O Porriño sae de alerta vermella e baixa a laranxa. Non obstante o Concello non modificará, polo momento, as restricións decididas onte

 

O Porriño abandonou hoxe a relación de concellos galegos en nivel vermello ou máximo de contaxios na que entrara onte. O concello porriñés baixou ao nivel laranxa, segundo informa a autoridade sanitaria.

A actualización dos datos pódese seguir a través do mapa de alertas de Galicia que renova actualiza a diario o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web coronavirus.sergas.gal.

Non obstante, a pesar do cambio de nivel, o goberno municipal porriñés non modificará, polo momento, as medidas restritivas que onte se decidiron e comunicaron á cidadanía. A razón é que é unha situación fluctuante e cambiante sen que sexa posible descartar que nos próximos días e durante a próxima semana os indicadores non empeoren de novo.

A alcaldesa Eva García de la Torre manifestou ao respecto que “a decisión do goberno municipal de tomar algunhas medidas restritivas contra a liberdade de circulación e reunión non vai en contra de ninguén.  Son para protexernos a todos.  Por iso quero que sexan comprensivos e adopten todos os protocolos necesarios para protexerse a eles mesmos, aos seus e especialmente aos nosos maiores” declarou a rexedora porriñesa.

Lembramos que o goberno municipal decidiu as seguintes medidas:

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

(Ampliación) A Concellería de Deportes comunica que as competicións en recintos pechados e abertos serán sen público

A Alcaldía e a Concellería de Deportes do Porriño comunican a decisión de prohibir o acceso de público aos eventos deportivos que se celebren en recintos pechados como o Polideportivo Municipal así como tamén nas instalacións ao aire libre, incluídos os campos de futbol.  

A restricción é para competicións federadas de ámbito autonómico e nacional. A medida é de aplicación a partir desta fin de semana e estará vixente en tanto en canto persista a actual situación sanitaria. Dende hoxe, O Porriño atópase en alerta vermella (nivel 3) cun total de 26 contaxios activos, segundo informouse a Alcaldía ante a Conselleria de Sanidade.

David Alonso, concelleiro de Deportes admitiu que “é unha decisión dura”. “Coido que debíamos adiantarnos ao avance do virus, a pesar de que no DOG informabase de que poderían permitirse certos cupos de espectadores”, manifestou o concelleiro.

 

O Concello decide precintar parques infantís, suspender o mercado ambulante, controlar aforos na Praza de Abastos e competicións deportivas sen público

A Alcaldía comunica que compre adoptar una serie de medidas complementarias no ámbito municipal á vista do crecemento dos contaxios por covid-19 que motivaron que dende hoxe, O Porriño estea en alerta vermella. O Porriño cun total de 26 contaxios activos, entrou en nivel 3 polo que o goberno municipal, tras unha reunión de urxencia, resolveu as seguintes disposicións:

 

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Todas estas medidas estarán vixentes ata que mellore a situación.

A alcaldesa Eva García explicou que todas estas decisións “precisan da colaboración da veciñanza” e fixo “unha chamada á prudencia para que os porriñeses e porriñesas limiten os contactos con persoas non convivintes para protexerse a sí mesmos, a súas familias e aos demais. O Ministerio de Sanidade advirtenos de que agardamos meses moi duros e teremos que ser moi responsables”.

Porriño entrou hoxe en alerta vermella segundo o mapa Covid do Sergas. A alcaldesa expresa a súa preocupación pola falla de información da Xunta de Galicia


O Porriño entrou hoxe en alerta vermella (nivel 3) segundo publica o mapa que diariamente difunde o Servizo Galego da Saúde. O Porriño aparece en nivel de alerta 3 por ter máis de 21 casos de covid activos nos últimos 7 días.
Despois de coñecer este dato, de xeito extraoficial, a alcaldesa Eva García contactou coa Consellería de Sanidade que lle informou que hoxe hai 26 casos activos de infectados por covid no termo municipal.

A alcaldesa declarou que “a actitude da Xunta de Galicia prodúcenos preocupación e angustia porque carecemos dunha información directa e periódica”. A rexedora sinalou que a Xunta de Galicia “comportase cos concellos con desconfianza o que causa prexuízo aos cidadáns por que produce que reaccionemos tarde”.

A alcaldesa avisou á veciñanza que “teremos que adoptar medidas duras e incomodas que non gustarán pero son polo ben común” e pediu que “todos os porriñeses e porriñesas cumpran cos protocolos de distancia e protección para evitar a propagación do virus”.

