Aceesca acolleu a última das sesións de terapia con cans impulsadas polo Concello

O centro de día de Aceesca acolleu hoxe a última das sesións de educación asistida con cans de terapias impulsadas pola concellería de Educación do Concello do Porriño.

Nesta actividade participaron preto de 400 escolares de infantil de todo o municipio e tamén do centro de día de Aceesca,  co obxectivo de trasladar os beneficios que achegan os animais ás contornas escolares traballar de forma transversal a educación en valores e o coidado responsable de mascotas.

Gofre, Trece e Fox, os tres cans que participaron nesta experiencia de concienciación e mellora da convivencia, visitaron durante tres meses aos usuarios e usuarias de Aceesca. Unha vez á semana achegábanse ao centro a compartir cos diferentes grupos actividades deseñadas dependendo das súas necesidades específicas.

 

Despedimos o curso escolar cunha gran festa

Esta semana chegan as vacacións escolares e o Concello do Porriño quere celebralo cunha festa do máis divertido da que poderán disfrutar todos os nenos e nenas do Porriño.

O vindeiro xoves, 23 de xuño, a praza Arquitecto Antonio Palacios será escenario dunha tarde de reencontros e xogos coa que despedir xuntos o curso. A partir das 17 h un DJ animará a festa na que haberá un gran tobogán de auga e festa da escuma.

O Porriño incorporará 11 traballadores/as ao seu cadro de persoal

O Concello do Porriño reforzará o seu cadro de persoal con 11 novos traballadores e traballadoras que desenvolverán as súas tarefas en diferentes áreas municipais.

Estas contratacións formalizaranse en base a dúas achegas de iniciativa social da Xunta de Galicia.

A primeira delas ascende a 103.244 euros para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga e, ao seu abeiro incorporaranse 2 operarios de mantemento na área de Deportes, 3 peóns de obra pública, 3 peóns forestais e 2 conserxes. A duración destes contratos será de 9 meses con xornada parcial ao 75%.

A segunda, conta cun orzamento de preto de 14.000 euros para a contratación de 1 peón forestal, a xornada completa durante 9 meses, no marco da liña de subvencións para o fomento do emprego no rural (APROL Rural).

“Ademais de supoñer unha nova oportunidade laboral para estas persoas que están en situación de desemprego, estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e  reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “As institucións deben ser un instrumento útil para mellorar a vida da veciñanza e iso pasa por ambas cousas”.

O rexedor incidiu en que o goberno municipal continuará desenvolvendo políticas que “prioricen a prestación destes servizos básicos con persoal propio”.

As persoas interesadas en optar a estes postos de emprego deberán estar anotadas no Servizo Público de Emprego, que será quen faga a selección, nos seguintes códigos:

  • 71911023 – Operario de mantemento
  • 96011029 – Peón de obra pública
  • 95431028 – Peón forestal
  • 58331022 – Conserxe

O Concello do Porriño presenta o Plan Director para o saneamento integral

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Vías e Obras e Urbanismo, Ramón Porto e Antía Carrera, presentaron hoxe ante os medios os resultados do estudo que recolle o estado actual da rede de saneamento en todo o termo municipal. Un Plan Director en base ao cal se elaborará a planificación técnica, financieira e temporal para a acometida integral da rede pública.

A planificación encargada polo Goberno Municipal determina con exactitude os tramos e actuacións pendentes de executar en cada unha das parroquias, así como a súa extensión, o número de vivendas sen conexión e orzamento necesario para executala.

“Na actualidade faltan por acometer 91.111 m de rede pública  para dar servizo ás 1.611 vivendas que non contan con conexión e teñen que recurrir a sistemas individuais”, explicou o alcalde. Unhas cifras que para Lorenzo supoñen “que estamos fallando aos veciños e veciñas como administración, especialmente aos do rural, ao non prestarlles un servizo público que estamos obrigados a prestar”.

“Falamos dunha inversión de 14.064.036 euros , algo inasumible para calquera concello, que impón un compromiso firme pola nosa parte”, continuou o rexedor, “Non estou aquí para facer política nin enganar á veciñanza prometendo cousas que non podo cumprir. Estou aquí para resolver e dar solucións, esa é a miña obriga e ese é o meu compromiso”.

