O Concello celebrará o Día Internacional da Danza e a Festa dos Maios

 

O Concello informa de dúas actividades a desenvolverse nesta fin de semana englobadas na programación da Concellería de Cultura.
Este venres 30, a partir das 20 horas, terá lugar a celebración do Día Internacional da Danza. Será na praza Arquitecto Antonio Palacios, a partir das 20 horas, a cargo da compañía “Pálido Domingo” que ofrecerá un espectáculo de danza contemporánea. O título da función que ofrecerán é: “Non hai que ser unha casa para ter pantasmas”. 

Por outra banda, o domingo 2, tamén na praza do Concello, celebrárase a tradicional Festa dos Maios. Ás 12,30 horas haberá a actuación da agrupación de cantareiras do Fonteliño e o maio elaborado por “Aceesca”.

Tanto un como outro eventos serán con aforo limitado, de 50 persoas cada un, sen necesidade de inscrición previa.

A corporación aprobou por unanimidade instar á Xunta de Galicia ao deseño e execución dun plan de vixilancia ambiental da actividade mineira

 

O Concello do Porriño instará á Xunta de Galicia para o deseño e execución dun Plan de Vixilancia Ambiental da Actividade Mineira. O acordo, adoptado por unanimidade pola corporación local no pleno municipal de abril celebrado onte, xurdiu a instancias do grupo EU SON que presentou unha moción con esta proposta referida á actividade mineira na parroquia de Budiño. Durante o debate da mesma, engadiuse que o devandito Plan de Vixilancia Ambiental tamén chegue ás explotacións mineiras de Atios, Chenlo e Cans.

Segundo a proposta aprobada, solicitase á Consellería de Medio Ambiente que o plan teña como obxectivo fundamental “non só verificar o cumprimento dos condicionamentos establecidos nas concesións de explotación e de restauración, senón tamén a súa suficiencia para garantir o normal desenvolvemento da vida das persoas en condicións de seguridade e salubridade; e con relación ao medio ambiente, o control dos verquidos, escorrentías e calquera tipo de contaminación das augas.

Por outra banda, aprobouse xerar un suplemento de crédito con remanente de tesourería para aboar, por un lado, 415.000 euros ao Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) e, doutro lado, 6.121 € en sentenzas xudiciais. O acordo acadouse cos votos a favor de PSOE, BNG, EU SON e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP.

 

O Servizo de Intervención Municipal anuncia 10 días hábiles adicionais para correccións das solicitudes para o plan de axudas ao comercio e á hostalería

 

A páxina web do Concello publica hoxe un documento de corrección de erros para que se corrixan algunhas das solicitudes presentadas para o Plan “Impulsa Porriño” de axudas ao comercio e á hostalería. O mesmo documento de corrección de erros publicouse hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) como é preceptivo.
De xeito que os solicitantes que xa presentaron documentación para a súa participación nesta liña de axudas, disporán dun prazo de 10 días adicionais -datas hábiles- a contar a partir de mañá venres 30, para corrixir a súas solicitudes.
Toda a convocatoria así como as bases e documentos para as solicitudes poden consultarse na web do Concello premendo sobre o “banner” “Porriño Impulsa”.
Engadimos documento “pdf” coa corrección de erros

ANUNCIO-CORRECCION-ERROS

A Xunta de Galicia xustifica pasar ao Porriño ao nivel medio de restricións pola detección de novos infectados

A Consellería de Sanidade explicou que a decisión, adoptada xunto co comité clínico asesor, de pasar ao concello do Porriño a un nivel medio de restricións débese á detección de novos infectados coa ocasión do recente cribado feito.
Na roda de prensa ofrecida hoxe polo conselleiro e os seus principais colaboradores para explicar os acordos de onte, indicouse pola doutora Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública que “está a producirse un incremento en toda a comarca” e citou expresamente que no Porriño pasamos de 1 a 15 casos. “Estamos a realizar un seguimento”, engadiu.
Segundo os datos que comunicou hoxe o propio Servizo Galego de Saúde, O Porriño ten 16 casos nos últimos 7 días; 18 en 14 días e a taxa de incidencia situouse en 91.

