faremos nesta mesma páxina web, a través de “mediateca de plenos”. 

 

Aclaración sobre o proceso selectivo para cubrir 3 prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello

A Concellería de Persoal quere aclarar que as persoas interesadas en participar no proceso selectivo para cubrir interinamente 3 prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello, NON DEBEN PRESENTAR AÍNDA AS SÚAS SOLICITUDES ANTE O CONCELLO.

Ás persoas que xa fixeron esa presentación DEBERÁN REPETIR AS SÚAS SOLICITUDES POR QUE ACTUALMENTE CARECEN DE VÁLIDEZ

Ás que acuden presencialmente a realizar o trámite ante o rexistro xeral do Concello, xa se lles avisa que deberán agardar. 

Algunhas xa o fixeron a través da sede electrónica do Concello e se lles avisa a través deste medio, que non ten válidez e que deberán repetir a solicitude cando a convocatoria sexa publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Neste intre tan só publicouse no Boletín Oficinl da Provincial (BOPPO) nº 137, de data 20 de xullo.

Unha vez sexa publicada no DOG, os aspirantes terán un prazo de 20 días naturais a contar dende o día seguinte á data de publicación. NON SERÁ NECESARIO SOLICITAR CITA PREVIA. 

Deixamos ligazón coa convocatoria 

http://www.porremprego.org/archivos_editor/file/PUBLICACI%C3%83%E2%80%9CN%20BASES%20PARA%20CUBRIR%203%20PRAZAS%20INTERINAS%20DE%20AUXILIAR%20ADMINISTRATIVO.pdf

 

Concello e Deputación apoian unha función de teatro musical familiar no “CRC”

A Concellería de Cultura do Concello do Porriño que dirixe Cami Moreira informa da celebración desta sesión de teatro musical familiar que terá lugar no Circulo Recreativo Cultural do Porriño, o vindeiro sábado 8. A partir das 20 horas.

É un espectáculo da compañía Animar-T.

A obra trata as relacións entre netos e avós desde a visión da protagonista, Laia, unha nena de sete anos. Un espectáculo que mestura teatro musical, maxia cómica, animación musical e a constante participación dos nenos.

A sesión conta co apoio do Concello e da Deputación.
Aforo restrinxido. Só para 85 persoas.

 

Tres deportistas porriñeses premiados na Gran Gala do Deporte da área de Vigo

Jorge Punzón, Carla Guisande e Yago Martínez foron os tres deportistas porriñeses galardoados onte na XXIª Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca celebrada nos xardíns do Pazo de Castrelos. Os méritos dos tres durante a pasada campaña motivaron os premios que recibiron. Dase a circunstancia de que os tres foran recoñecidos polo Concello do Porriño meses antes.

David Alonso, concelleiro de Deportes asistiu en representación do Concello. Dos tres galardoados, tan só Jorge Punzón estivo presente para recibir a metopa como mellor ciclista, en categoría absoluta, da área de Vigo no ano 2019.

David Alonso lembrou que o Concello xa recoñeceu o ano pasado a traxectoria de Jorge Punzón encomendadolle o pregón das Festas do Cristo, “papeleta que resolveu de xeito brillante”.

Por outra banda, o concelleiro de Deportes tamén recordou que os outros dous galardoados en categoría promesas, a triatleta Carla Guisande e o piloto de motocross Yago Martínez, ambos sub-23, tiveron contrato de patrocinio do Concello daunte a pasada tempada.

O concelleiro reivindicou “os premios a estes tres xóvenes, acreditan a forza da nosa mocedade e revalidan o alcume de Porriño coma O Concello do Deporte”, manifestou David Alonso.

25 camioneiros multados pola Policía Local por incumprir a ordenanza que prohíbe o tráfico pesado no casco urbano

O concelleiro de Tráfico, Sergio Casal explicou que as multas a 25 camións formuladas pola Policía Local na noite do luns 3 ao martes 4, na zona das Sequeiras, “responde ás repetidas queixas veciñais que demandaban que o Concello dera cumprimento á ordenanza municipal que prohíbe circular e aparcar ao tráfico pesado dentro do casco urbano”.

 

Casal Quintas lembrou que esta ordenanza municipal foi elaborada e aprobada en 2012 polo goberno municipal que presidía entón Nelson Santos. Establece a devandita prohibición que ademais está reforzada pola sinalización vertical que existe na entrada de Cans e na baixada da Risca, así como pola sinalización horizontal pintada.

O concelleiro explicou que durante os estado de alarma, “houbo certa tolerancia” pero en canto rematou e recuperouse a normalidade, a Policía Local advertiu reiteradamente da prohibición aos transportistas.

Na noite do pasado luns 3, o concelleiro recibiu diversas chamadas de veciños da zona protestando pola acumulación de camións aparcados. Sergio Casal solicitou a Policía Local que intervira o que desencadeou as 25 multas que impuxeron.

Cada sanción é por unha contía de 200 € (100 no prazo bonificado).  

36 multas da Policía Local durante xullo por conducir baixo os efectos do alcohol, drogas ou sen carné

A Policía Local do Porriño fixo balanzo de actuacións en materia de seguridade vial no mes de xullo que arroxa 36 multas por conducir baixo os efectos do alcohol, drogas ou co carné caducado.

En 22 casos formularon multas por infracción administrativa por alcoholemias positivas. Segundo a taxa, a multa económica oscila entre 500 a 1.000 euros e supón a perda de 4 a 6 puntos do carné.

