A Escola Municipal de Música abre este martes o prazo para formalizar matrícula



Dende o martes 15 e tamén os días 16, 17 e 18 de setembro, na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Cívico), en horario de 16 a 21 horas, pódese formalizar a matrícula e reserva de horarios, segundo a preinscrición realizada no mes de xullo.

As listaxes están expostas nas portas do Centro Cultural e da Escola Municipal de Música.
Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado inscrito fóra de prazo poderá matricularse a partir do día 22 de setembro de 16 a 18 horas, sempre e cando queden prazas dispoñibles.
A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é a que se indica:

• Música e Movemento os 4 a 7 anos
• Linguaxe Musical do nivel elemental e medio (entre outras materias) dende os 8 en adiante e sen límite de idade.
• Especialidades instrumentais:
violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, canto, gaita, percusión tradicional, oboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión sinfónica.

• Agrupacións: Banda, Orquestra, Conxuntos de Música Tradicional e Corais de nenos e adultos.

As clases comezarán no mes de outubro nas novas instalacións da Escola Municipal de Música no Edificio Multiusos de Torneiros.

ANEXO CO PROTOCOLO PARA REALIZAR A MATRICULACIÓN
– AS MATRÍCULAS REALIZARANSE EN INTERVALOS DE ENTRE 5 E 10 MINUTOS. ROGAMOS MÁXIMA PUNTUALIDADE. CADA ESTUDIANTE TEN A SÚA HORA DE MATRÍCULA, E UNHA VEZ PASE O SEU TURNO NON SE LLE PODERÁ ATENDER.
– PREFERENTEMENTE ENTRARÁ A FORMALIZAR A MATRÍCULA UNHA ÚNICA PERSOA POR ESTUDIANTE. NO CASO DE FAMILIAS CON VARIOS MEMBROS, RECOMENDAMOS QUR SEXA UN ÚNICO REPRESENTANTE O QUE FOEMALICE A MATRÍCULA.
– É OBRIGATORIO O USO DA MASCARILLA.
– DEBERÁ FACERSE USO DO XEL HIDROALCOHÓLICO Á ENTRADA E SAÍDA DA ZONA DE MATRÍCULA. SE LIMPIARÁ E DESINFECTARÁ A ZONA DE MATRÍCULA ENTRE UNHA E OUTRA PERSOA.
– MANTERASE UNHA DISTANCIA INTERPERSOAL DE AO MENOS 1’5 METROS EN TÓDOLO PROCESO DE MATRÍCULA, ASÍ COMO Á ENTRADA E SAÍDA DA ESCOLA.
– AS PERSOAS RESPONSABLES DE MATRICULAR OS SEUS FILLOS E AS SÚAS FILLAS DEBERÁN TRAER CON ELES TODA A INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN NECESARIA, ASÍ COMO LÁPIZ OU BOLÍGRAFO PARA APUNTAR. ROGAMOS LEVEN VARIAS OPCIÓNS DE HORARIOS ANOTADAS PARA AXILIZAR O PROCESO DE MATRÍCULA.
– NON SE PODERÁ PERMANECER NA ESCOLA MÁIS TEMPO DO INDISPENSABLE PARA REALIZAR A MATRÍCULA.

Fomento amosa disposición favorable a ceder ao Concello o tramo da N-120 entre Cans e O Confurco


O Concello do Porriño trasladou hoxe ao Goberno Central a petición de que o tramo da estrada Nacional 120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.


Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.


Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.

Obradoiro de “coaching ontolóxico: biodanza” para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O obradoiro “Coaching ontolóxico. Biodanza” que promove a Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, estáse a desenvolver ao longo deste mes de setembro, dirixido a mulleres da vila en situación de especial vulnerabilidade co fin de contribuir na mellora da súa autoestima e crecemento persoal.

“A finalidade é participar no feito de que as mulleres que por circunstancias varias están a vivir situacións adversas desarrollen a capacidade de observarse a elas mesmas co fin de empoderarse”, manifestou Cami Moreira, concelleira responsable.

