Esta tarde ás 18,30 horas terá lugar na Biblioteca Municipal unha sesión de animación á lectura a cargo de Paula Carballeira, baixo o título “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”.

Trátase dunha actividade organizada pola Biblioteca Municipal, programada ao longo de varios meses coa intención de animar á lectura empregando os contos como ferramenta.

Segundo explica a páxina web de Cultura do Porriño “non hai mellor lugar para os contos que unha biblioteca. Nela, quedan ao abeiro dos libros, quentes e protexidos. A biblioteca do Porriño quere traer novas historias, desas que quedan na súa, na vosa memoria, coma un arrecendo ou un alento, porque as palabras van polo vento.

“Paula Carballeira dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Escolle cada palabra, cada canción, cada xogo, porque nunha sesión de contos temos todo o tempo do mundo para desfrutalo mentres dura”.

“Cada catro lúas, chegará ao Porriño con contos novos. En xaneiro, contos de inverno. En febreiro, contos de bromas, de disfraces, de Entroido. En marzo, contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H. C. Andersen en Dinamarca. E en maio, contos de aquí, letras que coñecemos, lugares misteriosos dos que non sabemos”.

 

Ciclo “Acompañando na aventura de crecer”

Por outra banda, a Biblioteca Municipal tamén acollerá unhas xornadas para familias e profesionais baixo o título “Acompañando na aventura de crecer”, nas que abordarase, desde diferentes puntos de vista, como pode favorecerse o correcto desenvolvemento dos fillos e fillas desde que nacen e na súa primeira etapa infantil.

As conferencias serán mensuais e comezarán o venres 14 co tema “Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo”, a cargo da pedagoga e mestra, María Couso Barja. Esta docente autora do proxecto “Cerebro e Xogo” que promove o uso de xogos de mesa como ferramenta de aprendizaxe infantil, defende a tese de que o contacto e uso da tecnoloxía dixital en idades prematuras deberían retrasarse.