Aberto o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa 2022, dirixido ás nenas e nenos do municipio de entre 3 e 12 anos cumpridos. Desenvolverase en instalacións municipais os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá (9h-14h). 

“Con esta iniciativa preténdese potenciar a seguridade e autoestima dos máis pequenos da casa, fortalecer as súas habilidades, eliminar os seus medos e potenciar neles valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto”, explicou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que se trata dun “espazo de convivencia, de aprendizaxe e de ocio para os nenos e nenas e, á vez, unha opción para a conciliación, xa que nestas datas para moitas familias xorde a necesidade de atopar un lugar seguro no que as súas fillas e fillos poidan disfrutar das vacacións mentres eles traballan”.

O prazo de inscripción abrirase o luns 4 de abril  e hai 40 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deben dirixirse ao Rexistro do Concello onde se lles facilitará a folla de inscrición e toda a información complementaria.

No caso de existir máis demandas que prazas, estas cubriranse seguindo o baremo de puntuación establecido: FOLLA DE BAREMOS 

Descarga o formulario de inscrición: 

FORMULARIO DE SOLICITUDE DE INSCRICIÓN

O Porriño contará cun Punto de Información Catastral desde este mércores

O Concello do Porriño contará desde este mércores  cun Punto de Información Catastral, un servizo gratuíto que estará ubicado nas oficinas do departamento de Urbanismo (2ª planta-Casa Consistorial).

A través deste servizo a veciñanza poderá obter certificacións, localizar parcelas, realizar trámites en liña como presentación de documentación catastral, recursos, contestar requerimentos catastrais, cambios de dominio, así como asistencia e información en materia catastral. Tan só é preciso a presentación do DNI.

O PIC estará aberto ao público os mércores de 16 h a 19 h. É recomendable solicitar cita previa, indicando o trámite a realizar. Pode facerse a través do teléfono 986 335 000, a través da Sede Electrónica ou presencialmente no Departamento de Urbanismo.

Concello e OSÍLICE unen forzas para apoiar aos enfermos de silicose

O Concello do Porriño e a Asociación Galega de Afectados por Silicose asinaron a súa colaboración para avanzar na visibilización e prevención desta enfermidade.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o presidente de OSÍLICE, Jose Carlos Giráldez, formalizaron o convenio de colaboración a través do cal, a administración local contribuirá con 2.000 euros a visibilizar esta doenza e difundir os aspectos clínicos, preventivos e psicosociais da silicose por pedra natural entre a veciñanza.

Tal e como defendeu sempre o rexedor, o Concello, como administración máis próxima á cidadanía, debe recoñecer o labor social que desempeña esta asociación e contribuír no preciso para axudar ao gran número de afectados por silicose que hai no noso termo municipal.

Así, Lorenzo  agradeceu en nome do Concello o “traballo que veñen desenvolvendo dende a súa constitución en 2013, asesorando e defendendo os dereitos dos enfermos de silicose, doenza que afecta a centos de persoas non só no Porriño, senón en toda Galicia”. O rexedor explicou que na liña política do executivo “está destacada dende o principio a promoción deste tipo de accións de protección da saúde, en especial en colectivos de risco que polas características especiais do noso municipio, que desenvolve unha grande actividade no sector mineiro, son máis vulnerables”.

Sobre OSÍLICE

OSÍLICE é a primeira asociación de afectados por silicose de Galicia, e a terceira en España. Aínda que se creou no Porriño, onde ten a sede dende o ano 2013, o seu radio de actuación esténdese a toda a comunidade autónoma de cara a protexer os intereses dos afectados por esta enfermidade, facilitarlles información, orientalos, asesoralos e tamén prestar atención a calquera persoa que requira os seus servizos.

A asociación foi fundada por un grupo de traballadores afectados pola doenza que decidiron poñerse en marcha para atender aos centos de persoas que como eles padecían esta enfermidade. Tan só na comarca hai diagnosticados uns 500 casos de silicose. 

O outro test, ese do que ninguén fala pero que che pode salvar a vida

A Xunta Local da AECC no Porriño está a desenvolver a campaña de prevención do cancro colorrectal entre a poboación maior de 50 anos, con motivo do Día Mundial para a Prevención do Cáncro de Colon que se celebra cada 31 de marzo.

Baixo o lema “O outro test. Do que ninguén fala pero que pode salvar a vida”  preténdese concienciar sobre a importancia de realizarse unha sinxela proba en casa que pode identificar signos de lesións no colon e previr o alcance.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse ao punto informativo instalado frente ao Concello para respaldar esta campaña e reiterar á presidenta, Chelo Conde, a súa disposición a colaborar en todas as iniciativas de sensibilización xa que, apostando pola prevención poden salvarse moitas vidas.

“Igual que nos familiarizamos co test da COVID-19 debemos facelo con outro tipos de probas, como o TSOH”, “Este tipo de cancro, o de maior incidencia no noso país, pode detectarse precozmente e incluso nalgúns casos evitarse. Por iso é vital que a cidadanía participe nos cribados que poden axudar a superar este tipo de tumor no 90% dos casos se se detecta a tempo”.

