O Concello do Porriño informa dos cortes de tráfico no casco urbano con motivo das Festas do Cristo

O Concello do Porriño informa á veciñanza e visitantes que, con motivo da celebración da fin de semana grande das Festas do Cristo 2025, levarase a cabo o corte de tráfico rodado en distintos puntos da vila co obxectivo de garantir a seguridade viaria e facilitar o desenvolvemento dos actos festivos previstos.

O sábado 27, domingo 28 e luns 29 de setembro cortarase a partir das 12.00 horas a circulación dende a rotonda que une a Avenida de Galicia e Domingo Bueno ata a intersección con rúa Fernández Areal.

Por outra banda, o sábado e domingo, procederase tamén a cortar o tráfico na Praza Central dende as 14.00 horas.

Ademais, o aparcadoiro da rúa Progreso permanecerá pechado dende as 08.00 horas deste xoves, 25 de setembro, ata o vindeiro martes, 1 de outubro.

Durante estes períodos habilitaranse desvíos alternativos, debidamente sinalizados, e manterase a colaboración da Policía Local e Protección Civil para garantir a fluidez do tráfico e a seguridade das persoas.

Desde o Concello do Porriño agradecemos a comprensión da cidadanía ante as posibles molestias que poidan derivarse destes cortes e restricións de tráfico.

A conta de facturas pendentes de pago do Concello do Porriño queda a cero

  • A cifra acadouse tras recibir as últimas sentenzas firmes que desestimaron as reclamacións de empresas que facturaron de xeito irregular
  • A débeda era de case 5,5 millóns de euros cando o alcalde Alejandro Lorenzo accedeu ao goberno a finais do ano 2021 e grazas ao traballo de depuración contable, control económico e defensa xurídica, hoxe lógrase un fito histórico

O Porriño, 22 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño acadou un fito histórico: xa hai rexistro de  ningunha factura pendente de pago, o que significa que a coñecida conta 413, aquela que recolle todas as obrigas derivadas de gastos realizados fóra do orzamento, vén de quedar a cero por primeira vez na historia deste Concello, trala xestión eficiente e eficaz do actual goberno municipal encabezado polo alcalde Alejandro Lorenzo. “Este logro confírmase ao recibir as últimas sentenzas firmes que dan, unha vez máis, a razón ao Concello e ao noso labor fiscalizador tanto cando estabamos na oposición como agora”, explica o rexedor. “Moitas destas facturas foran conformadas polo anterior goberno e previstas para o seu pagamento, pero presentaban servizos reiterados sen contrato ningún. As empresas reclamaron xudicialmente o cobro e agora os tribunais rexeitaron as súas pretensión, determinando a súa devolución e avalando así a actuación do actual executivo municipal”.

As principais actuacións levadas a cabo por este goberno municipal centrouse na depuración contable, o control económico e a defensa xurídica. “Foi un traballo arduo, con revisión de cada unha das facturas, anulando aquelas irregulares, duplicadas ou sen contrato; devolvéronse máis de 2 millóns de euros en facturas que non se correspondían cos prezos de mercado ou carecían de validez e que, pola contra, o anterior goberno tiña conformadas xa para o seu pago; e obtivéronse múltiples sentenzas firmes favorables, incluíndo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo, que evitaron pagos indebidos por importe de 853.648,86 euros”. Neste sentido, os distintos procedementos xudiciais amosaron un patrón común: facturas emitidas sen contrato válido, ausencia de documentación acreditativa e mesmo servizos facturados que nunca chegaron a prestarse.

A prioridade foi poñer fin ás prácticas de contratación irregular que, durante anos, provocaran a acumulación de facturas pendentes de pago por un importe de case 5,5 millóns de euros, que foi co que se atopou o actual goberno cando accedeu en decembro de 2021. Así, dende entón e ata o día de hoxe levouse a cabo un proceso de regularización e control da contratación administrativa que supuxo unha profunda transformación na xestión económico-financeira, reforzando a legalidade, a transparencia e o bo uso dos recursos públicos. A evolución da conta 413 amosa con claridade a gravidade do problema: a cifra máis baixa rexistrouse a finais do ano 2015, cando o saldo era de tan só 33.623,77 euros, e a partir de aí foi crecendo ata o seu máximo histórico en 2021 con 5.496.979,19 euros. Xa logo dun ano de goberno de Alejandro Lorenzo a cifra descendeu a 3,1 millóns, en 2023 baixou drasticamente a 283.453,35 euros, o pasado ano quedou en 33.680,97 euros e finalmente, nos últimos meses acadouse o obxectivo marcado deixando a conta cun saldo de 0 euros.

