Os tres grupos municipais do Porriño acordan por consenso adicar unha rúa a Dora Carrera

O Porriño, 18 de abril de 2026. Os tres grupos con representación municipal no Concello do Porriño —BNG, PSdeG PSOE e PP— acordan por consenso incluir na orde do día do vindeiro pleno ordinario a concesión dunha rúa a Adoración Carrera Rodríguez, máis coñecida como Dora Carrera. A proposta busca renomear a actual rúa Correos, lugar onde residiu ata o seu falecemento o pasado 5 de abril. A proposta presentarase e debatirase o vindeiro luns, 27 de abril, en sesión plenaria logo de chegar xa a ese consenso unánime en comisión informativa.

Este consenso unánime das forzas políticas reflicte a importancia dun legado que transcende siglas e que converte a Dora nun referente eterno de solidariedade e compromiso social en Galicia.

Dora Carrera foi unha das nais fundadoras da Asociación Érguete. No seu legado está a loita contra a droga e o narcotráfico, xunto un árduo traballo na desestigmatización dos drogodependentes.

A labor desta muller porriñesa foi clave na creación dun movemento asociativo pioneiro en Galicia, baseado no apoio ás familias e na reinserción social. Ademáis ese grupo de nais loitadoras contra a droga, tamén tivo un papel importante na xeración do feminismo galego.

A día de hoxe, a Asociación Érguete segue a traballar para xerar oportunidades e prestar servizos a persoas e familiares afectados por conductas adictivas, disruptivas ou de risco, impulsando a súa inclusión e fomentando hábitos de vida saudables, tendo sempre en conta a perspectiva de xénero.

Ademais Dora era unha persoa moi querida no municipio. O seu recente falecemento conmoveu profundamente a toda a veciñanza do Porriño, que lembra nela non só a unha loitadora incansable, senón a unha muller de gran calidade humana que adicou a súa vida a ofrecer unha segunda oportunidade a quen máis o precisaba. Comezou co seu fillo, Esteban, pero logo foron os fillos de toda unha xeración.

A súa testemuña foi buscada nas últimas décadas por diferentes medios de comunicación de ámbito local, nacional e incluso internacional. Tamén o seu pasamento foi noticia lutuosa en xornais de todo o país, o que pon de manifesto que a súa figura foi fundamental no só no Porriño senón en toda Galicia e máis aló das nosas fronteiras.

Con este nomeamento, O Porriño non só rende tributo a unha veciña senlleira, senón que asegura que o exemplo de entrega e coraxe de Dora Carrera, permaneza vivo no corazón da vila e institucionaliza o agarimo de toda a veciñanza.

O Concello do Porriño impulsa a capacitación dixital da veciñanza con novos cursos gratuítos do programa YoConecto

  • A iniciativa, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, ofrece formación práctica en internet, banca dixital e seguridade en liña, con especial atención ás persoas maiores

O Porriño, 16 de abril de 2026.– O Concello do Porriño continúa a apostar pola inclusión dixital e a formación tecnolóxica da súa veciñanza coa posta en marcha dunha nova edición do programa “YoConecto”, unha iniciativa que ofrece cursos presenciais gratuítos orientados a mellorar as competencias dixitais da cidadanía.

O primeiro, titulado “O teu currículo dixital”, celebrarase do 11 ao 14 de maio en horario de 10.00 a 13.00 horas, e permitirá ás persoas participantes mellorar as súas habilidades para a busca de emprego no ámbito dixital. O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de abril.

O segundo curso, “A túa banca dixital. Compras seguras en liña”, terá lugar do 18 ao 21 de maio, tamén en horario de 10.00 a 13.00 horas, e está especialmente dirixido a persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de fomentar un uso seguro e autónomo dos servizos financeiros dixitais. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de abril.

O programa abrangue diferentes ámbitos clave do uso das novas tecnoloxías, como a iniciación ao acceso e xestión da administración electrónica e a banca dixital a través de internet, así como o uso de aplicacións de videoconferencias e redes sociais. Ademais, inclúe formación específica en internet seguro, centrada na privacidade, a protección de datos e a seguridade dixital, así como no benestar dixital e no uso responsable da rede. Tamén se abordarán aplicacións orientadas á saúde e ao lecer.

