Esta tarde celebrouse a presentación do novo disco do grupo KAF!, no Centro Cultural Municipal, coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas do Concello do Porriño. Cami Moreira, concelleira responsable presidiu o acto de presentación deste novo traballo musical deste grupo chamado “Cuando las palabras fallan…”.
No acto participaron os catro compoñentes de KAF!: Kiri Cabaleiro, batería, gaita, frauta traveseira, baixo e voz; Ana Belén Rodríguez, piano, key guitar, batería, baixo e voz; Fran Leboso; guitarra, piano, batería, armónica e voz; e Irene Anta, baixo, guitarra, piano, key guitar e voz.
Tamén estivo Alex Sobrino, amais de ser o fotógrafo e deseñador da caixa de discos e embalaxes, é o escritor, director e actor de Metamorfose, unha obra teatral de ciencia ficción cuxa banda sonora foi producida por KAF!, e incluída neste disco. Neste intre Alex e KAF!, únense nun novo proxecto artístico, a realización dun vídeo-clip dirixido por Alex Sobrino, onde se conxuga o mundo escénico e o musical.
Ana, Fran e Kiri son profesores da Aula de Música Pianagrama de Mos, da que Ana é hoxe a fundadora e directora. E Fran e Kiri levan case dúas décadas tocando xuntos en diferentes bandas.
Estes tres artistas da música, reuníanse para acompañar ás bandas afeccionadas que ían xurdindo no seu colexio, isto vai en aumento e pronto aparecen os contratos.
Para reforzar a tríade, deciden apostar pola calidade de cancións máis elaboradas, e pensan en Irene Anta para unirse á formación, unha das súas estudantes máis salientables, e así é como chega a exclamación !, formando finalmente a configuración actual, nace KAF!
Ata a data, levan máis de 2 anos tocando nun momento difícil, pero agradecidos de non ter parado, grazas a montar concertos en todo tipo de escenarios (sen público para os veciños nos balcóns durante a desescalada, concertos 360o, en liña …).
O vindeiro venres 17 de setembro terá lugar un concerto ao vivo, ás 21:00h na praza de San Sebastián, no Porriño para completar a presentación deste novo traballo do grupo KAF!.