“Planificación fronte á improvisación para conquerir con maior eficiencia a financiación que nos permita que o saneamento chegue a todas as vivendas do Porriño no menor tempo posible”, concluíu o alcalde, e para iso, anunciou que levará ao pleno da corporación a dotación dunha partida de 500.000 euros para a elaboración dos proxectos de obra e solicitará ao Consorcio de augas do Louro que se inicie unha operación de crédito que permita costear parte do montante total da execución, así como a financiación por parte das restantes administracións.

Cabe destacar que a eiva na prestación deste servizo básico no Porriño evidenciase máis en contraposición cos restantes concellos que forman parte do Consorcio de Augas do Louro, aínda tendo unha extensión similar: en Salceda completar o saneamento requeriría unha inversión de 7.347.246 euros, Tui 2.059.636 euros e Mos 1.478,914 euros.

O rexedor adiantou tamén que o executivo que preside levará a pleno unha operación de crédito negociada co resto dos grupos da corporación de máis de 5 M de euros para financiar con fondos propios obras de execución de saneamento, soterramento da liña férrea e construción de vivenda de protección oficial e dotacións.

Rebaixa na taxa de baleirado de fosas sépticas

Durante a súa comparecencia o Alcalde explicou a reclamación trasladada ao Consorcio de Augas do Louro, entidade que preside, para a modificación da ordenanza que permita rebaixar a taxa que a veciñanza que non dispón de conexión á rede está obrigada a pagar polo baleirado da fosa séptica. “Non é de recibo que, ademais de non beneficiarse dun servizo básico e esencial ao que teñen dereito como o resto de cidadáns, teñan que pagar unhas taxas desmesuradas”, concluíu  Lorenzo.

 

A Piscina Municipal permanecerá pechada uns días tras detectarse baixos niveis de E.Coli na auga

A concellería de Deportes procedeu hoxe ao peche temporal da piscina municipal para subsanar unha contaminación das augas detectada nun dos controis rutinarios e obrigatorios realizados na mañá de hoxe.

Os mesmos arroxaron baixos niveis da bacteria E.coli polo que, por precaución tal e como marca a normativa sanitaria, as instalacións permanecerán pechadas para seguridade dos bañistas e para realizar ao tratamento da auga.

Como xa dixemos, os niveis detectados son moi baixos, polo que se levará a cabo un tratamento de choque leve e agardase que a piscina poida abrir en 48 horas. Unha realizado, farase unha nova analítica para asegurar que os niveis volven á normalidade antes de reabrir as instalacións.

O Centro Cultural acolle a exposición dos traballos do alumnado do IES Ribeira do Louro

O Centro Cultural Municipal acolle a exposición dos traballos que os alumnos e alumnas do IES Ribeira do Louro desenvolveron durante este curso nas asignaturas de debuxo técnico e debuxo artístico.

A mostra foi inaugurada onte nun acto que contou coa presencia do alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, a profesora de Debuxo Técnico e Debuxo Artístico do IES Ribeira do Louro, María José Iglesias, e dos autores das obras.

Baixo a premisa de imaxinar un Porriño diferente, os mozos e mozas de primeiro a cuarto da ESO deseñaron proxectos arquitectónicos cos que transformar a contorna na que viven.

“O obxectivo era que aprendesen a proxectar doutra maneira e a ver O Porriño dunha forma diferente, máis moderna, actual, con máis luz…”, explicou a súa profesora, “Hoxe vemos aquí o resultado. Traballar duro pero traballar ben sempre é satisfactorio”.

O concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, felicitou aos mozos e mozas “por ter unhas ideas brillantes e a capacidade de plasmalas para deixar a súa pegada”. Unhas ideas que van dende aparcadoiros, parques, museos ou miradores que adaptarían O Porriño á visión da xuventude.

“É moi importante que as novas xeracións nos marquen o camiño a seguir coa súa creatividade e ilusións, coa súa maneira de ver o seu pobo e deseñar o seu futuro”, afirmou o alcalde, “Coa súa ilusión ilusiónannos a todos”.