Baixo o lema “Conecta co teu mundo dixital”, esta proposta formativa permitirá ás persoas participantes descubrir como a tecnoloxía pode contribuír a mellorar a súa vida cotiá, a través de contidos prácticos adaptados a todos os niveis e con certificación final.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico administracion@porremprego.org ou no teléfono 986 338 217.

Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e enmárcase nos esforzos do Concello do Porriño por reducir a fenda dixital e garantir que toda a cidadanía, independentemente da súa idade ou  nivel de coñecementos, poida acceder ás oportunidades que ofrece o entorno dixital.

O Concello do Porriño logra esterilizar 200 gatos no último ano

  • Houbo en total 237 asistencias médicas nas 70 colonias felinas controladas
  • Ponse en marcha unha campaña de concienciación sobre cómo actuar en caso de atopar un gato só na rúa

O Porriño, 17 de abril de 2026. O Concello do Porriño segue co seu traballo para controlar as colonias felinas do municipio. Para iso, esterilizáronse no último ano case

200    gatos en 70 colonias controladas no municipio. Un traballo que se leva a cabo dende a concellería de Medio Ambiente en cumprimento do protocolo municipal.

Así, explica José Carlos González, dende esta área, ademais deste traballo de esterilización estase a facer unha especial vixilancia, xa que as colonias deben estar debidamente coidadas e protexidas “porque que un control axeitado permite garantir o benestar animal e que os gatos enfermen menos”.

Protocolo

Neste contexto, dende o consistorio vense de lanzar unha campaña informativa para concienciar á veciñanza sobre como actuar correctamente ante o achado dun gato só na vía pública, incidindo especialmente en que se o animal presenta un bo estado de saúde e parece estar ben alimentado non debe ser retirado da zona sen antes consultar cos veciños se pertence a algunha das colonias controladas do municipio

No caso de atopar un exemplar que estea malferido ou en situación de risco vital o protocolo establece que se debe chamar de inmediato ao servizo de emerxencias, neste caso á Policía Local, para que o animal sexa derivado ao veterinario concertado coa administración local garantindo así unha asistencia profesional rápida e regulada

Lembran que existen prohibicións estritas como a de introducir un gato descoñecido nun terreo con outros animais polo alto risco de contaxio de enfermidades que poderían poñer en perigo a toda unha colonia, ademais de subliñar que recoller un animal da rúa para quedalo de xeito permanente é unha práctica constitutiva de delito se non se seguen os pasos legais previos que inclúen a comprobación do chip a busca de propietarios a comunicación a protectoras ou veterinarios e o respecto escrupuloso do prazo legal de dez días de espera estipulado pola normativa vixente

Sinatura convenio con Gatitude

O Concello, ademais, da un paso máis na protección animal e na súa visibilidade coa sinatura dun convenio coa protectora Gatitude, unha das asociacións que colaboran no control e benestar animal no municipio, para a cesión dun local na segunda planta da praza de Abastos, que servirá como almacén loxístico para o seu material e os produtos que venden nos mercados solidarios (tote bags, cadros, bixutería de origami…).

Gatitude, nada como colectivo de voluntarias en 2020 e constituída formalmente como asociación hai uns meses, destacou na sinatura desde convenio o papel fundamental do Concello do Porriño no seu compromiso real co benestar animal. En concreto Silvia R. Taboada, destaca que o concello conte cunha partida orzamentaria de máis de 20.000 euros destinados a este fin. De feito o municipio leva anos traballando na esterilización e control das colonias de gatos.

Xunto con outras protectoras, Gatitude e concello do Porriño, están a organizar un evento solidario e artístico que se presentará en vindeiras datas. “Queremos seguir apostando de verdade polo benestar animal”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O Concello do Porriño leva a pleno a amortización dos préstamos para pago de facturas de gobernos anteriores

  • Esta operación posibilitará a presentación e aprobación de un novo orzamento municipal, xa elaborado
  • A proposta de modificación orzamentaria que se presenta ao Pleno inclúe tamén grandes proxectos e obras de melloras en todas as parroquias

 O Porriño, 16 de abril de 2026. O Concello do Porriño, logo de depurar todas as facturas irregulares deixadas polo anterior goberno municipal (5,4 millóns) e de pagar aquelas que estaban xustificadas pero quedaran “no caixón” a través dun crédito ICO (2,7 millóns), vén de convocar un pleno extraordinario para liquidar dita débeda. Deste xeito, a administración quedará libre de cargas e poderá presentar un novo orzamento que será aprobado “o antes posible”, segundo desvelou o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, en rolda de prensa.

