Aida Valiño, do equipo “Louriña Cycling Team”, encabeza os éxitos deportivos dos nosos clubs no Campionato Galego de Contra Reloxo 2020

A triatleta Aida Valiño, flamante fichaxe do novo equipo ciclista porriñés “Louriña Cycling Team”, produto da fusión entre “Máster da Louriña” e “A.D. Avanza”, proclamouse campioa galega de contra reloxo individual 2020, na categoría elite. Cun crono de 19:36, Aida amosou a súa calidade. Hai que ter en conta que volveu á competición xa que estivo aleixada do ciclismo nestes últimos anos despois da súa maternidade e de sufrir dous accidentes de tráfico cando adestraba.

Na mesma categoría, a porriñesa “Chus” Barros, do “Spol C.C.” foi subcampioa de Galicia cun tempo de 21:09.

A proba disputouse sobre un circuíto de 13 quilómetros na vila termal de Baños de Molgas, con saída e meta no Santuario dos Milagres.

No que atinxe á categoría elite masculina, o ciclista Roberto Mediero, do “Louriña Cycling Team”, foi medalla de bronce, a 1:13 do gañador, Samuel Blanco. Por outra banda, Gustavo Rodríguez, (“Louriña Cycling Team”) que partía como favorito ao título, rematou cuarto a consecuencia dun pinchado que rebaixou as súas posibilidades.

Na categoría cadete masculino, Roberto Pereira (“A.D. Avanza”), foi terceiro. Parou o crono en 21:00, a 19″ do gañador.

Finalmente, en categoría Máster 40 masculina, Carlos Iván Vidal de Sa (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de prata e na categoría Máster 40 feminina, Mónica Alarcón (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de bronce. 

 

 

O concelleiro de Infraestruturas convoca aos veciños da rúa Aloques para informarlles do plan de obra

 

Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas convoca aos veciños da rúa Aloques a unha xunta informativa que terá lugar o vindeiro martes día 13, ás 19 horas, no salón de sesións do Concello. Trátase de informarlles sobre o plan de obra para executar o proxecto de humanización da devandita rúa.

Os traballos comezarán o luns 19 a cargo da empresa adxudicataria que resultou ser “Escavacións e Construcións Pérez Portela”.

O Concello do Porriño sacou a licitación pública a humanización da rúa Aloques, cun orzamento de 422.636 €, con cargo ao Plan Concellos 2020.

Este proxecto do goberno municipal, a proposta do concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira plántea o tratamento deste espazo urbano cunha mellora que abrangue a renovación e ampliación dos servizos existentes. A tal fin compre a demolición do firme actual e a súa substitución por un en-lousado en pedra. E ademais acometerase a recollida de pluviais, saneamento, abastecemento de auga, telecomunicacións e electricidade.

Como apreciase nas imaxes de recreación virtual que acompañan esta nova, a rúa Aloques quedará de tránsito peonil, sen tráfico de vehículos agás residentes, segundo o proxecto que foi presentado previamente polo concelleiro de infraestruturas  aos residentes na reunión que celebraron o 5 de decembro de 2019 na casa do Concello.

 

O Concello apoia a candidatura de “Aceesca” no programa “Xuntos Sumamos”

A alcaldesa, Eva García de la Torre expresou o apoio do Concello do Porriño á candidatura da asociación “ACEESCA” á convocatoria do programa “Xuntos Sumamos” que realiza “Ferrovial”.

A alcaldesa ven de enviar unha carta dirixida á empresa construtora que institúe esta iniciativa creada para apoiar proxectos desenvolvidos por organizacións privadas sen ánimo de lucro para a mellora das condicións de vida das persoas en risco de vulnerabilidade social.

Na súa carta de apoio á candidatura de “ACEESCA”, a alcaldesa porriñesa lembra que esta entidade “traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, tanto no Porriño como na bisbarra”.
“As actividades de ACEESCA supoñen unha notoria achega á comunidade, no eido social e de emprego, a través da promoción integral das persoas con discapacidade intelectual , promovendo a súa autonomía e facilitando a súa integración laboral”, explica Eva García.

As alcaldesas de Porriño, Mos, Salceda e Tomiño comprometéronse cos traballadores de “Maderas Iglesias” na procura de solucións

 

 

Seis dos concellos máis afectados pola crise de “Maderas Iglesias”, xa que teñen máis veciños entre os 148 traballadores, estiveron representados na xuntanza celebrada hoxe no Porriño co comité de persoal desa industria.

Á convocatoria realizada e presidida pola alcaldesa porriñesa, Eva García de la Torre, acudiron as súas homólogas de Mos, Nidia Arévalo; Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e Tomiño, Sandra Gónzalez. Tamén asistiron os tenentes de alcalde de Salvaterra do Miño, Ernesto Groba e de Ponteareas, Cristina Fernández. Tamén participou na reunión Lourdes Moure, concelleira de Economía do Porriño.  

De todos estes concellos, Salvaterra é o máis afectado con 34 veciños entre os traballadores de “Maderas Iglesias”. Porriño ten 25; Ponteareas, 23; Mos, 20; Salceda de Caselas, 10 e Tomiño, 2. 

