O desemprego descendeu en Porriño en preto dun milleiro de persoas na última década

A Concellería de Emprego e Promoción Económica que dirixe David Alonso fixo público un balance sobre a evolución do paro no Porriño na última década. Os datos indican que entre 2011 e 2021, preto dun milleiro de persoas en Porriño abandonaron as listas do paro e conseguiron traballar.

En concreto en 2011, o número de parados rexistrados en Porriño era de 2.311 desempregados, namentres que en 2021 (con datos ata 30 de novembro) é de 1.391 desempregados.

Como se pode apreciar no gráfico adxunto, o peor dato de paro anual rexistrouse no Porriño en 2013 cando se alcanzou o teito con 2.649 desempregados. A tendencia a partir de 2014 comezou a mellorar e só tivo unha ruptura en 2020, debido á pandemia, cando pasou a 1.713. Pola contra, este 2021 foi un ano de manifesta recuperación, con continuos descensos do número de parados de xaneiro a novembro, como acreditan os datos do Instituto Galego de Estatística e Consellería de Emprego da Xunta de Galicia.

O concelleiro David Alonso subliñou a súa satisfacción polos datos e “congratulámonos de que as accións realizadas polo noso departamento están a dar os seus froitos. Alonso Bargiela lembrou que decidirá dotar con máis persoal ao departamento para as tarefas de orientación laboral e prospección.

O concelleiro tamén valorou a importancia que están a ter os programas de formación como o que remata esta semana en Porremprego coa entrega de diplomas aos participantes que realizarán o venres o alcalde accidental, Pedro Pereira e o propio David Alonso aos participantes nos cursos de estacións de servizo, manipulador de alimentos, mozo de almacén, busca activa de emprego, básico de limpeza industrial e electromecánica básica.

Alonso tamén destacou a labor que fai “Porriño Accede”, o programa de prospección e formación municipal, que organiza cursos de formación con prácticas en empresas e que leva atendidos a 93 usuarios/as no que vai de ano, acadando a inserción laboral de 63 persoas en empresas do Porriño.

O Porriño tamén recibe o título de “Cidade Amiga das Persoas Maiores”

O Concello de Porriño ven de recibir o título de Cidade Amiga das Persoas Maiores que se une ao de Cidade Amiga da Infancia que ostenta desde 2018.  A concelleira de Educación, Lourdes Moure Varela está a convidar á presentación aos medios informativos que se vai realizar o venres 17, ás 11 horas, no salón de plenos do Concello para que tamén acudan representantes das asociacións veciñais  e culturais das parroquias do concello e de diversos sectores sociais.

No acto, a concelleira Lourdes Moure explicará en que consiste a adhesión de Porriño á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores. O título outorgouse pola OMS e o Imserso.

A Rede Mundial de Cidades e Comunidades Amigas dos Maiores foi promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2010 en resposta ao rápido envellecemento da poboación e co obxectivo de conectar cidades, comunidades e organizacións de todo o mundo coa visión común de facendo do seu entorno un lugar mellor para envellecer con dignidade e calidade.

Trátase dunha iniciativa centrada na acción local, que aborda de forma integral os aspectos que inciden no día a día das vilas e cidades e faino promovendo a participación das persoas maiores, tendo en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso. de análise e mellora da localidade en diversos ámbitos, co fin último de promover un envellecemento saudable e activo.

O Imserso, a través dun Convenio de Colaboración coa OMS, é o órgano encargado de coordinar e dinamizar a Rede en España.

Cartel_Amigable coas persoas maiores

Convocado outro pleno municipal extraordinario

Este mércores 15, ás 18,00 horas, celebrarase unha sesión plenaria extraordinaria da corporación municipal cun único punto na orde do día. 

Trátase de debater e aprobar definitivamente, se procede, unha modificación orzamentaria para un suplemento de crédito. Quince minutos antes do pleno, terá lugar a preceptiva comisión municipal informativa. 

Adxuntamos documento “pdf” coa convocatoria.

Comunicación da convocatoria (2)

O Porriño participa nas “IV Xornadas Formativas Cidades Amigas da Infancia” que organiza Unicef

A concelleira de Educación, Lourdes Moure participou hoxe na primeira quenda das “IV Xornadas Formativas Cidades Amigas da Infancia” que organiza UNICEF baixo o título “Estratexias para a promoción da participación infantil e adolescente desde o ámbito local”. Estas Xornadas se prolongarán ata mañá mércores e celébranse de xeito telemática.

Ademais da concelleiro de Educación, a responsable da OMIX do Porriño, Noelia de la Fuente e a nena Kiara Vázquez Lescano, integrante do Consello local da Infancia e Mocidade, representan a Porriño e participan nas reunións telemáticas.

O papel da nena Kiara Vázquez, representante da infancia porriñesa, será a de ofrecer a visión da xente nova sobre a necesidade da creación dun consello a nivel autonómico.

Este encontro organizado por Unicef para O Porriño e demais Cidades Amigas da Infancia de Galicia, está encamiñado a formar e orientar a todas as persoas que queiran promover a participación infantil e adolescente nas súas localidades. Os obxectivos principais son capacitar aos municipios de Galicia en políticas de Infancia, ofrecendo ferramentas que axuden a mellorar as súas políticas dirixidas a fomentar a participación infantil e adolescente no ámbito local.

A Concellería de Cultura presenta o documento sonoro “A memoria recuperada: a guerra e a fame”

 

Este sábado 11, ás 19:00 horas, terá lugar no Centro Cultural Municipal, a presentación do documento sonoro “A memoria recuperada: a guerra e a fame”, unha recollida de testemuñas da nosa memoria histórica.

