Dous axentes da Policía Local do Porriño salvaron a vida dun varón de 80 anos, veciño do Porriño, que entrou en parada cardiorrespiratoria na tarde de onte.

Aconteceu na céntrica rúa Ramirás, cando o home circulaba no seu vehículo. Foi unha viandante a que alertou á Policía ao ver a unha persoa inconsciente no interior dun coche parado no medio da calzada.

A patrulla, equipada cun equipo DESA, desprazouse ao lugar e en tan só dous minutos estaban a prestar atención ao home. Ao chegar puideron comprobar que non respondía aos estímulos polo que procederon a realizar as maniobras de reanimación cardiopulmonar, utilizando o desfibrilador do coche patrulla ata que se estabilizou e foi atendido polos servizos médicos. Cabe destacar que os vehículos da Policía Local están equipados con equipos DESA de primeiros auxilios.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe aos axentes para agradecer o seu bo facer e o esencial labor que desempeñan. Un agradecemento que estes recibiron e quixeron facer extensivo aos/as cidadáns/as que colaboraron a atender a esta persoa.