“Liquidar esta débeda histórica permitirá aprobar o novo orzamento”, explica Alejandro Lorenzo, o alcalde do municipio, aclarando que o documento xa está elaborado e permitirá “xa sen a tutela do Goberno Central”, levar a cabo obras que serán fundamentais para todas as parroquias “sen subir taxas, e seguir sendo o concello cos impostos máis baixos de Galicia”.

Neste senso, o rexedor explica que se fixo unha importante depuración daquelas facturas que estaban sen pagar e que foran acumuladas polo anterior goberno municipal: “demostrando que había duplicidade de facturas, outras que non se correspondían co prezo de mercado nin se acreditou a verificación de que estivera realizada a obra. En total 5.4 millóns, dos que devolvemos máis de 2 millóns que non eran regulares e que o anterior goberno ía pagar”, explica Lorenzo, apoiado nun cadro onde se desgranan todas estas facturas logo de ser informadas pola intervención municipal: “Demostrouse que non había que pagalas e ningún provedor ao que se lle devolveu as facturas fixo ningún tipo de alegación”.

“A prioridade da xestión económica deste concello foi dende un inicio o saneamento integral das obrigas pendentes dos gastos irregulares dos exercicios anteriores, un volume de débeda adquirida que motivou a inclusión obrigatoria deste concello nos mecanismos extraordinarios de pago a provedores durante dous anos consecutivos, cos prestamos ICO en 2022 e 2023, unha decisión que respondeu a unha imposición legal e non a unha decisión electiva desta alcaldía”, prosigue Lorenzo, “ pero unha vez cumprida a folla de ruta planificada acadamos o obxectivo de reducir a 0 esa débeda o que permitirá un aforro directo en xuros pero sobretodo a aprobación de ese novo orzamento”.

O alcalde mostrou o informe do interventor sobre esta operación que apunta que “a medida permitirá un aforro relevante de xuros futuros, a eliminación total do endebedamento municipal e a consolidación definitiva da estabilidade das arcas municipais. A amortización anticipada configúrase como unha medida de xestión financeira prudente, eficiente e aliñada cos principios de estabilidade, sustentabilidade e boa administración dos recursos públicos. A situación económico-financeira descrita proporciona unha base sólida para a elaboración do Orzamento Xeral do exercicio 2026 en termos de estabilidade, sustentabilidade e suficiencia financeira”.

Facturas irregulares: Actuación contable e xurídica (2022–2025)

Neste informe detállase que entre os anos 2022 e 2025, o Concello do Porriño desenvolveu unha liña xurídica de defensa firme fronte reclamacións empresariais de pago por servizos sen contrato.

Con estas medidas evitouse o pagamento indebido dun total de 2.009.231,25 €, e reforzouse a fiabilidade das contas públicas, a sustentabilidade financeira e a dispoñibilidade real de recursos: Así, devolvéronse facturas por revisión contable por valor de 78.767,55; devolvéronse facturas por acordos plenarios por un importe de 1.216.823,27; por acordos por valor de 35.437,89, e por sentenzas favorables foron devoltas facturas por un valor de 678.202,54; cun aforro total de 2.009.231,25 €. “Cómpre salientar o conxunto de procedementos xudiciais nos que os tribunais desestimaron integramente as pretensións das empresas reclamantes, confirmando a improcedencia do recoñecemento das obrigas económicas reclamadas.

Novos investimentos

Ademais da liquidación do crédito, a ese peno extraordinario lévanse tamén unha modificación orzamentaria para destinar fondos do remanente para proxectos de envergadura en diferentes parroquias do municipio, importantes inversións, algunha delas con subvencións provinciais e autonómicas en beneficio da atención social, do tecido asociativo, con obras relacionadas tamén co deporte e a cultura e novos espazos para a veciñanza.

