Concello e COGAMI traballarán da man por un Porriño máis accesible e inclusivo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais e Benestar Social, Abel Estévez,  reuníronse esta semana cos directivos de COGAMI, Celso Álvarez e Ángel Holguera, para definir vías de colaboración entre ambas entidades.

Os responsables municipais amosaron a súa vontade de estreitar a relación coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade,  plantexando varios proxectos a desenvolver en materia de accesibilidade, formación e inclusión das persoas con diversidade funcional.

“Nesta primeira toma de contacto púxose de manifesto por ambas partes a necesidade de traballar da man”, explicou o rexedor, “Quedan moitas barreiras por derribar e moito que traballar pola inclusión para que O Porriño sexa un lugar que ofreza a todas e todos as mesmas oportunidades”.

Baixo esta premisa, o novo executivo propón a elaboración dun Plan de Accesibilidade que permita acometer de maneira planificada a eliminación de barreiras arquitectónicas e garantir o cumprimento da normativa en obra pública. “Non queremos seguir poñendo parches, é necesario sentar unas bases de actuación para facer accesibles o centro urbano e as parroquias”, indicou Lorenzo.

Tamén se valoraron outras accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral, das persoas con discapacidade.

Cursos preparatorios gratuítos das probas Celga

Os cursos, presenciais e en liña, realizaranse entre o 21 de marzo e o 12 de maio

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a convocatoria de cursos Celga de carácter voluntario e gratuíto, orientados a obter a certificación Celga nos niveis 1, 2, 3 e 4 nos exames oficiais da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 7 de marzo na seguinte ligazón: https://formacion-lingua.xunta.gal/. Poderase escoller un curso de tipo presencial ou en liña, sendo requisito para este último dispor de:

  • Un ordenador con conexión á Internet (de banda larga)
  • Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox)
  • Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude de inscrición
  • Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).

Cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas. Nos cursos de carácter presencial, estas distribuiranse en sesións de dúas horas e media, de luns a xoves, nos lugares que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Para máis información podes consultar a convocatoria destes cursos no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220214/AnuncioG0598-260122-0002_gl.html ou enviar un correo electrónico ao Servizo de Normalización Lingüística do Porriño (servizonormalizacion@oporrino.org).

Escolares do Porriño descubren o universo Antonio Palacios no Museo do Mar de Galicia

O alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do Porriño están a disfrutar das visitas-obradoiro á exposición temporal do Arquitecto Antonio Palacios “Soños de modernidade. Compromiso con Galicia”, instalada no Museo do Mar de Galicia.

Na actividade, organizada pola Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, participarán 214 alumnas e alumnos dos colexios do municipio. As visitas comezaron hoxe e desenvolveranse ata o 29 de marzo.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao primeiro dos grupos que participou da actividade. “Estas visitas permiten aos nosos pequenos e pequenas descubrir máis a fondo a obra de Antonio Palacios dende un punto de vista práctico, dinámico, participativo e, por suposto, educativo”, explicou o rexedor, “É unha forma divertida de coñecer a figura e o traballo dun dos porriñeses máis ilustres”.

Os primeiros en participar hoxe foron o CEIP Plurilingüe de Atios e o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios. Nas próximas quendas o farán o IES Ribeira do Louro, CPR Hnos. Quiroga, CPR Sto. Tomás, CEIP da Ribeira e CEIP Cruz Budiño.

Cortes de tráfico pola carreira ciclista “O Gran Camiño”

A Policía Local informou hoxe dos cortes de tráfico e restricións de estacionamento que se levarán a cabo con motivo da saída no Porriño da carreira ciclista “O Gran Camiño”.

Desde o mércores 23 ata o xoves 24 queda prohibido estacionar e aparcar nas rúas:

 

  • Pío XII: Ambos lados, desde as 14h do mércores ata as 14h do xoves.
  • Domingo Bueno: Ambos lados desde o cruce do cemiterio ata a rotonda dos Aloques, desde as 22h do mércores ata as 14h do xoves.
  • Finca do Roxi: desde as 23 horas do mércores ata as 14h do xoves.

O tráfico permanecerá cortado desde as 7h do xoves na Avda. Domingo Bueno ata as 14h.

Tamén se cortará a rúa Pío XII desde as 18 h do mércores ata as 14h do xoves.

Haberá tamén cortes puntuais que afectarán desde as 11:15 h as seguintes rúas e que non durarán máis de 15 minutos: Ramiráns, Avda. de Galicia e Antonio Palacios.