A única débeda vixente do Concello do Porriño é a correspondente ao préstamo estatal, de case tres millóns de euros, destinado ao pago de facturas herdadas, sen contrato e anteriores a 2022, “un préstamo establecido de xeito obrigatorio polo Ministerio de Hacienda para o pago a proveedores”.

Máxima transparencia

O Concello do Porriño garante a máxima transparencia na súa xestión económica e contractual. Ademais de na páxina web de Contratos Públicos de Galicia, “todo o que se contrata publícase de maneira íntegra e actualizada na plataforma de contratación, accesible dende o portal transparencia municipal, a través da sede electrónica do Concello (oporrino.sedelectronica.gal/transparency), para que calquera cidadán poida consultar a información en tempo real”, explica ao alcalde á vez que puntualiza en que “isto ata o ano 2022 era inviable, xa que a maioría dos servizos ou obras carecían de contrato algún. Co novo modelo implantando, asegúrase o control público dos recursos, refórzase a confianza veciñal e cúmprese cos principios de publicidade, igualdade e legalidade na contratación administrativa”.

O Porriño convértese na capital galega do running nunha xornada festiva, deportiva e solidaria

  • A vila acolle hoxe, Día Mundial do Alzhéimer, a CAE Interrunning, o festival de música urbana SummerSon Jam, a foodtruck de “Galicia Sabe Amar” e o espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”

O Porriño, 21 de setembro de 2025.-  O Porriño viviu esta mañá unha auténtica festa do deporte coa celebración da CAE Interrunning, que reuniu a 2.000 participantes de todas as idades nas rúas do centro urbano. A proba, que combinou a XIV Interrunning e a III Carreira de Empresas de Galicia, reafirmouse como unha cita imprescindible no calendario deportivo galego, cun forte compoñente solidario en apoio á Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga, coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, motivo polo cal tamén a casa do Concello alumearase este serán de cor verde.

A competición comezou coa tradicional Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, seguida das carreiras de 5K e 10K, que deixaron grandes momentos de emoción e esforzo. Os gañadores desta edición foron:

  • 5K masculino: Anxo Otero Amoedo
  • 5K feminino: Julia Vaquero Sousa 
  • 10K masculino: Alejandro Fernández Rivera 
  • 10K feminino: Uxía Pérez Bugarín

Tamén houbo espazo para os máis pequenos, cos tradicionais percorridos Pitufos e Chupetes, nos que participou unha ampla representación infantil nun ambiente festivo e familiar. 

O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a  estas tres entidades sen ánimo de lucro. A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia. Aproveito para agradecer á organización e a todos e todas as voluntarias polo seu traballo incansable para que isto fora posible, aos participantes e a todas as persoas que se achegaron hoxe ao Porriño”.

Trala entrega de premios, celebrouse a “after run party”, aberta a todo o público, cunha combinación de música, sorteos, regalos e gastronomía, grazas á presenza da foodtruck de “Galicia Sabe Amar”, que ofreceu degustacións de peixe e marisco galego durante toda a mañá.

A actividade non remata aquí. A programación continúa ao longo do día con propostas para todos os públicos. O festival de cultura urbana SummerSon Jam ofreceu esta mañá un workshop de hip hop impartido pola recoñecida bailarina francesa Lindsay Badnes e a competición de beginners e pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar a batalla de baile da categoría advanced.  Namentres, as 19.30 horas, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. E o concerto de Law, enmarcado na SummerSon Jam, ás 20.30 horas poñerá o broche de ouro á xornada e a esta fin de semana festiva, antesala, da semana grande das Festas do Cristo.