Son novas obras que poderán ser pagadas cos aforros municipais, e tamén modificacións orzamentarias para facer fronte ás achegas municipais e a liquidación doutras. É o momento de transformar o aforro en benestar e seguir impulsando O Porriño ”, explica o alcalde, pois, “logo da liquidación do ano 2025, o concello dispón dun remanente de tesourería de 11,2 millóns de euros, e parte de eses cartos, destinaranse agora a grandes proxectos e melloras en todas as parroquias”.

Son obras, ademais, na súa maioría con subvencións doutras administracións, e “esta búsqueda de inxección de capital externo permitirá executar proxectos estratéxicos

—como a construción dun anfiteatro para o auditorio ou a modernización de instalacións deportivas— minimizando o esforzo económico das arcas municipais e garantindo que cada euro público renda ao máximo en beneficio da veciñanza”. Son inversións do + Provincia, da Xunta ou de fondos europeos que están chegando ao concello e para iso ten que haber unha cofinanciación, así que o concello está dispoñendo esas partidas necesarias.

“Ademais levaranse novas infraestruturas que son inéditas no Porriño e que anunciaremos no seu momento, pero xa estamos dotándoas de partida orzamentaria para poder sacar a licitación e poder optar ademais a fondos doutras administracións”, conclúe o alcalde.

O alcalde do Porriño ofrece ao conselleiro de Sanidade todos os medios que estean a disposición do Concello para conseguir cubrir a plaza que falta de tarde no Centro de Saúde

  • Alejandro Lorenzo agradeceu o traballo feito para poder contar cun reforzo no PAC do Porriño, a principal demanda da cidadanía

O Porriño. 15 abril 2026. O alcalde do Porriño agradeceu ao conselleiro de Sanidade o anuncio dun reforzo no Punto de Atención Continuada do Porriño cunha nova praza de médico, que permitirá mellorar a atención das urxencias en horario de tarde de luns a sábado e con cobertura de 8 a 22 horas nos domingos. “Quero agradecer este reforzo tras unha situación complicada nos últimos meses, esta era para nós unha prioridade absoluta, mellorar este servizo”, apuntou o rexedor, pedindo ao conselleiro e ao xerente da área Sanitaria que sigan traballando ata poder cubrir a última praza de tarde que continúa vacante no Centro de Saúde da localidade, ofrecendo “todo ou que precisen do concello, calquera infraestrutura, para seguir mellorando a situación”, agradecendo o traballo do equipo médico. “Estaremos vixiantes – asegurou- é a nosa prioridade, que as nosas veciñas e os nosos veciños teñan unha atención médica rápida e eficaz”.

Acudía o alcalde á visita do Conselleiro e o xerente da Área sanitatia, acompañado pola concelleira de Sanidade do Porriño, Bárbara Troncoso.

Pola súa banda o conselleiro sinalou a coincidencia de todos en que é oportuno incrementar a presenza de médicos neste dispositivo asistencial a partir das 15 horas para atender as urxencias extrahospitalarias, como se está a facer nas últimas semanas, pero convertendo este reforzo en estrutural.

O máximo responsable do Sergas lembrou que o centro de saúde do Porriño é un dispositivo con gran volume de actividade, xa que presta asistencia a unha poboación de máis de 21.000 persoas e, no caso do PAC, esta cifra duplícase ata os 43.500 veciños e veciñas, xa que da servizo a Salceda de Caselas e Mos.

Falta de médicos

Gómez Caamaño incidiu no problema que toda España está a padecer de falta de médicos de atención primaria, e o Ministerio de Sanidade, que é o organismo que debesolucionar este asunto, non pon remedio a esta situación, o que trae como consecuencia moitas dificultades para cubrir todas as prazas nos centros de saúde.

Ao respecto deste tema, o conselleiro puxo en valor o traballo da xerencia da área sanitaria de Vigo e o compromiso dos profesionais, posibilitando nestes meses cubrir practicamente todas as prazas do cadro de persoal.

En consecuencia, -incidiu o titular de Sanidade- o centro de saúde do Porriño conta na actualidade coa práctica totalidade do seu persoal cuberto, grazas ás melloras organizativas impulsadas polos responsables sanitarios desta área.