 

O Concello procede ao valado urxente do parque do Cristo ante o risco de caída das árbores

O Concello do Porriño xa ten os resultados do informe técnico que se solicitou á Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra sobre o estado dos tilos do Parque do Cristo, debido ao seu aparente mal estado e á caída de varios deles. O mesmo conclúe a necesidade de proceder á súa tala de maneira inmediata ante o problema de seguridade que supoñen.

Pese a que non estamos a falar de árbores de moita antigüidade confirmouse un estado deficiente, advertíndose da existencia de madeira en fase de descomposición. Para comprobalo fixéronse probas co resistógrafo.

Por outra banda, determinouse que as árbores están afectadas por dous fungos: Armillaria mellea e Bjerkandera adusta. O primeiro deles, Armillaria mellea, ataca ás raíces principais e as destrúe por completo e o segundo, B. Adusta produce podremias brancas e destrúe os tecidos vivos.

No informe tamén  se indica que a súa evolución non será positiva, senón que continuará o proceso de degradación ata que se veñan abaixo.

En base a isto, e dacordo ao informado polos servizos técnicos municipais, acordouse proceder a ovalado urxente da praza e do parque infantil para evitar situacións de perigo para os viandantes, así como para os nenos e nenas que xogan habitualmente na zona. 

O recinto xa está pechado e a concellería de Parques e Xardíns procederá de inmediato á tala dos 12 tilos afectados. Polos mesmos motivos de seguridade, procederase á tala do sauce do parque da Avda. Buenos Aires, xunto ao río Louro. 

 

 

Amplíase o proxecto de Manuel Rodríguez para renovar as redes de saneamento e abastecemento no 100% da rúa

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, informou hoxe que se ampliou o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez que, pese a estar en execución, só renovaba as redes de saneamento e abastecemento de un dos lados da rúa.

“As obras están iniciadas pero o proxecto non incluía a renovación das redes de pluviais e fecais, saneamento ou electriciade para o 100% das vivendas da rúa, tan só ás dunha marxe”, explicou o edil, “Por iso redactamos unha ampliación que levará a cabo a mesma empresa”.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que “se invertirán preto de 40.000 euros para que todos os inmobles da rúa Manuel Rodríguez teñan acceso a estas redes públicas reformadas, ademais da preinstalación para redes de telecomunicación e de baixa tensión”. O rexedor apuntou que “non se pode acometer unha obra desta magnitude intervindo só na metade da zona afectada, tal e como estaba proxectada non tiña sentido algún”.

Cabe destacar que estas obras estanse a executar no tramo de Manuel Rodríguez entre a confluencia con Xogo da Ola e a Praza de San Sebastián e contaban cun orzamento de máis de 400.000 euros con cargo ao Plan Concellos. 

 

O Porriño contrata a esterilización da súa poboación felina

O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 150 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato mediante o cal a clínica veterinaria Canis, sita no Porriño, levará a cabo a esterilización de 120 femias e 30 machos. O importe da campaña ascende a 9.540 euros.

Utilizarase o sistema CES (Captura, Esterilización e Solta) para evitar o crecemento descontrolado da poboación de gatos. Un equipo de voluntarias e voluntarios acreditados polo Concello encargaranse de coller aos animais e facer o seu seguimento.

“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza.  Nesa liña traballamos”.

No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.

O Porriño presenta a súa programación de Entroido: cinco días de diversión cos nenos e nenas como protagonistas

Na Vila do Louro xa está todo listo para disfrutar do Entroido.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Cultura e Educación, Bienvenido Estévez e Carolina González, presentaron hoxe o programa de actos deseñado polo Concello, no que os nenos e nenas xogarán un papel protagonista.

A inauguración da exposición cos preto de 200 debuxos dos nenos e nenas que participaron no concurso escolar de carteis do Entroido foi o escenario elexido para anunciar a programación. Nun acto ao que acudiron os gañadores do concurso e as súas familias, así como representantes de todos os centros escolares, entregáronse os agasallos aos premiados e presentouse oficialmente o cartel das festas.

Valeria Lage, Rubén Rodríguez e Saray Rodríguez (primeiro, segundo e tercer posto respectivamente) serán os encargados de dar o pistoletazo de saída o sábado 26 coa lectura do pregón. As dúas nenas que conseguiron o accesit os acompañarán no balcón da casa consistorial en tan sinalado momento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, confesou a súa emoción “ao ver as caras de ilusión dos pequenos e pequenas” algo polo que asegurou “merece a pena ser alcalde”. Tal e como indicou o rexedor para él “unha das metas marcadas é facer do Porriño un referente cultural e unha cidade dos e para os nenos e nenas, na que teñan moito que decir xa que serán eles quen a vivan e dirixan nuns anos”.

