Inclúese unha comunidade de augas máis no reparto de subvencións do Concello

Finalmente son dez as comunidades de augas de consumo que acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

Sumouse a comunidade de Chan-Casal-Orbenlle ás nove comunidades de augas beneficiadas das que informamos a finais de xullo e que son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

A comunidade de Chan-Casal-Orbenlle quedou fora por un erro burocrático e atendeuse a reclamación que formulou. Concédenselle 7.813 € de subvención para financiar o 80% do proxecto presentado.

Deste xeito, finalmente, suman un total 59.976 euros as achegas municipais que se repartirán entre as dez comunidades solicitantes, conforme resolución final e definitiva da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

As achegas maiores corresponden a Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros. 

As restantes recibirán: Chan-Casal-Orbenlle, 7.813 €; Atios, 7.647; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Executada a mellora de camiños rurais municipais en tres lugares da parroquia de Chenlo

Remataron as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas nos lugares de Ladeira, As Cales e Vilar, na parroquia de Chenlo, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.

Estas obras consistiron na mellora do firme e da drenaxe. Realizáronse cunetas novas para a recollida de augas pluviais e os camiños pavimentáronse con aglomerado quente de 5 cms de espesura.

Pereira manifestou que “estes camiños atopábanse en moi mal estado e a súa reparación propúxose pola concellería de Infraestruturas para acollerse a estas subvencións da AGADER”.

A actuación tiña un orzamento de 49.000 € e o Concello do Porriño recibiu unha subvención da AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), outorgada e confirmada o pasado mes de agosto.

O Concello manifesta o seu orgullo de que unha empresa local sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a “covid-19”

O Concello do Porriño manifesta “o seu orgullo de que unha empresa asentada neste termo municipal” sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a Covid-19. Trátase de “Biofabri”, filial do grupo “Zendal” que foi elixida pola compañía norteamericana “Novavax” para realizar a produción da vacina para a Unión Europea, segundo o acordo anunciado.

“Para Porriño constitúe un motivo de ledicia e satisfacción que unha fábrica asentada en Torneiros reciba esta encarga o que acredita o alto grao de especialización e recoñecemento a nivel mundial que ten a nosa industria”, valorou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

Hai que lembrar que no pasado mes de xullo, o ministro de Ciencia, Pedro Duque visitou as instalacións de “Biofabri” en Torneiros, despois da concesión de preto dun millón de euros en subvencións do Goberno de España para continuar esta investigación en vacinas.

A alcaldesa subliñou que a actual fábrica de “Biofabri” e o grupo empresarial “Zendal” ao que pertence “ten as súas raíces nos proxectos de familias como os Fernández López que crearon o grupo Zeltia hai máis de 80 anos”.

Eva García ofreceu a “Biofabri” “toda a colaboración que sexa posible dende o Concello do Porriño”.

O vindeiro sábado terá lugar a final da “Batalla de Debuxantes Improvisdado”


A Concellería de Cultura do Concello do Porriño presentou hoxe a final do concurso “Batalla de Debuxantes IMPROVISDADO” que terá lugar o vindeiro sábado 19, ao abeiro da programación das Festas do Cristo 2020. A partir das 17 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios, fronte ao Concello.


Chegan a esta fase final seis artistas que resultaron elixidos entre os que se presentaron na primeira fase da convocatoria. Un deles procede de Ibiza e os restantes de diferentes puntos de Galicia entre os que hai unha ilustradora, un arquitecto ou un especialista en graffiti
Os finalistas terán 90 minutos para realizar o seu traballo artístico de temática libre sobre un soporte ríxido que pode ser unha parede, unha peza de mobiliario ou outro tipo de obxectos. Terán liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen pero a obriga de que sexa coa técnica de man alzada e tan só cor negra. O gañador que determine o xurado integrado por profesionais relacionados co debuxo, acadará un trofeo orixinal e un premio en metálico de 200 €. O segundo premio está dotado con 150€ e o terceiro con 100€.


