A alcaldesa recibiu hoxe no seu despacho a Gabriel Freiría, fútbolista porriñés de 23 anos que se vai incorporar á disciplina do Júnior Domitia, equipo da Serie B do “Calcio a 5” (fútbol sala) con sede en Castel Volturno, na rexión italiana da Campania.

O caso de Gabriel é o primeiro dun xogador local, formado nas categorías inferiores do Porriño Industrial que é fichado por un club italiano de fútbol sala.

Gabriel comezou no fútbol once pero en 2016 o equipo “Talleres ABC” de Coruxo de fútbol sala  ofreceulle fichar con eles e aí arrancou a súa andaina nesa modalidade. Xogou coa selección de Galicia na categoría xuvenil. Nas dúas últimas tempadas, Gabriel Freiría xogou no Leis de Pontevedra.

Eva García desexoulle “moita sorte e éxitos” na súa estrea no país italiano e entregoulle como agasallo un libro sobre o arquitecto porriñés Antonio Palacios “para que te lembres da túa vila”, manifestou a alcaldesa.