Bando da Alcaldía recomendando responsabilidade nos cemiterios e evitar aglomeracións

 

Ante as inminentes datas de Defuntos e Todos os Santos, a Concellería de Cemiterios insta á veciñanza a que eviten aglomeracións e acudan con antelación dabondo e manteñan as debidas precaucións e protocolos anti-covid.  

A tal fin, a Alcaldesa Eva García de la Torre promulgou un bando nos seguintes termos:

“Con fin de visitar ós nosos defuntos nestes días; dende o Concello pedimos responsabilidade á hora de evitar aglomeracións nos cemiterios municipais e relixiosos”.

Este bando colocaráse nos accesos dos cemiterios existentes no Porriño.

 

Presentadas 78 solicitudes para as axudas municipais a autónomos, pemes e micro empresas do Porriño afectadas pola crise sanitaria

78 solicitudes presentáronse para acceder as axudas que prestará o Concello para autónomos, pequenas e medianas empresas e micro empresas do Porriño afectadas pola crise derivada da pandemia sanitaria. O prazo de presentación de solicitudes comezou o martes 29 de setembro e rematou onte martes 20 de outubro, segundo informou a Alcaldía.

O Servizo de Intervención do Concello estudará de inmediato cada petición e revisará a documentación, requirindo a que puidera faltar no prazo de dez días que se comunicará. Unha vez rematado o proceso de revisión, será a comisión técnica a que resolverá a concesión das axudas económicas que para cada caso ten un tope de 1.200 € por peticionario.

Estas axudas a autónomos, pemes e micro empresas realízanse con cargo a un fondo de 100.000 euros, segundo acordo da corporación municipal.

O Concello aprobou a Conta Xeral de 2019

A corporación municipal aprobou por maioría a Conta Xeral do Concello do Porriño do exercicio de 2019, nunha sesión extraordinaria telemática celebrada esta tarde.
A aprobación acadouse cos 9 votos que sumaron PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera (UDDL). Previamente desestimáronse as alegacións presentadas polo Partido Popular e por un particular.
A aprobación da Conta Xeral é un trámite de obrigado cumprimento ao remate de cada exercicio por parte das administracións municipais cun informe sobre a súa situación patrimonial; gastos e ingresos , e grao de execución orzamentaria.
Na mesma sesión aprobouse definitivamente cos nove votos favorables de PSOE, BNG, EU Son e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP, o suplemento de crédito 2/2020 por importe de 326.000 € para diversos pagamentos xa recoñecidos.

Catro técnicos para reforzo en “Porremprego”


Catro novos contratados laborais veñen de incorporarse nestes días as oficinas de “Porremprego”, segundo informa a Concellería de Emprego que dirixe David Alonso. Trátase de dous orientadores laborais, un técnico de emprego e unha traballadora social.

Prestarán servizo durante doce meses. Os seus contratos están subvencionados pola Deputación Provincial con cargo ao programa “O teu primeiro emprego”.

A Policía Local esclarece un roubo nunha lavandería e identifica ao presunto autor


A Policía Local do Porriño pechou a investigación para esclarecer un delito contra o patrimonio e entregou o atestado coas dilixencias no Xulgado de Garda desta vila. As pescudas policiais determinaron que o presunto autor é un veciño de Sanguiñeda, J.V.M., de 30 anos de idade e con numerosos antecedentes.

A súa identificación acadouse a través das imaxes gravadas polas cámaras de seguridade do establecemento, unha lavandería de auto-servizo, sita na avenida Buenos Aires, onde o presunto autor colleu un televisor de pantalla plana valorado en 289 €. Dous días despois do roubo, o presunto autor fora identificado por un dos axentes policiais levando a mesma roupa que vestía na data de autos e que aparece nas imaxes gravadas polas cámaras de seguridade.

Porriño decide facer o vindeiro pleno en liña

A corporación local do Porriño celebrará o vindeiro luns 19, unha sesión plenaria telemática, segundo decidiu a Alcaldía despois de consultar cos voceiros de todos os grupos municipais.
Durante o estado de alarma, a corporación porriñesa xa fixera o pleno do 27 de maio de xeito telemática.

Agora a decisión fundamentase na interpretación que fai o Concello da recente normativa anti-Covid promulgada pola Xunta de Galicia que limita as reunións a 10 persoas.

O pleno, de carácter extraordinario, consta de tres asuntos. Ademais da aprobación da acta da sesión anterior, lévanse para aprobación definitiva a Conta Xeral do exercicio 2019 e o suplemento de crédito 2/2020.
A sesión comezará ás 17 horas e será retransmitida en “streaming”, dende a páxina web do Concello, na mediateca de plenos.

Adxuntamos a orde do día da sesión.

Pleno 19 de outubro