O polideportivo municipal do Porriño será este domingo epicentro da danza urbana. Uns 150 bailaríns e bailarinas chegados de toda a xeografía galega disputarán o I Trofeo Concello do Porriño de Hip-Hop, unha competición puntuable no ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo. 

No evento, organizado polo CBD Pasos-BaileGalicia, en colaboración co Concello do Porriño, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, os deportistas competirán en trece categorías, con premio para os tres primeiros de cada unha delas. 

O xurado está composto por tres bailaríns do máis alto nivel na modalidade: Max One, que chega dende Barcelona, Lidia Rioboo, de Madrid, e Julia Laport, que ven dende A Coruña. 

Dende a organización destacan  o nivel dos participantes e a vistosidade do evento. “Entre os deportistas que competirán no Porriño están grupos que son campións nacionais, bailaríns do máis alto nivel da Federación de Baile Deportivo”, explicou Miguel Abreu, “Convido a todo o mundo a disfrutar deste evento, que non defraudará pola súa espectacularidade”. 

Cabe destacar que a danza urbana é unha modalidade relativamente nova dentro da Federación de Baile Deportivo. O breaking será por primeira vez deporte olímpico en París 2024 tras ser recoñecido dende hai pouco como deporte polo Comité Olímpico Internacional.