O Concello inicia as obras de accesibilidade na rúa San Sebastián

  • Estase a substituír un lateral do pavimento de lousas para crear unha beirarrúa en pedra granítica lisa para facilitar o paso das persoas, especialmente aquelas con mobilidade reducida

O Porriño, 15 de abril de 2026. O Concello vén de iniciar as obras de accesibilidade para mellorar o tránsito peonil na da Rúa San Sebastián, entre a Rúa Fernández Areal e a Praza de San Benito. Para iso estase a proceder á substitución parcial do pavimento nunha das marxes da vía, creando unha beirarrúa sen obstáculos para facilitar o tránsito, especialmente ás persoas con mobilidade reducida.

“Queremos que O Porriño poida ser máis accesible a persoas con mobilidade reducida e tamén para carriños, nun pobo que ten a natalidade máis alta de toda a área”, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, que este mércores visitaba as obras xunto ao concelleiro da área de Vías, Obras e Servizos, Ramón Porto Oya.

Por este motivo, se substituirá, úniunicamente unha marxe deste pavimento irregular por lousas rectangulares de pedra granítica. O obxectivo da intervención é mellorar a accesibilidade e a seguridade do tránsito peonil na franxa lateral oeste do viario de uso para peóns. Este novo acabado proporciona unha superficie continua, sen

desniveis e con xunta mínima, favorecendo así a circulación cómoda e segura, ao tempo que se mantén a coherencia estética co carácter do Camiño de Santiago e coa recente renovación da Rúa San Sebastián entre a Avda. Domingo Bueno e a Capela de San Sebastián.

Enclave do Camiño de Santiago

Esta área atópase no entorno de protección diversos elementos patrimoniais catalogados como a Capela de San Benito, o Palco da música e a Igrexa Parroquial de Santa María de Porriño, e forma parte do acceso principal dos peregrinos ao centro do núcleo urbano. Por iso o proxecto      parte dun diálogo co tramo recentemente renovado da Rúa San Sebastián, apostando pola continuidade a través da selección de materiais tradicionais recomendados na Guía de Espazos Públicos da Xunta de Galicia. Estes materiais     intégranse de forma respectuosa nun contorno histórico e natural, en coherencia cos elementos patrimoniais presentes e coa vinculación ao Camiño de Santiago.

A obra, cun orzamento de 28.590,65 atingue a un tramo cunha superficie de 504 m², dos cales 160 m² corresponden á faixa de pavimento que será substituída.

Empezan os traballos de asfaltado e seguridade vial en Devesa, Filgueiras e Portela de Souto

  • A actuación permitirá mellorar a seguridade e a mobilidade en tres viarios viarios municipais situados en Budiño, O Porriño e Atios

 O Porriño, 14 de abril de 2026.– O Concello do Porriño vén de iniciar os traballos de mellora do pavimento en tres camiños de titularidade municipal, coas máquinas e os operarios traballando xa en Devesa, na parroquia de Budiño.

A actuación, financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia, ten como obxectivo mellorar o estado actual destes viarios, incrementar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade da veciñanza, xa que os camiños presentan diversos signos de deterioro, como fisuras, baches e unha degradación xeral da capa de rodadura tras as fortes chuvias deste inverno.

As obras, que continuarán logo en Filgueiras (O Porriño) e Portela de Souto (Atios), foron licitadas cun orzamento base de 132.979,42 euros (IVE incluído). “Permitirán non só mellorar o estado dos viais, senón tamén mellorar a seguridade vial e a ordenación do tráfico con nova sinalización horizontal e vertical”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Contémplase ademáis o recrecido de arquetas e tapas de rexistro, e a reposición dun colector de drenaxe transversal no camiño de Filgueiras.

Seguridade viaria

Os traballos, que comezaron xa este luns, inclúen o desbroce e limpeza de marxes e cunetas, o fresado puntual do firme existente, a reposición da zahorra artificial nos puntos necesarios, así como o reforzo do pavimento mediante a execución dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, reitera “o compromiso do goberno municipal na mellora das infraestructuras municipais, especialmente no rural e, por suposto tamén coa seguridade viaria en todo O Porriño. Neste caso – apunta- trátase dunha actuación moi necesaria, que permitirá contar con camiños máis seguros e duradeiros e que contribúe a calidade de vida da cidadanía”.

Así, as obras desenvolveranse en camiños situados nas parroquias de San Salvador de Budiño, O Porriño e Atios.