Como consecuencia da decisión que adoptou a Xunta de Galicia, a partir das 00:00 do venres 30, a hostalería do Porriño poderá abrir só cun 30% de aforamento no interior dos locais e un 50% nas terrazas. O horario de peche será ás 21 horas, agás os restaurantes que poderán pechar ás 23:00. No que atinxe ás reunións, máximo de 6 non conviventes ao aire libre e 4 en interiores, tanto en domicilios particulares como en lugares públicos. Mobilidade: restrinxida de 23:00 a 6:00 e permítese desprazarse entre municipios independentemente do nivel no que se encontren.

Presentación da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo

O ciclismo da bisbarra volverá ás estradas cunha competición como a “Challenge Rías Baixas” que neste ano 2021 vai cumprir a súa quinta edición, coa organización do club “Master da Louriña”. A proba terá lugar na fin de semana do 8 e 9 de maio, cando o Goberno Central ten previsto que decaia o estado de alarma e que se alivien moitas das restricións que aínda temos hoxe.

En 2020, a “Challenge” celebrouse nas súas datas habituais de finais de febreiro, é dicir antes da declaración da pandemia.

O vindeiro xoves 29, ás 12 horas, terá lugar na praza do Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello do Porriño, a presentación da edición deste ano nunha roda de prensa na que participará David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño xunto cos seus homólogos dos concellos de Ponteareas e Mos xa que cada un destes concellos albergará unha etapa da “Challenge”. Á presentación tamén asistirá Gorka Gómez, deputado de Deportes, no nome da Deputación Provincial.

Convocado pleno municipal ordinario de abril para este mércores 28

Esta mañá comunicouse aos grupos políticos da corporación, a convocatoria do pleno municipal ordinario de abril que terá lugar este mércores 28, a partir das 18 horas.
Entre os asuntos máis salientables figura a moción que traslada o grupo municipal de EU SON para un plan de vixilancia ambiental sobre a actividade mineira na parroquia de Budiño.
E pola súa transcendencia económica, un suplemento de crédito, financiado con remanente de tesourería, por importe de 457.000 €. Unha parte desa cantidade (415.000 €), para abonar el servizo de recadación municipal delegado no ORAL. A parte restante, 42.000 € son para abonar facturas en cumprimento de sentenzas xudiciais.
Adxuntamos a orde do día da sesión. 

Pleno Abril 2021

 

O prazo para presentar solicitudes ás subvencións municipais para as comunidades de augas de consumo do Porriño rematará o vindeiro 3 de maio

O Concello do Porriño informa de que o prazo para presentar as solicitudes para beneficiarse das subvencións municipais ás comunidades de auga potable, que este ano 2021 teñen un importe total de 95.000 €, rematará o vindeiro luns 3 de maio.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por asociación.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

O director da película “Hamada” participará no coloquio posterior á proxección con representantes do pobo saharui

A Concellería de Cultura programou para mañá sábado 24, coa ocasión de finalizar a exposición “Texturas dunha guerra invisible” no Centro Cultural Municipal, un acto de clausura. Consistirá na proxección, en colaboración co Festival de Cans, da película “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén. O propio director do filme asistirá e participará nun faladoiro que haberá a continuación, no que tamén intervirán con Mohamed Zerga, Delegado Saharauí en Galiza, Maite Isla Presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a artista Galia Baba Chamah.

O acto comezará ás 19:00 horas e co aforo restrinxido polos protocolos anti-Covid.

 

A Alcaldesa explicou que o cribado do domingo ven motivado pola aparición dun brote nunha empresa

A alcaldesa Eva Garcia explicou hoxe aos asistentes á reunión telemática da Comisión Municipal de Seguimento da Covid que o motivo do cribado convocado polo Sergas para o vindeiro domingo “está relacionado coa aparición dun brote nunha empresa do Porriño”.

Segundo a información previa que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo trasladoulle á alcaldesa, “aínda que a incidencia no Porriño sigue a ser moi baixa e que os infectados nesa empresa son na súa meirande parte residentes noutros concellos, o Sergas trata de determinar se hai contaxiados que sexan asintomáticos, tanto na nosa vila como na contorna”, indicou a a alcaldesa.