Trátase doutra actividade impulsada pola concelleira de Cultura, Cami Moreira, continuando co compromiso de recuperación da memoria histórica que se iniciara en abril de 2021 co recoñecemento público das nosas veciñas e veciños da súa afouteza na defensa dos valores democráticos.

Máis información na páxina web de Cultura Porriño, na seguinte ligazón

Presentación do documento sonoro: “A memoria recuperada: a guerra e a fame”

A concelleira Lourdes Moure comprobou o desenvolvemento das obras de mellora de servizos municipais no lugar de Serra da Auga en Carracido

Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras visitou esta mañá o lugar de Serra da Auga, en Carracido, para supervisar o desenvolvemento das obras de mellora dos servizos municipais que se están a executar.

A concelleira, acompañada de Miguel Feijoo, oficial primeiro responsable de Vías, Obras e Servizos do Concello, e pola directora de obras, Rebeca Ferreiro, da firma “Ingenia”, comprobou a apertura de zanxas para a instalación de canalizacións de saneamento nun tramo de case 300 metros para dar servizo a ese núcleo. A obra rematará coa pavimentación do camiño.

Este proxecto execútase ao abeiro do Plan de Mellora da Viarios Públicos, que no seu primeiro ano conta cun orzamento de 729.478 euros de fondos propios.

Trátase de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais que se desenvolven nas parroquias do concello, a proposta da concelleira Lourdes Moure e que a corporación aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 28 de xullo, tras a súa negociación cos grupos municipais, nomeadamente co Partido Popular.

Este xoves 9, o pleno municipal tomará coñecemento da renuncia de Eva García

Este xoves 9, a partir das 18 horas, a corporación municipal celebrará un pleno extraordinario. O primeiro punto da orde do día é o coñecemento da dimisión da alcaldesa presentada por Eva García de la Torre, segundo anunciou publicamente en rolda de prensa o pasado 23 de novembro.
Ademais, a orde do día da sesión inclúe oito puntos máis.
Adxuntamos un documento en “pdf” coa orde do día.

20211202_Comunicación_Comunicación da convocatoria (1)

A concelleira de Vías e Obras e a interventora municipal comprobaron o grao de execución de 7 obras

A concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, acompañada da interventora municipal, Elena Valcárce, verificaron o grao de execución de sete obras realizadas polo Concello do Porriño.
Estiveron acompañadas polo oficial primeiro responsable de Vías, Obras e Servizos do Concello, Miguel Feijoo, e pola directora de obras, Rebeca Ferreiro, da firma “Ingenia”.
 
A delegación visitou as obras de pavimentación da curva “Smurfit Kappa” no Polígono da Granxa, e o avance do saneamento na Portela do Souto, en Atios.
Tamén comprobaron o remate dos proxectos de saneamento e pavimentación de Madorras-Mosende, Carbón-Atios e Orbenlle-Budiño. Asimesmo os arranxos realizados no firme da en Fernández Areal, fronte ao edificio dos Xulgados e a reforma de beirarrúas en Ramiranes.
 
Dos devanditos proxectos, os executados en Carbón-Atios e as beirrarúas en Ramiranes dispuxeron de achegas da Deputación de Pontevedra a cargo do Plan Concellos.
As restantes xa rematadas ou en execución e as que xa están adxudicadas e comezarán no mes de xaneiro en Parada-Chenlo, A Ribeira-Torneiros e Casal-Budiño, financíanse polo Concello de Porriño con cargo aos 729.478 euros de fondos propios que constitúen a primeira anualidade do Plan de Mellora de Viarios Públicos.
Trátase de actuacións de asfaltado, saneamento e mellora dos servizos municipais nas parroquias do municipio que a corporación aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 28 de xullo, tras as negociacións que mantivo a concelleira Lourdes Moure cos grupos municipais.

Unha pancarta na fachada do Concello lembra a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

A concelleira de Educación, Lourdes Moure, xunto con alumnos, profesores e coidadores do centro “Aceesca” participaron esta mañá no despregamento da pancarta conmemorativa do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

A pancarta seguirá ao longo desta semana na fachada do edificio do Concello. Ademais o mañá venres, ao anoitecer, o edificio do Concello iluminarase de cor verde.

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade celébrase o 3 de decembro, por acordo da ONU. Este ano 2021 baixo o lema. “Reconstruír mellor: cara a un mundo pos-Covid inclusivo, accesible e sostible por, para e coas persoas con discapacidade”.

O Concello de Porriño, a través da Concellería de Educación, da OMIX, do Consello de Participación da Infancia e a Adolescencia e ACEESCA, anima a todas as persoas a conmemorar este Día.

A conmemoración deste Día Internacional procura unha toma de conciencia e de medidas orientadas cara á constante mellora da situación das persoas con discapacidades e á consecución da igualdade de oportunidades para elas.  

En execución o proxecto da rede de saneamento en Arrotea-Pontellas

A Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira informa do “bo ritmo de execución” das obras do proxecto de saneamento e pavimentación en Arrotea, na parroquia de Pontellas.

Os traballos comezaron o pasado día 15 de novembro e teñen un prazo de execución de 3 meses. Dispoñen dun orzamento de 115.000 euros, financiado con cargo ao Plan Concellos 2021, da Deputación de Pontevedra.

As obras consisten na conexión dun colector principal de 450 metros de lonxitude e dous ramais, un de 120 metros e outro de 64 metros. Así mesmo está prevista a substitución e pavimentación da vía principal e dos ramais.

“Ademais aproveitamos para prolongar a canalización da traída de auga potable de Lameira cara a Arrotea e para a renovación das tubaxes”, segundo informou o concelleiro Pedro Pereira.

O responsable de Infraestruturas explicou que o propósito final deste proxecto é “completar as conexións destes lugares coas redes de saneamento e abastecemento de Porriño, a fin de conseguir un todo harmónico e interconectado”.