AECC O PORRIÑO
C/ Domingo Bueno, S/N, 36400 O Porriño (Centro Cívico)
Tlf: 986 33 95 03

CONCERTO SOLIDARIO POR UCRANIA: COMBO DOMINICANO, AMÉRICA, ANTONIO BARROS E IALMA ESTE DOMINGO NO PORRIÑO!

O Porriño acollerá este domingo, día 3 de abril, o concerto solidario organizado polo Concello en beneficio do pobo ucraíno, que tanto está a sufrir pola invasión rusa.  

O evento, no que participarán altruístamente o Grupo América, o Combo Dominicano e os artistas, Antonio Barros e iAlma, foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Bienvenido Estévez e Antía Carrera, estiveron acompañados no acto de presentación por representantes das entidades colaboradoras do evento: o presidente da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, Indalecio Cuevas, o xerente, David Sobral, o artista local, Antonio Barros, e os representantes das empresas Go Music e Eventos Salpor, Miguel Díaz e Leonardo Fernández.  

O rexedor convidou a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a asistir ao evento e contribuír a axudar ás persoas refuxiadas. “Síntome moi orgulloso de formar parte deste pobo”, asegurou Lorenzo, “En canto apelamos á súa colaboración os porriñeses e porriñesas, unha vez máis, deron exemplo de solidariedade e entrega. O fixeron cargando un trailer de axuda humanitaria e sei que o farán agora tamén”. Neste sentido o rexedor quixo extender o seu agradecemento “a todos aqueles veciños que de maneira totalmente desinteresada ofreceron as súas vivendas para acoller a persoas refuxiadas” . 

Cabe destacar que en total foron 20 as familias porriñesas que se ofreceron para acollida e cuxa disposición, xunto coas 20 prazas ofertadas polo Concello, se enviou ao Ministerio encargado de coordinar e xestionar a acollida de refuxiados.

Pola súa banda, o presidente dos empresarios, Indalecio Cuevas, animou a colaborar á cidadanía “e darlle un pouco de cor e música a esta situación que lamentablemente estamos a vivir e na que temos que ser enormemente solidarios”. Así, os empresarios abriron unha conta na que conseguiron recadar fondos que serán canalizados a través do Concello para axudar á poboación ucraína.

 

Tamén estiveron presentes na presentación Arturo López e Merchi Díaz, dous veciños do Porriño que acolleron xentilmente na súa casa a catro mozos ucraínos que abandoaron o seu país fuxindo da guerra. Os mozos, de entre 12 e 24 anos, pediron axuda para sair de Jarckov, a primeira cidade ucraína bombardeada, e esta familia porriñesa non dubidou en abrirlles as portas da súa casa. Un xesto de xenerosidade que o rexedor quixo agradecer públicamente “en nome de toda a veciñanza do Porriño, moitas grazas polo voso exemplo”.

Número de conta para axuda humanitaria

Os fondos obteranse coa “Fila 0”, na que todo aquel que queira disfrutar do concerto poderá facer a súa doazón. A tal fin, o concello habilitou un número de conta cuxa recadación se destinará íntegramente a axuda humanitaria e na que se poderán facer as súas achegas tanto particulares como empresas.

IBAN ES13 2080 5054 0831 1002 7980

120 deportistas disputan no Porriño a XXVI Liga Galega de Baloncesto Adaptado

O Porriño converteuse unha vez máis na capital do baloncesto adaptado. Once equipos que reuniron a 120 deportistas participaron onte na primeira xornada da XXVI Liga Galega de Baloncesto Adaptado que disputou no Polideportivo Municipal.

Nesta primeira xornada da competición, organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado, disputáronse un total de 11 partidos nos tres campos habilitados.  Xogadores e xogadoras do Asdan, San Rafael, Celta Integra, Aspavi, Aspanaex, Saiar, Salacino C “A”, Saladino C “B”, Méndez Núñez e Saladino B disputaron os encontros ao longo de toda a mañá, nunha xornada na que se impuxeron o Asdan na categoría Competición e o Saiar na Adaptada.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse ao municipal a animar aos deportistas e animalos a “seguir esforzándose e, sobre todo, a seguir disfrutando do que resta de competición, polo menos tanto como disfrutamos nós do espectáculo deportivo que ofrecen”.

As próximas quendas serán o 4 de maio e o 2 de novembro, cando se pechará definitivamente a clasificación.

43 persoas comezan a traballar hoxe no Concello do Porriño

43 traballadores/as incorporáronse hoxe ao cadro de persoal do Concello do Porriño, onde desenvolverán as súas funcións a xornada completa durante seis meses.

A primeira hora da mañá, o alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Rosario Costas, Ramón Porto e Jose Carlos González, déronlle a benvida ao Concello na súa primeira xornada laboral.