Cos datos actualizados do Sergas a día de hoxe, O Porriño ten una taxa de incidencia de 15 “que son os mellores números de toda a pandemia”, precisou Eva Garcia que volveu a exhortar ás 6.000 persoas convocadas ao cribado do domingo que “por favor acudan, que polo seu ben, polas súas familias e polo ben de todos nos”.

O Concello pon a disposición do Sergas o Pavillón número 2 do Polideportivo Municipal para a realización das “PCR”. Están convocadas 6.000 persoas, entre as 8:30 horas e as 22:00 horas.

A Policía Local en coordinación con Agrupación de Protección Civil despregarán un dispositivo ao redor do Polideportivo e na rúa Doantes de Sangue para facilitar a chegada e aparcamento de vehículos, segundo indicou a Concellería de Seguridade.

No que atinxe ás competicións deportivas que xa estaban programadas no Polideportivo Municipal, non haberá ningún aprazamento, segundo informou a Concellería de Deportes.

Lecturas compartidas na distancia para celebrar este venres 23, o Día Internacional do Libro

O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño celebra este ano o Día do Libro dun xeito moi especial: compartindo as participantes unha fotografía onde saen todas a ler un libro, o elemento que as mantivo unidas na distancia física da pandemia. Este detalle cobra máis relevancia ao cumprirse xa máis dun ano en que o club, ata o de entón presencial, se viu obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia, para conseguir manter a súa actividade. Así, esta imaxe conxunta está conformada pola fotografía de cada participante a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura.

Con motivo do comezo da pandemia, do decreto do estado de alarma e o confinamento do ano pasado, a actividade do club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño, ao ser presencial, víase detida. Dende a Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira, propúxose ao club de lectura a realización dunha actividade co gallo do Día das Letras Galegas e optouse pola creación dun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario do poema “Ferrol 1916”, de Ricardo Carvalho Calero. A partir desa experiencia e a resposta tan positiva que tivo por parte das participantes, xurdiu a idea entre a Concellería e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, de desenvolver un soporte dixital específico para as actividades do grupo, do que nacería un blog (https://clublecturaporrino.wordpress.com/).

Vendo tamén as posibilidades que ofrecía o formato podcast para poder escoitarse entre todas, decidiuse escoller esta opción para que as participantes compartisen os seus comentarios, aínda que quen queira poida facelo tamén por escrito. No blog compártense as guías de lectura dos libros, os podcasts cos comentarios, e tamén recomendacións de lectura e outros recursos de interese. Outras ferramentas que se empregan para a comunicación dentro do grupo son o correo electrónico e o WhatsApp.

Durante este ano foise desenvolvendo a adaptación ás ferramentas dixitais e tamén aos cambios nos formatos de lectura. Ao comezo, debido ás restricións impostas durante aquel primeiro estado de alarma, non era posible facer uso do servizo de préstamo de libros en formato físico para os clubs de lectura, así que se tivo que optar pola lectura de textos en formato dixital. Porén, en canto foi posible retomar a lectura en papel volveuse ao formato físico, intercalándoo con algunhas lecturas en dixital durante o período de peche de bibliotecas que se produciu a comezos deste ano 2021, ou en actividades concretas, como a próxima actividade que se desenvolverá este ano tamén co gallo do Día das Letras Galegas arredor da figura e da obra de Xela Arias.

A implicación das participantes é o motor de que a actividade estea tan viva e, neste período, mesmo se produciron novas altas. Aínda que a vontade do grupo é volver en canto sexa posible aos encontros presenciais, que eran un dos trazos de identidade do club, as dinámicas a distancia permítenlles mentres seguir conectadas e compartindo lecturas; e, mesmo volvendo á actividade presencial, moitas das ferramentas de lectura e comentario a distancia seguirán a funcionar para tender pontes, facilitar as dinámicas e conectar a aquelas persoas que deciden unirse para compartir unha lectura e que hoxe deciden xuntarse, mesmo dende diferentes lugares, para desexarse e desexarnos un moi feliz Día do Libro.