En seis casos máis, os axentes da Policía Local instruíron 6 atestados (contra 5 homes e unha muller) por un presunto delito contra a seguridade vial por superar a taxa de 0,60mg/l. en aire espirado. Un destes casos presentou o a agravante de que o condutor levaba dous menores no seu vehículo.

Tamén, a Policía Local do Porriño formulou durante o mes de xullo, 6 denuncias administrativas contra condutores por dar positivo en drogas ao volante.

E por último, instruíronse dous atestados por presuntos delitos contra a seguridade vial por circular co permiso de conducir sen puntos.

Dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure reiterase “unha apelación ao sentido común e á responsabilidade dos condutores para evitar coller o coche se beben, e previr a siniestralidade de tráfico e o risco para outros usuarios das vías”.

Alberto Abalde elixe O Porriño para poñerse en forma antes de incorporarse ao Real Madrid


O baloncestista galego Alberto Abalde elixiu O Porriño para realizar un traballo de preparación previo a súa incorporación ao Real Madrid. Dende onte, no Polideportivo Municipal, Abalde, xunto co seu adestrador persoal, realiza diversas sesións de exercícios de mantemento e tandas de tiros a canasta.

Abalde optou por O Porriño polas xestións realizadas por Julio Bernárdez, ex-baloncestista e xefe do Servizo de Deportes do Concello. E atendendo á invitación que lle fixo David Alonso, concelleiro de Deportes que acudiu a darlle a benvida ao Pavillón.

Abalde, alero de 2.02 de estatura e internacional coa selección española, estará dous dias máis adestrando pola súa conta na nosa vila antes de viaxar a Madrid para iniciar a pretempada co equipo merengue.

O IGE confirma que O Porriño é un dos concellos que máis medra en poboación

O Porriño mantense entre os cinco concellos de toda Galicia con saldo vexetativo positivo ao rexistrar máis nacementos ca mortes, segundo volveu acreditar o Instituto Galego de Estadística (IGE). O Porriño pechou 2019 con 39 nacementos máis ca defuncións como ven de recoller o estudo “Movemento natural da poboación” que elaborou o IGE e se coñeceu esta fin de semana.

Deste xeito, O Porriño é un dos poucos concellos da comunidade autónoma que continúa a medrar demográficamente nos últimos anos. Incluso neste 2020, como reflictiu que durante o estado de alarma (entre o 13 de marzo e o 12 de xuño) Porriño medrou en 136 habitantes.

Eva García, alcaldesa da vila lembrou hoxe que “O Porriño trae esta tendencia de crecemento demográfico dende hai máis de 40 anos o que convirte a este concello nun caso único en Galicia”.

E como consecuencia desta tendencia positiva, O Porriño xa entrou no “club” dos concellos galegos de máis de 20.000 habitantes. Exactamente son 20.100 habitantes que o INE (Instituto Nacional de Estadística) acreditou ao Concello.

Para O Porriño superar a barreira dos 20.000 habitantes “significará a partir de 2021 máis participación nos fondos públicos tanto dos Orzamentos Xerais do Estado como nos Orzamentos da Xunta de Galicia así como acceso directo ás subvencións da Unión Europea”, segundo valorou a alcaldesa do Porriño.

Asimesmo este salto demográfico traducirase noutros feitos futuros. Un deles será que nas vindeiras eleccións municipais de 2023, os porriñeses xa teran que elexir máis concelleiros pois a próxima corporación local medrará de 17 a 21 membros.

 

 

Nove comunidades de augas acadaron subvencións do Concello por un importe global de máis de 52.000 €


Nove comunidades de augas de consumo acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

As nove comunidades de augas beneficiadas son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

Esta semana reuniuse e coñeceuse a resolución da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais. A comisión determinou os importes das subvencións que totalizan 52.162 €.

As achegas maiores serán para Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán a o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros.

As restantes recibirán: Atios, 7.647 €; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Pedro Pereira, concelleiro responsable deste departamento anunciou que “o Concello do Porriño mvai manter nos vindeiros anos esta liña de subvencións municipais en colaboración coas comunidades de augas”.

A programación cultural “para un tempo novo” chega este sábado a Chenlo e Carracido

A Concellería de Cultura anuncia para esta fin de semana que a “programación para un tempo novo” chegará a Chenlo e Carracido con sendas propostas de cinema na rúa e monólogos.

Ambas están previstas para mañá sábado día 1. En Chenlo, no Centro Cultural, a partir das 22 horas, haberá sesión de cine coa proxección da película “O pequeño mago”.  É unha longametraxe animada producida por Deboura Cinema, baseada na novela “Bieito Dubidoso”, de Roque Cameselle, publicada por “Edicións Xerais”.

En Carracido, no local da AAVV As Mimosas, terá lugar tamén mañá sábado 1, a partir das 22 horas, unha sesión de monólogos a cargo do artista “Hermen&Gildo”. A súa proposta son monólogos novedosos que ten como obxectivo visibilizar a existencia de micromachismos moi arraigados no noso día a día.

O Concello do Porriño, a través da Concellería que dirixe Cami Moreira, está a realizar esta programación cultural para as parroquias, coas debidas garantías sanitarias co propósito de dinamizar a actividade de lecer. A concelleira ten manifestado que “sendo coñecedora de que a situación da pandemia da Covid-19, fixo que moitas das actividades culturais das parroquias e barrios fosen canceladas, e mantendo contacto coas asociacións da veciñanza, fixose unha proposta programática, coas garantías de seguridade sanitaria, favorecendo a dinamización cultural á vez que se potencian os recursos dos artistas locais”, dixo Cami Moreira.

Deixamos ligazón coa web de Cultura 

Programación cultural. Abril 2024