A Policía Local do Porriño anuncia que este sábado 4 de setembro, coa ocasión do paso da etapa da Volta Ciclista a España, realizará cortes de tráfico, en horarios de mañá e tarde, nas rúas afectadas polo paso da carreira.

Como consecuencia deste evento deportivo tamén haberá restricións de aparcadoiro nas rúas afectadas unha hora antes do paso dos ciclistas.

A folla de ruta desta etapa contempla dous pasos polo Porriño. O primeiro será ao redor das 14 horas. A caravana entrará no Porriño pola avenida de Galicia, seguirá pola rúa Domingo Bueno ata o cruzamento coa estrada de Torneiros e logo continuará pola estrada provincial EP-2402 de Torneiros a Mosende.

O segundo paso por Porriño será arredor das 17 horas. Os ciclistas entrarán no termo municipal, procedentes de Gondomar, a través de Chenlo.

Continuarán cara á Abelenda pola estrada PO-331 ata o Cristo de Belén para seguir cara a Mos.