Dúas mil persoas tomarán o domingo as rúas do Porriño para participar da CAE Interrunning

  • A proba coincide coa conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer e con tal motivo iluminarase a casa do Concello de cor verde
  • O SummerSon Jam, a foodtruck de “Galicia Sabe Amar” e un espectáculo de marionetas completan a programación festiva da xornada dominical
  • Mañá sábado celébrase a Festa do Peregrino e do Turista e o Torneo Resmine-Atios Cup 2025

O Porriño, 19 de setembro de 2025.-  Chega ao Porriño un ano máis a CAE Interrunning. Será o vindeiro domingo, cando unhas 2.000 persoas, de todas as idades, afeccionadas e profesionais, tomen as rúas do casco urbano para participar da que será a terceira edición da Carreira de Empresas de Galicia e a XIV Interrunning, que conta nesta ocasión ademais cunha tripla acción solidaria de apoio a Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga. Precisamente, o domingo 21 de setembro conmemórase o Día Mundial do Alzhéimer que promoven e poñen en valor as accións levadas a cabo por asociacións como Afaga, destinada a mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias, e con tal motivo, a partir do serán, iluminarase de verde a casa consistorial.

“Esta fin de semana, O Porriño énchese de vida cunha programación cultural e deportiva pensada para todos os públicos e que serve de antesala perfecta á fin de semana grande das Festas do Cristo. Festa do Peregrino, Carreira de Empresas, Interrunning, SummerSon Jam, foodtruck Galicia Sabe Amar, espectáculo de marionetas… convidamos a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar desta fin de semana, que comeza xa esta mesma tarde coa Festa Flamenca, continúa con concertó de Noemí e a Noite Aberta, chea de cultura, deporte, solidariedade e tradición, que nos prepara para vivir con máis forza as festas que están por chegar”, explica Alejandro Lorenzo.

A xornada do domingo arrancará ás 09.30 horas coa Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo, no que tampouco faltará a boa gastronomía, cunha nova visita ao Porriño da foodtruck de “Galicia Sabe Amar”, que estará instalada e ofrecendo petiscos de peixe e marisco galegos, en horario de 09.30 a 14.00.

De xeito paralelo, celebrarase o festival de música urbana e batallas de baile SummerSon Jam, no Parque Infantil, que comezará ás 10.00 horas, cun workshop de hip hop impartido pola francesa Lindsay Badnes. De 12.00 a 14.00 horas será a competición de beginners e a partir das 16.00 horas será a quenda da categoría advanced. A música da xornada virá da man de DJ Walid e o broche de ouro dunha xornada épica de baile urbano porao Law, cun concerto ás 20.30 horas.

Por outra banda, enmarcado tamén nas Festas do Cristo, a compañía Pelele presentará o seu espectáculo de marionetas “A morte de don Cristóbal”. Será o domingo ás 19.30 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Antes de todo isto, O Porriño acolle mañá sábado, a partir das 16.00 horas, a Festa do Peregrino e do Turista. Haberá un photocall situado a pé de rúa no que os visitantes poderán selar a súa credencial de peregrino; organízanse dúas visitas guiadas, unha “Camiñando polo Porriño”, de 16.00 a 17.00 horas, a través da cal se percorrerán espazos emblemáticos da vila, achegando historia, arquitectura e urbanismo local, e outra “O Porriño con ollos de peregrino”, de 17.00 a 19.00 horas, combinada cun obradoiro de pintado de cunchas. A xornada estará amenizada con música a cargo de artistas locais e como peche, ás 19.00 horas, concerto do grupo de pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas.

Tamén mañá o campo municipal do Carballo acollerá a última xornada do Torneo Resmine-Atios Cup 2025. Logo de disputarse as categorías alevín e prebenxamíns é a quenda agora dos benxamíns, coa que se pon fin a esta competición.

 

 

O Concello do Porriño recibe unha subvención de máis de 52.000 euros para impartir un novo curso de Atención Sociosanitaria

  • Máis do 30% do alumnado participante na edición anterior conseguiu un emprego trala realización das prácticas profesionais en centros de día e residencias
  • Trátase dunha nova acción formativa, subvencionada pola Xunta de Galicia, dirixida a persoas desempregadas, a cal xa poden demandar a participación nela a través Oficia de Emprego

Porriño, 18 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño vén de recibir unha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia por un importe de 52.332,75 euros para organizar un novo curso AFD (accións formativas para persoas desempregadas) co obxectivo de mellorar a cualificación profesional da veciñanza e facilitar así a súa inserción no mercado laboral.