Este certame é unha novidade na programación cultural do Porriño está organizado pola Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) e producido por “Vella Escola”. “Constitúe unha primicia a nivel mundial xa que é a primeira vez que se fai este tipo de certame e se fai no Porriño”, reivindicou a concelleira de Cultura, Camila Moreira.

Do mesmo xeito, a Pablo Castiñeira, en representación de “Vella Escola” agradeceu á concelleira e ao Concello “por esta oportunidade para traer novos proxectos e formatos, sempre é de agradecer que haxa administración sensibles a novas propostas”, manifestou.

 

Eva García ofrece a súa mediación aos traballadores de “Maderas Iglesias” e instará unha reunión conxunta de alcaldes co conselleiro de Industria

A plantilla da firma porriñesa “Maderas Iglesias” solicitou hoxe a Eva García de la Torre que inste unha reunión conxunta de alcaldes dos concellos afectados por la crise desta firma co conselleiro de Industria e vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.

Actualmente “Maderas Iglesias” conta con 148 traballadores, veciños de concellos da zona. Os que máis teñen son de Porriño, Salvaterra, Mos, Ponteareas, Salceda e Vigo.

Eva García, acompañada de Lourdes Moure, concelleira de Facenda, comprometeuse a trasladar a invitación ás alcaldesas e alcaldes destes concellos para que se sumen á petición de entrevista co conselleiro de Industria.  

Os representantes dos traballadores trasladaron á alcaldesa a súa inquedanza polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto. O inmoble está valorado en 28 millóns de euros por unha peritación xudicial pero os traballadores temen que se sexa vendido por unha cantidade moi inferior e con miras ao negocio inmobiliario.

“Maderas Iglesias” foi un dos fabricantes de tarima flotante máis importantes do sector pero desde que estallou a burbulla inmobiliaria leva unha década en perdas e cunha imparable redución de plantilla con nove EREs consecutivos.

A Escola Municipal de Música abre este martes o prazo para formalizar matrícula



Dende o martes 15 e tamén os días 16, 17 e 18 de setembro, na sede da Escola Municipal de Música (no Centro Cívico), en horario de 16 a 21 horas, pódese formalizar a matrícula e reserva de horarios, segundo a preinscrición realizada no mes de xullo.

As listaxes están expostas nas portas do Centro Cultural e da Escola Municipal de Música.
Na formalización da matrícula cumpriranse as normas establecidas no protocolo anexo.

O alumnado inscrito fóra de prazo poderá matricularse a partir do día 22 de setembro de 16 a 18 horas, sempre e cando queden prazas dispoñibles.
A oferta da Escola Municipal de Música do Porriño é a que se indica:

• Música e Movemento os 4 a 7 anos
• Linguaxe Musical do nivel elemental e medio (entre outras materias) dende os 8 en adiante e sen límite de idade.
• Especialidades instrumentais:
violín, viola, violonchelo, guitarra, piano, canto, gaita, percusión tradicional, oboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión sinfónica.

• Agrupacións: Banda, Orquestra, Conxuntos de Música Tradicional e Corais de nenos e adultos.

As clases comezarán no mes de outubro nas novas instalacións da Escola Municipal de Música no Edificio Multiusos de Torneiros.