O Porriño da o pistoletazo de saída á humanización da rúa Antonio Palacios na procura dunha mobilidade máis sostible




O Porriño, sábado 11 de abril de 2026. O Concello do Porriño dá o pistoletazo de saída ás obras de humanización da rúa Antonio Palacios, entre o parque do Alcalde Ordóñez e practicamente o acceso a Cans, no límite coa antiga estrada de Ponteareas. Son 1.625 metros nos que se integrará un carril bici, entre outras actuacións. Isto supoñerá un cambio determinante da futura mobilidade do centro de Porriño, fomentando a mobilidade peonil e en bicicleta nunha contorna na cal concéntranse diferentes centros educativos e deportivos, favorecendo a seguridade viaria cunha mobilidade sostible , promovendo un uso do espazo que fomenta a interacción social e ou benestar dá veciñanza.

Tamén con esta finalizade, o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, ven de anunciar a implantación dunha zona de carga de bicicletas eléctricas no aparcadoiro público de Avenida de Galicia, destinado a potenciar tamén este medio de transporte no municipio entre a cidadanía e as persoas que nos visitan. “Ámbolos proxectos son un paso decisiva cara a un futuro máis sostible, moderno e pensado para as persoas, avanzando xuntos cara a un concello máis limpo, máis conectado, pensando para ser mellor lugar para vivir”, asegura. De feito estanse a redactar os pregos, explica o rexedor, para o parking público “imos modificar os prezos, a reducilos e adaptalos ás necesidades que ten a nosa cidadanía, o noso comercio, a nosa hostelería, ademais de dotalo de outros servizos como esa zona específica para bicicletas eléctricas”.

Seguridade viaria e centros educativos

Sobre o proxecto da rúa Antonio Palacios, explica o rexedor que neste ámbito localízanse unha serie de centros educativos e equipamentos deportivos, tales ou IES Pino Manso, CEIP Xosé Fernández López, ou Colexio Irmáns Quiroga Rodríguez SL, ademais do Pavillón e a Piscina Municipais do Porriño, puntos de desprazamento orientados á poboación infantil e xuvenil do municipio. “Por iso este carril bici é o primeiro en proxectarse para mellorar a seguridade viaria nunha zona tan poboada de menores, pero a este seguirano outos tramos, “será un carril bici que una o centro coas parroquias, conectando vidas, espazos e oportunidades”.

E é que a obra, que conseguiu fondos REACPON da Deputación de Pontevedra, supón unha inversión de 1.066.887,26 millóns de euros para a mobilidade peonil e en bicicleta nunha contorna na cal concéntranse diferentes centros educativos e deportivos, favorecendo a seguridade viaria cunha mobilidade sostible. “Loitamos estes fondos, e agora é posible acometer este proxecto que propiciará un antes e un despois na mobilidade do municipio”, lembra o alcalde.

En materia de seguridade viaria, prevese tamén a construción dunha rotonda de acceso no Instituto de Educación Secundaria Pino Manso.

A actuación abarca un total de 1.600 metros de viais municipais cun ancho medio de 11,50 metros, polo que a superficie de actuación abarcará o 22.960 m². A partida para cofinanciar o proxecto aprobarase de xeito inmediato nun pleno municipal. Agárdase licitar nun prazo de dous meses. E nun futuro prevese que este carril prolongue o seu percorrido pola rúa Fernández Areal e Domingo Bueno.

Carril ciclista
O carril ciclista será do tipo que define a Xunta na instrución de sendas peonís-ciclistas e na Guía de Recomendacións para o deseño de infraestrutura ciclista do Ministerio de Transportes e Movilidad Sustentable.

A transformación dos usos busca provocar un notable aumento da mobilidade ciclista en desprazamentos cotiáns, a mellora da calidade do aire e o medio ambiente, os aspectos socioeconómicos ou a calidade de vida urbana, así como a accesibilidade universal e non discriminación. Incluíndo melloras respecto á conectividade coa estación ferroviaria de Porriño, os aparcamentos disuasorios e os mais importantes centros xeradores de mobilidade cotián.

Máis verde
A intervención contempla a reforma integral do viario, incluíndo un novo asfaltado e sinalización horizontal, a instalación de sinalización vertical, o soterramento da liña de iluminación, a colocación de puntos de luz e novas columnas led. Tamén, a reforma de sumidoiros e reposición da rede de abastecemento e a plantación de árbores para mellorar a contorna urbana.