“Trátase de xerar aprendizaxes que lles axuden a transformar a súa realidade existencial, despertando nelas mesmas potencialidades e fortalezas que lles permitan distinguir os obstáculos que frenan o seu desenvolvemento para crear novos escenarios nos que se sintan protagonistas e empoderadas”, explicou a concelleira de Igualdade.

O obradoiro ten aforo limitado de participación, previa selección polo persoal técnico do Centro de Información á Muller (CIM do Porriño).

A concelleira de Cultura asiste ás II Xornadas de Memoria Histórica organizadas pola Deputación

Cami Moreira, concelleira de Cultura asiste, en representación do Concello, ás II Xornadas de Memoria Histórica que se celebran hoxe venres e mañá sábado 12 en Pontevedra, organizadas pola Deputación de Pontevedra.
Baixo o título “Na loita contra a impunidade”, abranguen conferencias, coloquios e mesas redondas.
A sesión matinal desenvolveuse no Pazo da Cultura e a sesión vespertina na Illa de San Simón.

Presentada a XXIII edición de “Merca na rúa”

Sergio Casal, conselleiro de Comercio e Juana Pérez, presidenta da asociación de comerciantes “Acipor” presentaron a XXIII edición da feira de oportunidades “Merca na rúa” que terá o vindeiro fin de semana.
26 stands (seis deles dobres) reunirán na rúa peonil, a diversa oferta de productos que propón esta nova edición de “Merca na rúa” que “será diferente coa ocasión dos protocolos anti-Covid que debemos observar”, manifestou a presidenta da asociación organizadora.
“Este ano os postos de venda esarçan máis distanciados entre sí para observar os protocolos de seguridade e garantir a de todos os que desexen asistir”, manifestou o concelleiro Casal.

Alcaldesa e concelleira de Educación comprobaron os protocolos no primeiro día de volta ás clases

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada da concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiron esta mañá ao CEIP “Antonio Palacios” para comprobar in situ o desenvolvemento dos protocolos anti-covid no primeiro día de volta ás clases.

Andrés Vieitez, director do colexio e outros membros do claustro de profesores explicaron á comitiva municipal como fixeron o reparto e distribución de espazos seguros para as diversas actividades docentes, tempos de lecer e servizos de Plan Madruga e comedor escolar. O CEIP Antonio Palacios ten preto de 400 alumnos. Xunto co CEIP “Fernández López”, tamén con 400 alumnos, son os dous colexios con máis matrículas do Porriño.  

“A normalidade, pese as restriccións esixidas, foi a boa nova deste primeiro día de actividade docente no Porriño”, sinalou Lourdes Moure que agarda que “mañá sexa igual de tranquilo” coa incorporación ás aulas dos alumnos de outros cursos de Infantil e Primaria, ata completar a cifra estimada de 1.500 escolares nese nivel na nosa vila.

A vindeira semana, será a quenda dos estudantes de ESO, FP e Bacharelato que, aproxidamente son outros 1.500 máis.

Tanto no CEIP “Antonio Palacios” coma nos restantes centros docentes de Educación Infantil, Primaria e Especial do Porriño, realizouse hoxe polos axentes da Policía Local e continuará nestes primeiros días do curso, un control para verificar que o acceso ás instalacións sexa conforme aos protocolos establecidos e se faga coas debidas garantías de seguridade e de xeito ordenado. Tamén se efectuará a mesma vixilancia na saída dos escolares.

O Porriño vai ter Festas do Cristo “diferentes e seguras” neste 2020

 

O Porriño vai ter Festas do Cristo neste 2020 “pero serán completamente diferentes cun formato reducido pola obriga de observar os protocolos anti-covid e de coidar da nosa seguridade”, manifestou hoxe Eva García de la Torre coa ocasión da presentar o programa festivo.

No acto de presentación celebrado na praza Arquitecto Antonio Palacios, diante da Casa do Concello, Eva García avogou por “un comportamento responsable da veciñanza porriñesa á hora de gozar destas Festas do Cristo”. “Entendo que os nosos veciños e veciñas van seguir sendo exemplares nos coidados e nas medidas de seguridade e protección”, manifestou.