O Concello do Porriño volverá a centrar a formación na especialidade de Atención Sociosanitaria a persoas Dependentes en Institucións Sociais, que acredita a capacitación profesional para traballar neste sector, un dos que máis demanda rexistra na actualidade. É que das 15 persoas participantes na última edición, que vén de clausurarse fai unhas semanas, máis dunha terceira parte conseguiu un posto de traballo ao remate das prácticas profesionais en distintos centros de día e residencias da contorna, capacitándose para traballar como coidadora nestas entidades, xerocultor ou profesional de apoio en centros de atención a persoas con discapacidade.

“Traballamos cada día para ofrecer oportunidades reais á nosa veciñanza e este curso é unha mostra do noso compromiso coas políticas activas de emprego, ofrecendo á veciñanza oportunidades de formación gratuíta, homologada e, o que é máis importante, cun futuro laboral real. Esta subvención permitiranos organizar unha nova acción formativa que non só mellorará a formación das persoas desempregadas, senón que tamén lles abren portas ao mercado laboral máis próximo”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo.

As persoas interesadas poden demandar a súa participación nesta nova acción formativa, facendo a súa solicitude na Oficina de Emprego.

Balance positivo das políticas municipais de emprego e formación

A concesión desta nova subvención súmase aos bos resultados que están a dar os programas municipais de emprego e formación no Porriño. Durante este ano, o Concello ten impulsado diversas iniciativas cunha inversión total superior a 1,2 millóns de euros, financiada en gran parte pola Xunta de Galicia.

En total, 150 persoas participaron nestes programas e xa se acadou unha media de inserción laboral superior ao 50%, destacando casos como o Programa Integrado de Emprego (PIE), que á espera aínda de rematar nos vindeiros días, xa alcanzou un 70%, superando amplamente os obxectivos marcados.

Tamén se desenvolveu con éxito o obradoiro dual de emprego “O Porriño Humaniza”, cunha vintena de persoas formadas e remuneradas durante nove meses. E continúa ata o vindeiro mes programa xuvenil “O Noso Encontro co Emprego”, dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos nas especialidades de albanelería e carpintería, que inclúe tamén actuacións de mellora en infraestruturas municipais.

O Concello do Porriño destaca a importancia de formar á cidadanía nos sectores con maior demanda laboral e de fomentar un modelo baseado na formación adaptada, a orientación individualizada e a colaboración coas empresas locais.

O Porriño prepárase para a gran batalla de baile coa SummerSon Jam

  • O Parque Infantil acollerá este festival o vindeiro domingo, 21 de setembro, a partir das 10.00 horas, con competición de diferentes estilos e niveis, workshop e un concerto de Law
  • Estréase unha nova categoría de hip hop e repartiranse máis de 2.600 euros en premios

O Porriño, 18 de setembro de 2025.- Volve a SummerSon Jam ao Porriño con máis enerxía ca nunca, unha nova categoría e máis premios. A recentemente renovada zona de lecer do Parque Infantil do Porriño converterase por un día nun escenario de baile urbano coa celebración da SummerSon Jam 2025. Será o vindeiro domingo, 21 de setembro, ao longo de toda a xornada, cando se leven a cabo batallas de bailes de diferentes estilos e niveis con participación en parellas nas categorías de beginners, para quen comeza e quere deixar xa pegada, e de advanced, de alto nivel. As inscricións continuarán abertas ata o propio día do evento, a través do correo electrónico info@maisonmusicaedanza.es ou do número de teléfono 600 304 056. A día de hoxe xa son numerosas as persoas inscritas, chegadas de toda Galicia e incluso do Perú. Pero ademais nesta edición, como novidade, engádese unha nova categoría, a de advanced hip hop, un auténtico cara a cara definitivo.

“A SummerSon Jam volve as súas orixes, ao Parque Infantil, agora totalmente renovado, cunha zona de  baile que estará lista para as batallas, céspede, espazos de sombra e área de picnic e descanso. Un evento cun programa cheo de música e moito espectáculo para o público asistente”, explicaba o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto presentación do festival, organizado por Maison Música e Danza en colaboración co Concello do Porriño e enmarcado, un ano máis, na programación das Festas do Cristo. Con todo, no caso de choiva o evento trasladarase ao polideportivo municipal.