A mostra cos deseños dos escolares pode visitarse no Centro Cultural Municipal.

Actividades para pequenos e maiores

 A programación arranca o sábado 26, ás 12 h, coa lectura do pregón desde o balcón da Casa Consistorial. The Turre´s Band, Batucada Percusión Latexo, Charanga Anchoa, Charanga Fanfarria Furruxa e a Charanga Vai de Baile animarán as rúas do Porriño acompañados polos xigantes e cabezudos.

Pola mañá, celebrarase un showcooking en colaboración con AHOSPOR na praza de abastos.

Xa pola tarde, 16h, disputarase o 78º Xogo da Ola, amenizado pola Fanfarria Furruxa, e ás 18h o I Desfile Conxunto de Comparsas de Entroido.

O domingo 27 de febreiro, ás 17h festa infantil na praza do concello e inchables na Praza do Cristo, Avda. de Galicia e O Pinar.

O luns 28 terá lugar un obradoiro para nenas e nenos impartido pola Asociación O Porriño Arte, de 10 a 13h; e o martes 1 desfile de comparsa de Entroido.

O broche de ouro, como non podía doutra maneira, será o mércores 2 cando terá lugar o Enterro da Sardiña co seu tradicional veloiro e lectura de testamento.

 

 

 

 

 

 

O Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido

Os veciños e veciñas do Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido. Será o sábado, 26 de febreiro, cando se celebre o I Desfile Conxunto de Entroido entre ambos concellos no que participarán 16 comparsas, 8 de cada municipio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe  a que será a segunda actividade conxunta entre os dous Concellos.

“Un evento que non é o primeiro, nin será o último que fagamos xuntos”, indicou Lorenzo, “Para min é un pracer e un orgullo que dous pobos limítrofes, irmáns e que facemos vida común no noso día a día, disfrutemos de novo dun acto conxunto”. O alcalde animou á veciñanza a participar deste desfile que “se desenvolverá cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitarias” e animou ”a todos os/as porriñeses/as e a todos os/as mosenses a disfrutar desta xornada de festa e reencontros”.

No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, quen destacou que se trata de dous concellos “que conviven no comercial, no ocio, no cultural…. e que estamos obrigados a entendernos”. Arévalo quixo poñer en valor o entendemento e a boa disposición que supón colaborar en actividades que son o eixo da actividade cultural de ambos municipios e “moitas veces coinciden o mesmo día á mesma hora, algo que non se entende. Estou segura de que os cidadáns de Mos e do Porriño están aplaudindo de poder disfrutar xuntos deste Entroido”.

Os representantes municipais agradeceron o labor indispensable que realiza a Policía Local e os voluntarios/as de Protección Civil dos dous concellos, sen os que sería imposible organizar este evento.

Indicaron ademais que cada concello mantén a súa programación habitual, a maiores do desfile conxunto do sábado.

O Porriño aproba a maior aportación municipal da súa historia para a contratación de persoal

  • O pleno aprobou inicialmente reservar preto de 225.000 euros para contratar a 43 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos
  • A sesión abriuse coa renuncia da concelleira Blanca Francés 

 

O pleno da corporación local aprobou hoxe, cos votos a favor do Goberno Local e EU SON do Porriño e a abstención do resto dos grupos, a maior aportación municipal da súa historia para a contratación de persoal.

O custe do programa laboral deseñado polo executivo para a contratación de 43 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos roza o medio millón de euros: 450.489 euros, dos cales 226.489 corresponden á solicitude aprobada xa polo ente provincial. Os 224.061 restantes corren a cargo do Concello, que hoxe aprobou de maneira inicial a modificación orzamentaria precisa para dispoñer dese crédito. 

Estas traballadoras e traballadores integraranse nos diferentes servizos e departamentos municipais:

 

  • Obras:  dous oficiais de primeira  carpinteiro, un oficial de primeira soldador, tres oficiais de primeira albaneis, sete peóns de obra pública, dous oficiais de primeira electricista, un oficial de primeira fontaneiro e un oficial de primeira tractorista/conductor de grúa.
  • Parques e Xardíns:  doce peóns forestais.
  • Unidade Asistencial a Drogodependentes: un auxiliar de enfermería.
  • Servizos Sociais: un auxiliar administrativo.
  • Cultura: dous auxiliares administrativos.
  • Turismo: un titulado na diplomatura ou grao de Turismo.
  • Novas Tecnoloxías: un técnico en informática.
  • Emprego e formación: dous orientadores laborais.
  • Deportes, Mercados e Cultura: seis conserxes.