A Concellería de Vías e Obras que dirixe a socialista Lourdes Moure anuncia o arranxo por vía de urxencia de dous camiños en Chenlo e Torneiros que se atopan en moi mal estado. Trátase do Camiño de Penedo, en Chenlo onde a concelleira comprobou o estado do mesmo en compañía do alcalde pedáneo da entidade local menor, Jacobo Alonso. E do Camiño existente en Torneiros entre a Fase 1 e o local da AAVV San Salvador, cun grao de deterioro moi importante, segundo comprobou a concelleira en compañía do enxeñeiro municipal.

Estas obras acometeranse con cargo a unha partida de 30.000 € de fondos propios. Sepáranse e priorízanse estes arranxos de ambas vías municipais en Chenlo e Torneiros, do proxecto máis ambicioso que é o Plan Estratéxico de Obras e Mantemento en Vías Municipais e Saneamento que elaborou a Concellería que dirixe Lourdes Moure. Precisamente hoxe venres levase para ditame o devandito Plan, á Comisión Municipal Informativa de Economía pois require dunha modificación orzamentaria de 730.000 euros para o seu desenvolvemento.