A competición de beginners será en horario de mañá, comezando ás 12.00 e ata ás 14.00 horas, e pola tarde, a partir das 16.00 horas será a quenda do alto nivel. Entre as diferentes categorías repartiranse máis de 2.600 euros en premios. A música da xornada virá da man de DJ Walid, residente da crew Street Life e dj de múltiples artistas, cunha carreira sólida en batallas de freestyle, e o broche de ouro do festival porao, ás 20.30 horas, un concerto de Law.

A maiores das competicións, a xornada abrirase, ás 10.00 horas, cun workshop de hip hop impartido pola francesa Lindsay Badness, bailarina con 16 anos de traxectoria no underground, experiencia en batallas lexendarias como Just Standing e Summer Dance Forever e formación internacional e visión única do baile urbano. A Lindsay Badness acompañarana no xurado Rick Indigo, Sara Herrera e un cuarto membro, exclusivo para a categoría beginners, BBoy Vlady, chegado dende Rusia.

 

 

 

O Porriño difunde unha historia de compromiso real coa sociedade

  • O libro “Ramón González e Corona González Santos: Un matrimonio de filántropos”, de Celia Castro, presentouse hoxe no Concello porriñés como un vínculo profundo entre dúas vilas irmáns: O Porriño e Ribadeo
  • A obra homenaxea a estas dúas figuras xenerosas con ambos pobos, que contribuíron ao seu desenvolvemento, deixando neles un gran legado

O Porriño, 17 de setembro de 2025.- Ramón González e Corona González Santos: un matrimonio de filántropos”, é o título da obra que afonda na vida e legado de dúas figuras clave na historia recente do Porriño e de Ribadeo e que foi presentado hoxe na casa consistorial porriñesa. Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “non só presentamos un libro, senón que reivindicamos unha historia compartida, un vínculo profundo entre dúas vilas que xa son irmás. Ramón e Corona nunca buscaron protagonismo, pero hoxe, con este libro, devolvémoslles a visibilidade que merecen”. Pola súa banda, o seu homólogo ribadense, Daniel Vega subliñou a importancia de seguir fortalecendo os lazos institucionais e culturais que unen ambos concellos, promovendo actuacións para homenaxear a figuras como don Ramón e dona Corona que foron clave para o desenvolvemento das nosas vilas, destacando  o seu labor altruísta.

A obra, escrita por Celia Castro, recupera a memoria de Ramón González e da súa esposa, Corona González Santos, un matrimonio que destacou polo seu compromiso social e a súa xenerosidade tanto co pobo do Porriño como co de Ribadeo. A autora, que contou como se coñeceron, “na estación de tren do Porriño dun xeito fortuíto, foi un frechazo e casaron os poucos meses”, agradeceu a acollida e puxo en valor a importancia de conservar e transmitir exemplos de filantropía coma o de don Ramón e dona Corona. A escritora, que coñeceu persoalmente a dona Corona, lembrou que “ambos axudaron na época de fame, aos damnificados da gripe do 18, ás viúvas de náufragos… todo isto a maiores dos feitos materiais, de financiación para a construción de edificios, como este no que nos atopamos, deseñado polo seu amigo Antonio Palacios”.

Alejandro Lorenzo incidiu na gran pegada que deixou Ramón González e tamén a súa dona Corona, unha muller xenerosa e discreta. “A súa historia non é só memoria, é tamén exemplo, exemplo de filantropía verdadeira, de compromiso social, de amor ás raíces, de traballo polo ben común. O seu legado segue presente nas numerosas familias que axudaron, nas institucións que impulsaron e nas obras que hoxe forman parte do noso patrimonio”.

O evento contou tamén coa presenza de representantes da familia Fontán Domínguez, descendentes do matrimonio homenaxeado, así como doutras autoridades locais e veciñanza, que quixeron participar desta emotiva xornada de memoria e cultura.

Este libro é unha ponte entre o pasado e o presente. Por iso, dende o Concello, “celebramos con orgullo esta publicación e reafirmamos o noso desexo de seguir fortalecendo os lazos con Ribadeo, enaltecendo a figura deste matrimonio de filántropos, nun irmandamento que non é só simbólico, senón cheo de contido e de afectos reais”, concluía Lorenzo.

