‘Matria’ foi a grande gañadora da 15ª edición do Festival de Cans, que entregou este sábado, día 26 de maio os seus premio. A curtametraxe de Álvaro Gago fíxose con catro premios: Mellor curta de ficción, Premio do Público, Premio AISGE á mellor interpretación feminina para Francisca Iglesias e o Premio do Xurado dos veciños.

A curtametraxe relata un día na vida de Ramona, unha muller que se refuxia na relación coa súa filla e a súa neta ante o seu duro traballo nunha conserveira e lastrada pola falta de comunicación co seu marido. Álvaro Gago repite así éxito en Cans, onde gañou o premio ao mellor curto por ‘Curricán’, en 2015.

Entre o resto do palmarés destaca o nivel da sección de Animación, onde dúas das películas levaron premios nas categorías xerais: o premio AGAG a mellor guión (Luís Usón por ‘Afterwork’) e o da mellor banda sonora orixinal (Raúl Costafreda por ‘Sexa’). En todo caso, foi ‘O reloxo’, de Borja Santomé, a que se alzou co premio a Mellor curtametraxe animada.

Europa’, de Hugo Amoedo, abriu o palmarés de ‘FuraCans’, a nova categoría competitiva do Festival para filmes de non ficción, recoñecido por “a súa urxencia de contar, pola necesidade de filmar, pola súa liberdade narrativa e polo seu grao de reflexión formal sobre a linguaxe cinematográfica”.    Completan o palmarés as ‘Also Sisters’ (Premio CREA á mellor realización); Eloi Sánchez Palau (Premio á mellor interpretación masculina por ‘Despois da bandeira’) e dúas mencións especiais dos xurados, para ‘A cat in the window’, de Félix Brixel (en ficción) e ‘A muller invisible’, de Noemi Chantada.