ANEXO CO PROTOCOLO PARA REALIZAR A MATRICULACIÓN
– AS MATRÍCULAS REALIZARANSE EN INTERVALOS DE ENTRE 5 E 10 MINUTOS. ROGAMOS MÁXIMA PUNTUALIDADE. CADA ESTUDIANTE TEN A SÚA HORA DE MATRÍCULA, E UNHA VEZ PASE O SEU TURNO NON SE LLE PODERÁ ATENDER.
– PREFERENTEMENTE ENTRARÁ A FORMALIZAR A MATRÍCULA UNHA ÚNICA PERSOA POR ESTUDIANTE. NO CASO DE FAMILIAS CON VARIOS MEMBROS, RECOMENDAMOS QUR SEXA UN ÚNICO REPRESENTANTE O QUE FOEMALICE A MATRÍCULA.
– É OBRIGATORIO O USO DA MASCARILLA.
– DEBERÁ FACERSE USO DO XEL HIDROALCOHÓLICO Á ENTRADA E SAÍDA DA ZONA DE MATRÍCULA. SE LIMPIARÁ E DESINFECTARÁ A ZONA DE MATRÍCULA ENTRE UNHA E OUTRA PERSOA.
– MANTERASE UNHA DISTANCIA INTERPERSOAL DE AO MENOS 1’5 METROS EN TÓDOLO PROCESO DE MATRÍCULA, ASÍ COMO Á ENTRADA E SAÍDA DA ESCOLA.
– AS PERSOAS RESPONSABLES DE MATRICULAR OS SEUS FILLOS E AS SÚAS FILLAS DEBERÁN TRAER CON ELES TODA A INFORMACIÓN E DOCUMENTACIÓN NECESARIA, ASÍ COMO LÁPIZ OU BOLÍGRAFO PARA APUNTAR. ROGAMOS LEVEN VARIAS OPCIÓNS DE HORARIOS ANOTADAS PARA AXILIZAR O PROCESO DE MATRÍCULA.
– NON SE PODERÁ PERMANECER NA ESCOLA MÁIS TEMPO DO INDISPENSABLE PARA REALIZAR A MATRÍCULA.

Fomento amosa disposición favorable a ceder ao Concello o tramo da N-120 entre Cans e O Confurco


O Concello do Porriño trasladou hoxe ao Goberno Central a petición de que o tramo da estrada Nacional 120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.


Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.


Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.

Obradoiro de “coaching ontolóxico: biodanza” para mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O obradoiro “Coaching ontolóxico. Biodanza” que promove a Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, estáse a desenvolver ao longo deste mes de setembro, dirixido a mulleres da vila en situación de especial vulnerabilidade co fin de contribuir na mellora da súa autoestima e crecemento persoal.

“A finalidade é participar no feito de que as mulleres que por circunstancias varias están a vivir situacións adversas desarrollen a capacidade de observarse a elas mesmas co fin de empoderarse”, manifestou Cami Moreira, concelleira responsable.

“Trátase de xerar aprendizaxes que lles axuden a transformar a súa realidade existencial, despertando nelas mesmas potencialidades e fortalezas que lles permitan distinguir os obstáculos que frenan o seu desenvolvemento para crear novos escenarios nos que se sintan protagonistas e empoderadas”, explicou a concelleira de Igualdade.

O obradoiro ten aforo limitado de participación, previa selección polo persoal técnico do Centro de Información á Muller (CIM do Porriño).

A concelleira de Cultura asiste ás II Xornadas de Memoria Histórica organizadas pola Deputación

Cami Moreira, concelleira de Cultura asiste, en representación do Concello, ás II Xornadas de Memoria Histórica que se celebran hoxe venres e mañá sábado 12 en Pontevedra, organizadas pola Deputación de Pontevedra.
Baixo o título “Na loita contra a impunidade”, abranguen conferencias, coloquios e mesas redondas.
A sesión matinal desenvolveuse no Pazo da Cultura e a sesión vespertina na Illa de San Simón.

Presentada a XXIII edición de “Merca na rúa”

Sergio Casal, conselleiro de Comercio e Juana Pérez, presidenta da asociación de comerciantes “Acipor” presentaron a XXIII edición da feira de oportunidades “Merca na rúa” que terá o vindeiro fin de semana.
26 stands (seis deles dobres) reunirán na rúa peonil, a diversa oferta de productos que propón esta nova edición de “Merca na rúa” que “será diferente coa ocasión dos protocolos anti-Covid que debemos observar”, manifestou a presidenta da asociación organizadora.
“Este ano os postos de venda esarçan máis distanciados entre sí para observar os protocolos de seguridade e garantir a de todos os que desexen asistir”, manifestou o concelleiro Casal.