A Alcaldesa asistiu á comisión de seguimento da área de transporte metropolitano

A Alcaldesa Eva García de la Torre participou hoxe nunha xuntaza da Comisión de Seguimento da área de Transporte Metropolitano de Vigo convocada pola delegación territorial da Xunta.

Entre os asuntos que se abordaron, realizouse unha análise do transporte metropolitano na área de Vigo no ano 2019 e valorouse a prórroga para o ano 2021 do Convenio de Transporte Metroplitano así como novas actuacións programadas.  

O Concello acollerá o acto de entrega do III Premio Roberto Vidal Bolaño

A Alcaldesa Eva García de la Torre presidirá este mércores 23 de setembro o acto de entrega do premio literario “Roberto Vidal Bolaño” 2020 que terá lugar a mediodía no salón de plenos do Concello do Porriño.

A identidade do autor que resultou gañador desta terceira edición será desvelada durante unha comparecencia previa na que participarán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e Lourdes Moure, concelleira de Educación do Concello do Porriño que son as tres entidades que convocan este galardón.

O premio Roberto Vidal Bolaño pretende fomentar a escrita de textos teatrais en galego, dirixidos ao alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato e que poidan ser representados por eles.

O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibirá un diploma acreditativo e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia. 

A Policía Local colaborou coa Garda Civil na detención do presunto responsable dunha plantación de marihuana nun espazo da Rede Natura

A Policía Local do Porriño colaborou coa Garda Civil na detención do presunto responsable da plantación de marihuana localizada hai un par de semanas nun espazo da Rede Natura 2000, dentro do termo municipal porriñés.

O detido é un veciño da bisbarra, de 57 anos, que quedou en liberdade con cargos á espera de xuízo.

A investigación conxunta de Garda Civil e Policía Local porriñesa conclúe que o arrestado plantou medio milleiro de plantas de marihuana nun chan público e instalou cámaras provistas de sensores de movemento para controlar o perímetro.  

“O Ras” gañou a primeira edición da Batalla de Debuxantes “Improvisdado”

O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra, foi o gañador desta primeira edición da Batalla de Debuxantes “ImprovisDado”, unha novidade no programa das Festas do Cristo 2020.

O evento celebrouse esta tarde, nun escenario especialmente preparado na praza do Concello, que propiciou un espectáculo, como amosan as imaxes adxuntas.

Un xurado integrado por profesionais relacionados co debuxo decidiu. Cami Moreira, concelleira de Festas realizou a entrega de premios aos seis finalistas participantes. O gañador acadou un trofeo conmemorativo e un premio en metálico de 200 €.

Presentado o spot publicitario promovido pola Concellería de Igualdade baixo o título “Insistir, persistir, resistir e nunca desistir”

  

Nun acto celebrado esta tarde no auditorio do Centro Cultural Municipal, a Concellería de Igualdade e Xuventude do Porriño que dirixe Cami Moreira, presentou o spot publicitario que promove a igualdade no deporte e rachar cos clichés de xénero.

O spot baixo o título “Insistir persistir, resistir e nunca desistir” quere dar a coñecer ás deportistas femininas nos deportes masculinizados como por exemplo o fútbol, e aos deportistas masculinos en deportes feminizados como por exemplo a ximnasia rítimica. Para a realización do spot contouse coa participación de deportistas porriñeses.

“A finalidade desta acción é visualizar, concienciar e loitar pola igualdade, a non discriminación por razón de xénero e erradicar a violencia machista; contribuíndo á normalización da convivencia na diversidade”, manifestou a concelleira Moreira Fontán.

Debido aos protocolos anti-Covid, restrinxiuse o aforo a este acto que se integrou no programa das Festas do Cristo 2020.

Esta actividade financiouse na súa integridade con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

Deixamos ligazón co vídeo do spot publicitario 

Presentado o primeiro equipo do Balonmán Porriño

O Balonmán Porriño presentou hoxe o seu equipo que xogará unha tempada máis na “Liga Guerreras Iberdrola” da División de Honra feminina. O vindeiro sábado 19 realizará a súa estrea ante a afición local recibindo no Pavillón Municipal ao BM. Morvedre.

O acto celebrouse no patio do Centro Cultural Municipal. Polos protocolos anti-covid tan só presentouse o primeiro equipo que este ano denominase “Conservas Orbe Rubensa BM Porriño”. Abel Estévez, presidente do club, agradeceu de xeito especial que o xogador do Celta de Vigo, Rubén Blanco incrementase o seu apoio económico, razón pola que  a firma “Rubensa” incorporase ao nome oficial do equipo xunto con Conservas Orbe que comezou a pasada campaña.

Estévez referiuse ao Concello do Porriño “ao que adicamos este acto para agradecerlle o seu apoio xa que é o noso principal soporte económico” e definiu os meses anteriores como “moi difíciles ata que soubemos que o equipo non descendería porque non puidemos pelexar pola permanencia nas canchas a causa do parón da Liga que impuxo a pandemia”.