Máis de medio cento de expositores e centos de visitantes déronse cita na II Mostra da Camelia do Porriño

 

O Porriño, 13 de abril de 2026. Un total de 105 metros lineais de camelia tinguiron de cores a carpa habilitada no parque do Cristo, onde máis de medio cento de expositores —unha decena máis que o ano pasado— luciron os seus mellores centros. A mostra superouse nesta segunda edición e quedou “xa consolidada”, segundo asegurou o vicepresidente da Sociedade Española da Camelia, Antonio Luis Montes, durante a inauguración do sábado.

O éxito de participación non só se viu nos postos, senón tamén na resposta do público: centos de persoas acudiron ao parque do Cristo para contemplar esta nova edición, enchendo o recinto de actividade durante toda a xornada.

Unha cita con proxección internacional

Xunto a Montes, participaron no acto o concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez; a organizadora da mostra, Matilde Campos; e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. O rexedor agradeceu a implicación dos expositores, que chegaron de diferentes puntos da xeografía galega e incluso de Portugal.

Lorenzo convidou a todos os presentes a desfrutar do municipio e presumiu do potencial local e dunha nova cita que axuda a desestacionalizar ás visitas no municipio.  “Se queres té, está aquí no Porriño; se queredes unha bola de pan, vinde ao Porriño; se queredes unha casa de pedra, facédela de Rosa Porriño e, para adornalo, mellor que as camelias do Porriño non vai haber”.

Entre aplausos, o alcalde insistiu en que “O Porriño é o mellor lugar para vivir” e lembrou que esta próxima fin de semana o municipio acollerá outra cita clave: a Feira Apícola das Rías Baixas.

Exposicións complementarias

A II Mostra da Camelia conviviu coa Exposición das Camelias dos galegos e as galegas, que permaneceu aberta aínda ata este martes, 14 de abril na praza Arquitecto Antonio Palacios, estendendo así a beleza desta flor polo centro da vila.

O pavillón do Porriño acolle o XXV Trofeo Concello do Porriño de Baile Deportivo e Campeonato Galego Xunta de Galicia Standard

  • Arredor de 350 bailarinas e bailaríns participarán na XXV edición que puntúa de cara ao ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo

O Porriño, 10 de abril de 2026. O pavillón municipal de O Porriño converterase esta fin de semana no epicentro do baile deportivo de Galicia coa celebración do XXV Trofeo Concello do Porriño de Baile Deportivo e do Campionato Galego Xunta de Galicia Standard, dous eventos que reunirán numerosos deportistas e público arredor desta disciplina.

O evento comezará o sábado día 11 ás 15:00 horas, nunha xornada que se prolongará ata as 21:00 horas e na que participarán arredor de 350 bailaríns e bailarinas. Durante a tarde desenvolveranse distintas modalidades de baile deportivo, incluíndo Standard, Latinos, Bailes Caribeños, Danza Coreográfica e Single.

O público poderá gozar da elegancia e técnica dos bailes Standard —Vals Lento, Tango, Vals Vienés, Slow Fox e Quickstep—, así como do ritmo e a expresividade dos Latinos — Samba, Cha-cha-cha, Rumba, Pasodoble e Jive—. Ademais, o programa complétase con propostas de Danza Coreográfica, con formacións grupais, e Bailes Caribeños como Salsa e Bachata, incluíndo tamén exhibicións de Caribbean Show Dance.

A competición será puntuable para o ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD), e contará con diferentes categorías segundo nivel e idade: Xuvenil (menores de 12 anos), Junior (de 12 a 15 anos), Youth (de 16 a 18 anos), Adulto (maiores de 18 anos) e Senior (maiores de 35 anos).

O evento continuará o domingo, entre ás 10:00h e ás 20:30h, coa celebración do Campionato Galego Standard, que reunirá a máis de 400 bailaríns e bailarinas nas distintas modalidades.

A organización prevé unha notable asistencia de público, con máis de 300 persoas o sábado e máis de 500 o domingo, consolidando así esta cita como unha das máis destacadas do calendario galego de baile deportivo.

Os menores de 12 anos poderán acceder de balde, mentres que o prezo para o resto do público será de 9 euros por  de balde, mentres que o prezo para o resto do público será de 9 euros por día.