O Concello do Porriño trasladou hoxe ao Goberno Central a petición de que o tramo da estrada Nacional 120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.


Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.


Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.