O Concello do Porriño manifesta “o seu orgullo de que unha empresa asentada neste termo municipal” sexa a primeira de España en producir unha vacina contra a Covid-19. Trátase de “Biofabri”, filial do grupo “Zendal” que foi elixida pola compañía norteamericana “Novavax” para realizar a produción da vacina para a Unión Europea, segundo o acordo anunciado.

“Para Porriño constitúe un motivo de ledicia e satisfacción que unha fábrica asentada en Torneiros reciba esta encarga o que acredita o alto grao de especialización e recoñecemento a nivel mundial que ten a nosa industria”, valorou Eva García, alcaldesa de O Porriño.

Hai que lembrar que no pasado mes de xullo, o ministro de Ciencia, Pedro Duque visitou as instalacións de “Biofabri” en Torneiros, despois da concesión de preto dun millón de euros en subvencións do Goberno de España para continuar esta investigación en vacinas.

A alcaldesa subliñou que a actual fábrica de “Biofabri” e o grupo empresarial “Zendal” ao que pertence “ten as súas raíces nos proxectos de familias como os Fernández López que crearon o grupo Zeltia hai máis de 80 anos”.

Eva García ofreceu a “Biofabri” “toda a colaboración que sexa posible dende o Concello do Porriño”.