O presidente vaticinou que “este ano, se as lesións nos respectan, temos plantel para facer unha boa tempada”.

A continuación, David Alonso, concelleiro de Deportes do Porriño dixo “celebrar a unión de vontades das diferentes administracións e o club para garantir deporte seguro”. Alonso felicitou a Abel Estévez e a xunta directiva do club “polo cumprimento dos protocolos anti-covid que observo cada día nos adestramentos no Pavillón e polo traballo que estades a realizar”.

Pola súa banda, Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, dirixíndose ás xogadoras, díxolles que “sodes o punto de mira de 10.000 deportistas, xogadores e xogadoras de balonmán que aínda non poden volver á normalidade polo que o voso comportamento e responsabilidade, amosará que o balonmán é un deporte seguro”.

O presidente da FGB garantiu que os protocolos anti-covid que se acordaron coa Secretaria Xeral do Deporte que permiten aforo reducido nos pavillóns, “van funcionar”.    

Daniel Benavides, xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia ponderou “a importancia de que levedes o nome de O Porriño, o concello do deporte, e que estades mantendo e dando continuidade ao compromiso de moita xente que vos apoia como a Secretaria Xeral para O Deporte”.

Por último, pechou os discursos a alcaldesa Eva García que abundou na referencia á hostalaría local que “realiza un esforzo moi especial”. “Ten moito valor o apoio económico que dan os hostaleiros do Porriño a este club nun intre tan durísimo a pesar de ser un dos sectores máis castigados”.

Eva García insta por carta a 15 alcaldes e alcaldesas de concellos afectados pola crise de “Maderas Iglesias” a formar unha fronte común

Hoxe saíron as quince cartas que Eva García de la Torre dirixe aos seus homólogos nas alcaldías dos concellos tamén afectados, coma O Porriño, pola crise da empresa “Maderas Iglesias”, localizada no polígono industrial das Gándaras.
A rexedora porriñesa insta a formar “unha fronte común que acade protexer o futuro económico dos traballadores cos mecanismos que conta a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria”.
Eva García expresa na súa misiva “considero que un grupo institucional de alcaldes e alcaldesas teremos a fortaleza para chegar ao máis alto da administración autonómica”.
As cartas dirixíronse aos alcaldes e alcaldesas de Salvaterra, Ponteareas, Mos, Vigo, Salceda de Caselas, Tui, As Neves, Redondela, Tomiño, Mondariz, Fornelos de Montes, A Guarda, Moaña, O Rosal e Soutomaior. Xunto co Porriño, todos eles contan con traballadores afectados que son veciños dos seus respectivos concellos.
Actualmente “Maderas Iglesias” ten 148 traballadores en nómina. Hai nove anos, chegou a superar os 800 pero o estoupido da burbulla inmobiliaria afectoulle reducindo a fabricación de tarima flotante. Leva unha década en perdas e cunha imparable redución de traballadores con nove EREs consecutivos.


Na reunión que mantiveron o pasado luns 14, os representantes dos traballadores coa alcaldesa, expuxeron a súa inquedanza polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto. O inmoble está valorado en 28 millóns de euros por unha peritaxe xudicial pero os traballadores temen que sexa vendido por unha cantidade moi inferior e con miras ao negocio inmobiliario.

Inclúese unha comunidade de augas máis no reparto de subvencións do Concello

Finalmente son dez as comunidades de augas de consumo que acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

Sumouse a comunidade de Chan-Casal-Orbenlle ás nove comunidades de augas beneficiadas das que informamos a finais de xullo e que son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

A comunidade de Chan-Casal-Orbenlle quedou fora por un erro burocrático e atendeuse a reclamación que formulou. Concédenselle 7.813 € de subvención para financiar o 80% do proxecto presentado.

Deste xeito, finalmente, suman un total 59.976 euros as achegas municipais que se repartirán entre as dez comunidades solicitantes, conforme resolución final e definitiva da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

As achegas maiores corresponden a Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros. 

As restantes recibirán: Chan-Casal-Orbenlle, 7.813 €; Atios, 7.647; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Executada a mellora de camiños rurais municipais en tres lugares da parroquia de Chenlo

Remataron as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas nos lugares de Ladeira, As Cales e Vilar, na parroquia de Chenlo, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.

Estas obras consistiron na mellora do firme e da drenaxe. Realizáronse cunetas novas para a recollida de augas pluviais e os camiños pavimentáronse con aglomerado quente de 5 cms de espesura.

Pereira manifestou que “estes camiños atopábanse en moi mal estado e a súa reparación propúxose pola concellería de Infraestruturas para acollerse a estas subvencións da AGADER”.

A actuación tiña un orzamento de 49.000 € e o Concello do Porriño recibiu unha subvención da AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), outorgada e confirmada o pasado mes de agosto.