 

 

Música e compras nunha “Noite aberta” no Porriño

  • O Concello celebra o vindeiro venres, 19 de setembro, a primeira edición desta iniciativa na que 37 establecementos comerciais do centro da vila estarán abertos ata a medianoite
  • A festa flamenca e o concerto de Noemí amenizarán a xornada na que as compras darán a opción de premio, sorteándose tres carros da compra valorados en 100 euros

O Porriño, 16 de setembro de 2025.-  Concello do Porriño presenta a primeira edición da “Noite Aberta”, unha proposta novidosa que se celebrará o vindeiro venres 19 de setembro e coa que se pretende dinamizar a vida comercial e cultural da vila cunha noite chea de actividade, música e promocións especiais.

Dende as 21.00 horas e ata a medianoite, un total de 37 comercios locais, que abranguen dende o sector téxtil, calzado, deporte, xoiería, decoración e tamén alimentación manterán abertas as súas portas, ofrecendo coma sempre atención personalizada, os mellores prezos e sorpresas para as persoas que se acheguen a facer as súas compras.

A programación, enmarcada na Festas do Cristo 2025, arrancará xa ás 18.30 horas cunha festa flamenca na Praza Arquitecto Antonio Palacios e continuará co concerto de Noemí ás 21.00 horas no Parque do Cristo, coincidindo coa apertura nocturna dos establecementos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor esta primeira edición como un claro exemplo de colaboración entre administración e sector comercial. “A ‘Noite Aberta’ é unha oportunidade para redescubrir e apoiar o noso comercio local, que é diverso, de calidade e esencial para a vida do Porriño. Esta iniciativa nace do diálogo co sector e do compromiso do Concello por seguir impulsando a actividade económica e social da vila”, afirmou durante o acto de presentación desta iniciativa, no que estiveron as concelleiras de Comercio, Rosa Isabel Alonso, e Mercado, Antía Carrera e unha representacións dos comercios que abrirán as súas portas o vindeiro venres á noite. “O feito de que participen 37 establecementos de diferentes sectores é unha mostra clara da vitalidade e da unión do noso tecido comercial”, engadiu.

Sorteo de premios

As persoas que fagan compras durante a “Noite Aberta” poderán participar no sorteo de tres carros da compra valorados en 100 euros cada un. Para iso, deberán mercar en catro comercios participantes diferentes, cubrir un cupón cos seus datos e depositalo nalgún dos establecementos adheridos. O sorteo terá lugar o último día das Festas do Cristo, coincidindo tamén coa Festa dos Callos, o domingo 5 de outubro, ás 12.00 horas, no salón de plenos do Concello.

Esta iniciativa supón un novo apoio ao comercio de proximidade, un novo paso no camiño para facer do Porriño un referente comercial e cultural na comarca.

O Porriño pon en valor o seu lugar no Camiño de Santiago

  • O Concello celebra este sábado, 20 de setembro, a Festa do Peregrino e do Turista con visitas guiadas, obradoiro de cunchas, photocall e moita música
  • Deséñanse un mapa do Porriño para entregar aos establecementos de hospedaxe, para que estes á súa vez poidan entregar aos peregrinos, xunto cun código QR dispoñible tamén en todos os comercios con acceso á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello

O Porriño, 16 de setembro de 2025.- “O Porriño: Camiño e destino” é a xornada festiva que ten preparada o Concello porriñés para o vindeiro sábado, 20 de setembro. A Festa do Peregrino e do Turista celebrarase ao longo de toda a tarde, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o papel turístico, cultural e peregrino do municipio. A programación abrangue diversas actividades, dende visitas guiadas, a un obradoiro de cunchas, moita música e un punto de información turística e selado de credenciais.

“O paso da ruta xacobea pola nosa vila é un auténtico privilexio e unha grande oportunidade. Cada ano, milleiros de persoas de todo o mundo atravesan O Porriño facendo o Camiño de Santiago e iso convírtenos nun punto de encontro de culturas, idiomas e emocións. Para nós, o Camiño non é só unha ruta, senón unha parte esencial da nosa identidade e do noso dinamismo económico, social e cultural. Por iso dende o Concello traballamos para acoller aos peregrinos coa hospitalidade que nos caracteriza, ofrecéndolles un espazo acolledor e cheo de vida. Esta festa, enmarcada á súa vez nas Festas do Cristo, é unha homenaxe a eles e tamén unha oportunidade para que os porriñeses e porriñesas sintamos orgullo do noso papel no Camiño de Santiago”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación desta festa.

