A visita guiada teatralizada Antonio Palacios prevista para mañá sábado 19, suspéndese debido á mala previsión meteorolóxica. A visita recuperarase noutra data, segundo informou o departamento de Cultura que organiza esta actividade coa ocasión da celebración polo Concello do Porriño do Ano Palacios.

As vinte persoas que se inscribiron previamente completando o aforamento posible, foron notificadas da suspensión polo departamento de Cultura.

As visitas guiadas teatralizadas comezaron o pasado 29 de maio cunha excepcional resposta xa que hai lista de espera. Programáronse dez visitas, en principio ata o 30 de outubro. Os participantes percorren durante 50 minutos varias obras icónicas de Palacios: o Templete da boca de metro da Rede de San Luis, a Casa do Concello, a Fonte do Cristo ou a Botica Nova. Un actor e unha actriz encárganse de representar a Antonio Palacios e a Corona Gónzalez, mecenas do arquitecto, contando ademais co acompañamento musical dun gaiteiro e un tamborileiro da Asociación Cultural Lumeirada.

O Ano Antonio Palacios que celebra o Concello do Porriño comezou o 27 de outubro de 2020 coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal ante a tumba do arquitecto.