“Agardo que estes meses de traballo sexan enriquecedores para todos vós, que vos sirvan para gañar experiencia, mellorar o voso perfil profesional e abrirvos novas oportunidades”, apuntou o alcalde. Lorenzo recordou que estas contratacións non só permiten incorporar ao mundo laboral a estas persoas que se atopaban en búsqueda activa de emprego, senón tamén prestar en condicións servizos que non se estaban a prestar de maneira axeitada nos últimos anos e impulsar novas iniciativas. “Co voso traballo contribuiredes a poñer en marcha de novo O Porriño”, concluíu o rexedor.

Para facer posible este reforzo de persoal o Concello fixo a maior aportación de fondos da súa historia, reafirmando o seu compromiso coa xeración de emprego. A contratación destas 43 persoas supuxo unha inversión total de 450.489 euros, dos que o Concello aportou 224.061 euros e os restantes proceden da liña 3 do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra.

Os traballadores/as prestarán servizo nos diferentes departamentos municipais. No de Obras incorpóranse dous carpinteiros, un soldador, tres albaneis, un fontaneiro e un tractorista/condutor de grúa. No departamento de Parques e Xardíns traballarán doce peóns forestais, na área de Servizos Sociais un auxiliar administrativo, na Unidade Asistencial a Drogodependentes un auxiliar de enfermería e no de Cultura dous auxiliares administrativos.

Un técnico exercerá no departamento de Turismo e outro o fará no de Novas Tecnoloxías. Tamén se incorporan hoxe seis conserxes nas áreas de Deportes, Mercados, Persoal e Cultura e dous orientadores laborais que traballarán en Porremprego.

O Porriño promove o envellecemento activo da man de AFAGA

O Concello do Porriño e AFAGA poñen en marcha o programa “Cultiva a mente” co obxectivo de previr a demencia e promocionar hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional nas persoas maiores de 55 anos.

Trátase dun ciclo de obradoiros impartidos por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo. Neles abordaranse diferentes cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de “promover o envellecemento activo e dotar aos nosos maiores das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais da demencia. Nestes momentos que vivimos, nos que moitas persoas se viron illadas polas restricións impostas pola pandemia, é máis necesario que nunca actuar e poñer en marcha iniciativas que permitan ás persoas maiores socializar e disfrutar tamén desta etapa da súa vida”.

O programa desenvolverase no Centro Sociocomunitario (Pío XII S/N) un día á semana,  concretamente os luns, e terán unha duración de dúas horas (de 10:30 a 12:30h).

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao 986 337 624 ou a través dun Rexistro dirixido á Casa da Cultura.

O Concello pecha coa CMVMC de Torneiros a cesión dunha parcela para habilitar aparcamentos na Fase I

 O Concello do Porriño e a Comunidade de MontesVeciñais en Man Común de Torneiros asinaron hoxe o convenio de cesión que permitirá á administración local facer uso duns terreos situados frente á Fase I do polígono residencial de Torneiros.


Concretamente, trátase dunha parcela segregada de 914 m2, propiedade dos comuneiros, que o Concello do Porriño destinará a ampliación do viario e a habilitar novas prazas de aparcamento na zona.


O acordo asinado hoxe transmite a propiedade e a posesión do terreo á administración local e lexitima ao Concello á ocupación do solar e a realizar no mesmo as obras oportunas.


“Trátase dun acordo que levaba tempo negociándose e que permitirá reordenar o tráfico nesa zona e habilitar algunhas prazas de aparcamento para a veciñanza da Fase I, que carece de zonas onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, quen agradeceu á CMVC de Torneiros “a súa disposición a chegar a acordos en beneficio dos veciños da súa parroquia”.

As pistas de tenis do Porriño dispoñerán de vestiarios equipados

Os tenistas do Club Tenis Porriño e todos aqueles que fagan uso das pistas municipais de tenis dispoñerán de vestiarios totalmente equipados. Ata o de agora, os usuarios e usarías destas instalacións carecían dun lugar apropiado para cambiarse e asearse tras a práctica deportiva e con esta actuación non terán que desprazarse ao polideportivo municipal como viñan facendo.

Para acometer estas obras, cuxo importe ascende a 48.389,49 euros, o Concello do Porriño asinou un convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. En virtude do mesmo, o ente autonómico aportará preto de 40.000 euros e o restante o asumirá o Concello con fondos propios.

“As instalacións contarán con dous vestiarios principais para xogadoras e xogadores, así como cun almacén”, explicou o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, “Ambos vestiarios contarán cun aseo adaptado independente. Para iso, acondicionarase un local do semisótano dunhas instalacións colindantes ás pistas”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “se trata dunha obra moi necesaria que vén sendo reclamada polos usuarios e usuarias das pistas de tenis dende hai anos. Son moitos os deportistas que fan uso destas instalacións e a falta de vestiarios suponía un problema para eles”. O rexedor concluíu incidindo en que “o mantemento e acondicionamento das nosas instalacións deportivas é algo que está destacado na axenda deste goberno dende o inicio” reafirmando a súa aposta polo deporte no municipio “con atención a todas as modalidades non só ás maioritarias. O respaldo á práctica deportiva abrangue todas as disciplinas, tantas como os porriñeses e porriñesas practiquen ou desexen practicar”.