A mostra pode visitarse na sala de exposicións do Centro Cultural Municipal (3º andar) ata o día 30 de xuño.

 

O Porriño recupera as tradicionais alfombras do Corpus

O Porriño recupera unha fermosa tradición: as alfombras do Corpus, que levan seis anos sen adornar a vila. 

Os preparativos para a elaboración dos tapices florais que lucirán o día 19 xa deron comezo. Un grupo de voluntarias da Asociación de amas de casa, consumidores e usuarios Rosais encárgase xa de preparar o material para os mantos florais que engalanarán as rúas. 

O Porriño convertirase nunha explosión de cor que invita a pasear dende a igrexa de Santa María ata a praza Arquitecto Antonio Palacios para disfrutar das cores e aroma de miles de flores. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse onte a compartir coas voluntarias un ratiño de traballo e conversa. Ángeles, Chelo, María, Adela e Chiruca estaban a esfollar mimosas mentres Rosa se encargaba de tinguir o serrín que se utilizará para elaborar os deseños. Area, serrín, mimosas, madeira, rosas, hortensias ou árnica darán forma aos debuxos. 

“O entusiasmo destas mulleres non só fará máis fermosa se cabe a vila, tamén contribuirá a perpetuar unha valiosa tradición para moitos porriñeses e porriñesas e, por iso, contarán sempre co noso apoio”, apuntou o rexedor, “Estes tapices son cultura, tradición e arte”. 

Cabe destacar que as alfombras comezaron a elaborarse no Porriño no 1994 e cada ano centos de veciños e veciñas participaban. 

Neste momento precísanse voluntarios, polo que as persoas interesadas en colaborar poden solicitar máis información chamando ao teléfono do Concello onde lles indicarán onde dirixirse e en que horarios. 

 

Aberto o prazo de inscrición para a instalación de postos de venda e atraccións en Porrigalia 2022

O prazo para solicitar a instalación de postos de venda, casetas, tómbolas ou atraccións en Porrigalia 2022 está aberto ata o 20 de xuño.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar da festa que se celebrará os días 1,2 e 3 de xullo deberán presentar a solicitude de inscrición , que se pode descargar da páxina web https://oporrino.org/ , no Rexistro Xeral ou a través da sede electrónica xunto con toda a documentación requerida.  

As bases poden descargarse na seguinte ligazón:  BASES INSTALACIÓN POSTOS E ATRACCIÓNS

Folla de inscrición: SOLICITUDE

A delegación porriñesa “EcoYouth” parte cara Mozambique

A delegación española que visitará Mozambique no marco do proxecto europeo “Empoderamento da mocidade para facilitar a transición ecolóxica” partiu hoxe do Porriño cara Nampula.

8 mozos e  mozas alumnos dos IES Ribeira do Louro e do CIFP A Granxa , acompañados por persoal de apoio do Concello do Porriño e do IES porriñés, estarán en Maputo e Nampula ata o día 23  participando na última das movilidades deste programa de intercambio xuvenil baixo o título “Conciencia ecolóxica: ferramentas dos medios para a participación e o impacto en Nampula”.

Este programa, cofinanciado polo proxecto Erasmus + da UE, ten como obxectivo fomentar a posta en marcha de campañas de concienciación ambiental, combinando unha análise crítica cunha estratexia de medios coidadosamente planificada.

Este xoves ponse en marcha o servizo de recollida de cartón

A Concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González, informou hoxe de que este xoves, día 16 de xuño, comeza a funcionar o servizo específico para a recollida de papel e cartón comercial do que poderán beneficiarse os establecementos comerciais do Porriño.

Os días establecidos para a recollida serán os martes e xoves. Neses días, a partir das 20 h os usuarios/as deberán depositar o cartón e papel de maneira ordenada ás portas dos seus establecementos, onde o servizo de limpeza municipal o recollerá para trasladalo á planta de reciclaxe.

Os comerciantes que queiran facer uso desta recollida  porta a porta deberá apuntarse chamando ao teléfono 665 571 555.

Coa posta en marcha deste servizo preténdese dar facilidades aos comerciantes para reciclar correctamente e tamén evitar que se acumule na rúa ou nos outros contedores.