Así, o Concello do Porriño convida ademais de a peregrinos e turistas, a toda a veciñanza a participar desta xornada festiva. Haberá un photocall situado a pé de rúa no que os visitantes poderán selar a súa credencial de peregrino; organízanse dúas visitas guiadas, unha “Camiñando polo Porriño”, de 16.00 a 17.00 horas, a través da cal se percorrerán espazos emblemáticos da vila, achegando historia, arquitectura e urbanismo local, e outra “O Porriño con ollos de peregrino”, de 17.00 a 19.00 horas, combinada cun obradoiro de pintado de cunchas, que busca que quen pase por aquí descubra a dimensión espiritual, simbólica e cultural do Camiño. A xornada estará amenizada con música a cargo de artistas locais e como peche, sobre as 19.00 horas, concerto do grupo de pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas.

“Con todas estas iniciativas, O Porriño quere consolidarse non só como punto de paso, senón tamén como destino por dereito propio, capaz de mostrar as súas paisaxes, o seu patrimonio, a súa cultura viva e a súa hospitalidade”, sinalou a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.

Comercio e hostalería

De xeito paralelo, faise entrega aos establecementos de hostalería de novos mapas do Porriño, para que os distribúan entre quen se hospede, “pois eles son chave na acollida, orientación e información ao peregrino e ao visitante”.

Tamén se presenta un código QR que será facilitado a todo o comercio e hostalería da vila para que os visitantes teñan acceso dixital inmediato á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello.

Dende o Concello do Porriño subliñan a importancia crecente do Camiño de Santiago para o municipio. Segundo datos da Oficina do Peregrino de Santiago, no ano 2024 expedíronse 95.427 compostelas do Camiño Portugués, unha cifra superior á doutros exercicios e que este ano xa conta con 78.038, un incremento do 5% que confirma que o Camiño está máis vivo ca nunca. Este auxe reforza o compromiso do Porriño para estar á altura de quen percorre o Camiño, ofrecendo servizos, orientación, infraestrutura informativa e unha experiencia de calidade.

 

 

O Concello do Porriño inicia o acondicionamento do primeiro parque para animais no municipio

  • A parcela, de máis de 1.600 metros cadrados, situada na avenida de Galicia, contará cunha zona verde aberta ao público e outra exclusiva para animais, con mobiliario urbano, árbores e fonte

O Porriño, 15 de setembro de 2025.- O Concello do Porriño está a realizar os traballos de acondicionamento do que será o primeiro parque para animais do municipio situado na Avenida de Galicia, unha localización privilexiada no centro da vila. Trátase dunha parcela de 1.614 metros cadrados, que será transformada nun espazo moderno, funcional e pensado tanto para o desfrute da cidadanía como dos animais de compañía.

“Queremos crear espazos que respondan ás demandas da nosa xente. Este parque é un paso máis cara a un Porriño máis verde, máis amable e máis inclusivo, tamén cos porriñeses de catro patas”, sinalou o alcalde durante unha visita ao parque acompañado do concelleiro Marcos Martínez.

O deseño do novo espazo contempla dúas áreas diferenciadas, por unha parte, a máis próxima á avenida principal, unha zona verde aberta ao público, con árbores, bancos, papeleiras e mobiliario urbano, que ofrecerá un lugar de descanso e encontro para a veciñanza e outra área anexa valada e pechada perimetralmente, destinada de xeito exclusivo ao lecer dos cans, gatos e demais animais onde poderán correr e xogar nunha contorna segura e controlada. Ademais, o parque contará cunha fonte de auga adaptada tanto para persoas como para animais, favorecendo así o benestar e a comodidade de todos os usuarios. Neste sentido, “faise un chamamento de concienciación e responsabilidade cidadá para que se recollan os excrementos dos animais e se utilicen botellas con desinfectante, co fin de manter o municipio limpo e agradable para todos”, puntualiza o concelleiro.

Esta actuación enmárcase na liña de traballo do goberno local na súa aposta polo acondicionamento de espazos e a súa adaptación ás novas necesidades da veciñanza, facendo especial fincapé nas persoas que conviven con animais no centro urbano.

O Concello prevé que esta nova área de recreo estea operativa o vindeiro mes e continúa traballando en novas actuacións para mellorar a calidade de vida no municipio.