Cami Moreira, concelleira de Cultura, responsable da organización destas Festas indicou que “neste ano, todas as actuacións serán en recintos reducidos, con aforos limitados e cadeiras”. A concelleira subliñou que entre as novidades desta edición “un auto cine que habilitaremos no aparcadoiro Karting, en Torneiros, fronte a “Maderas Iglesias”, onde proxectaremos as curtas gañadoras no recente Festival de Cans”, indicou Cami Moreira. Para manter o control e a seguridade, as persoas que desexen acudir cos seus vehículos deberán inscribirse previamente a través do enderezo electrónico cultura@oporrino.org

Nesta edición das Festas do Cristo sí haberá Festa dos Callos que terá lugar o domingo 4 de outubro con animación de rúa a cargo da “Agrupación Feixoada”. Será a edición número 27 “aínda que coas limitacións esixibles polos protocolos anti-Covid e centrada nos establecementos da hostalaría local”, segundo explicou Moreira Fontán.

A Policía Local verificará que o acceso aos centros docentes sexa seguro no comezo das clases


Axentes da Policía Local do Porriño verificarán a partir de mañá xoves e durante uns días que o acceso a todos os centros educativos sexa conforme aos protocolos anti-Covid e se faga coas debidas garantías de seguridade e de xeito ordenado. Tamén se efectuará a mesma vixilancia na saída dos escolares.

Este foi o compromiso principal acadado pola concelleira de Educación, Lourdes Moure e polo Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez na reunión que mantiveron cos directores dos centros educativos da vila.

Nalgúns casos particulares, como son os colexios de Budiño e Atios, acordouse que o Concello reforce os accesos aos respectivos centros docentes con sinais verticais para evitar atrancos.

A concelleira de Educación exhortou aos pais e nais de alumnos a que presten “a máxima colaboración posible para que esta volta ás clases sexa coa maior tranquilidade posible” e manifestoulles que o Concello “fará todo o posible e que estea nas nosas mans para garantir a seguridade dos nosos nenos e nenas”, dixou Lourdes Moure.

O Concello amosa a súa “grave preocupación” pola escalada de sinistros laborais


O Concello do Porriño amosa a súa “grave preocupación” pola escalada de accidentes laborais con saldo mortal que están a acontecer este ano en empresas radicadas neste termo municipal. Preto de media ducia de vítimas no que levamos de 2020, sumando o falecemento dun traballador dunha empresa de granito no polígono das Gándaras, ocorrido onte martes. Como nos casos anteriores, dende a Alcaldía, a súa titular, Eva García trasladou as condolencias do Concello por este doloroso suceso.

Pola súa banda, David Alonso, concelleiro de Emprego expresou a inquedanza do goberno municipal por esta vaga de sinistros e lembrou que dende a administración municipal e a través de “Porremprego”, realízanse cursos de formación en seguridade e prevención de riscos laborais de xeito gratuíto.

“Non obstante semella que cumpre reforzar eses programas de formación en estreita colaboración e coa implicación das empresas para poñer freo a esta sucesión de accidentes laborais”, manifestou o concelleiro de Emprego.

A alcaldesa pide unha reunión ao novo conselleiro de Sanidade para tratar o proxecto de ampliación do Centro de Saúde

A Alcaldesa, Eva Garcia de la Torre, solicitou hoxe por carta unha reunión ao novo Conselleiro de Sanidade para abordar o estado do proxecto de ampliación do Centro de Saúde do Porriño. A alcaldesa lembra ao novo titular do departamento, Julio Garcia Comesaña que hai meses firmou co seu antecesor, Jesús Vázquez Almuiña o convenio para ampliación de dito centro de saúde.

Eva Garcia traslada na misiva ao novo conselleiro a felicitación no nome de todos os porriñeses polo seu nomeamento. E a continuación, a alcaldesa expon a preocupación no nome dos porriñeses nos seguintes termos: “quero que sexas consciente do desfase que temos nun concello que xa ten superada os os 20.000 habitantes e que carece de infraestruturas sanitarias modernizadas coma as de concellos limítrofes Tui ou Salceda, onde a Xunta de Galicia foi quen de facer novos centros de saúde para servizo dos veciños”.

A alcaldesa porriñesa pecha a súa carta solicitando “gustaríame poder expoñerte estas cuestións de forma persoal o día e a hora que consideres”.