Os membros do comité de persoal e delegados sindicais expuxeron as súas críticas “ante a falla de compromiso por parte do empresario Juan Ramón Iglesias en presentar un proxecto viable que esixe o IGAPE”. E tamén amosaron a súa inquedanza porque “a Xunta de Galicia tarda en materializar o apoio que din que quere darnos”, manifestou Vicente Molares, presidente do comité laboral. 

As representantes dos diversos concellos manifestaron o seu respaldo aos traballadores e deron conta das xestións que están a realizar. Nomeadamente Nidia Arévalo que informou que fala “a diario” co novo director do Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica (IGAPE) e adiantou que agarda que “o vindeiro martes manteña unha reunión con vos”.

En paralelo, realizaranse outras xestións preto do empresario e dos acredores bancarios, segundo comprometeron as alcaldesas e representantes dos concellos presentes.

“Por nos non vai quedar facer todo o posible, e sabemos que a Xunta está tamén por botar unha man, para evitar a desaparición dos 148 postos de traballo que están en xogo”. “Temos que ter con eles unha sensibilidade especial e unha disposición absoluta para axudarlles”, rematou a alcaldesa do Porriño, Eva García.

 

Porriño acollerá mañá a xuntanza conxunta de concellos e comité de empresa de “Maderas Iglesias”

 

A alcaldesa, Eva García de la Torre presidirá mañá a reunión conxunta de representantes de concellos e comité de empresa de “Maderas Iglesias”, convocada por iniciativa do goberno municipal do Porriño. A intención é facer unha fronte común dos concellos que demanden ao IGAPE e ao Conselleiro de Industria, unha solución para evitar o peche da factoría con 148 empregados, na súa meirande parte, mulleres.

Xunto a Eva García de la Torre e membros do goberno municipal porriñés, confirmaron a súa asistencia, entre outros, Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda de Caselas; Cristina Fernández, primeira tenente de alcalde de Ponteareas e máis Ernesto Groba, primeiro tenente de alcalde de Salvaterra do Miño.
A convocatoria fixose extensiva aos quince axuntamentos que xunto co Porriño, contan con traballadores afectados pola crise de “Maderas Iglesias” e son veciños dos seus respectivos concellos.

A xuntanza terá lugar a partir das 11 horas, no salón de plenos do Concello porriñés.

Novas canastras laterais no Polideportivo Municipal

 

O Concelleiro de Deportes, David Alonso e o xefe do Servizo, Julio Bernárdez comprobaron a instalación no Polideportivo Municipal das novas canastras laterais xa que as anteriores estaban moi deterioradas.


Instaláronse dous xogos de canastras colgantes suxeitas ao teito, dotadas de adaptadores para baloncesto e minibasket e con automatismos para a súa recollida.
O equipamento contratouse coa empresa “Mondo Ibérica”, mediante contrato menor, cun orzamento de 17.363 €.

Acordo entre a Concellería de Vías e Obras e a AAVV Costeira-Mosende para mellora do local social

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras chegou a un acordo coa Asociación de Veciños de Costeira-Mosende para axudarlles a realizar unhas obras de mellora no local social desa entidade.
Segundo acordou Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras con Jaime Domínguez, presidente da devandita asociación nunha recente reunión, o Concello non pode realizar de xeito directo esa obra xa que non é titular do local social polo que realizará unha achega á AAVV.
O departamento de Vías e Obras do Concello achegará material de obra valorado en 7.000 € e ademais prestará apoio coa maquinaria que poidan solicitar para a execución.

Xuntanza informativa cos veciños de Liboreira (Covelo-Atios) para acometida do saneamento


A Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure mantivo unha xuntanza informativa con veciños do lugar de Liboreira-Covelo-Atios coa ocasión da acometida á rede de saneamento nun tramo no que hai preto de vinte vivendas.


A concelleira explicoulles a ordenanza municipal aprobada no pasado mes de setembro que establece a obriga de conectarse e que poden afrontar o custe nun pago único ou de xeito aprazado.
Aínda que asistiron a meirande parte dos veciños afectados, os que non acudiron deberán poñerse en contacto coa Concellería de Vías e Obras para cumprimentar unha solicitude aportando a referencia catastral da súa propiedade e indicando a forma de pago que elixen.

A concelleira de Educación reclama á Xunta de Galicia información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes do Porriño


Lourdes Moure, concelleira de Educación reclamou no nome do Concello do Porriño á Xunta de Galicia “información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes da vila”.

A concelleira expresou “o malestar fronte á Consellería de Sanidade pola falta de información que temos sobre a incidencia do Covid no concello e particularmente na parte que me toca, na comunidade educativa”. Lourdes Moure lembrou que tivemos casos en dous centros, “Aceesca” e no CEIP “Fernández López” dos que “enterámonos de xeito extraoficial e a través de terceiros”, engadiu a concelleira.

Lourdes Moure manifestou que a súa Concellería tamén trasladará este malestar á FEGAMP para sumarnos aos demais concellos que tamén reclaman á Xunta de Galicia información diaria da incidencia do Covid nos nosos axuntamentos”.

Moure Varela lembrou que concellos como O Porriño “estamos a facer un esforzo orzamentario moi importante en asumir tarefas como a desinfección diaria de colexios e garderías aínda de que se trata dunha competencia impropia que asumimos pola seguridade dos nosos nenos e nenas”, rematou.