Dende este martes, día 11 de decembro,  máis de 300 veciñas e veciños do barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros, teñen xa acometida á Rede Municipal de Abastecento do Porriño, tal e como anunciara a alcaldesa, Eva García de la Torre, logo de que se atopasen refugallos de lindano nesta zona, o cal obrigara a pechar numerosos pozos.

A ‘traída’ municipal chega xa a 83 casas do barrio logo de que o Concello, sufragase na súa totalidade, “sen ningunha axuda por parte da Xunta, que ten as competencias en medio ambiente”, os preto de 350.000€ que custou, finalmente, esta obra que permite que todas estas vivendas poidan recibir auga para o consumo diario con todas as garantías sanitarias.

As devanditas obras, sinala a alcaldesa, axustáronse exactamente ás instrucións da Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente do Goberno de Galicia, e realizáronse cos máximos niveis de protección e seguridade, tanto para os traballadores encargados das mesmas coma para os habitantes do Contrasto.

García de la Torre, que cumpre deste xeito o compromiso persoal que asumira coas veciñas e veciños afectados pola aparición de lindano, manterá unha xuntanza con todos eles nos vindeiros días para informarlles, “polo miúdo, como fixen durante todos os meses pasados”, sobre a chegada do abastecemento municipal ata as súas casas.

Sen axuda ningunha da Xunta de Galicia

A alcaldesa, lembra, de novo, que foron os cidadáns do Porriño, por medio do seu Concello, os que asumiron “por completo en solitario, en sen axuda ningunha por parte da Xunta de Galicia”, os custos de todas e cada unha das accións que se levaron a cabo no Contrasto: o subministro de auga para o consumo diario,a colocación nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros -nalgún caso ata dous-; a contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”, ou o dobre asfaltado da zona na que se realizaron as obras do saneamento no seu día.

Eva García de la Torre agarda que o Goberno de Galicia, asumindo as súas competencias, “afronte o problema da existencia de lindano soterrado en varios lugares da nosa vila cun plan cuantificado e orzamentado para, en primeiro lugar, identificar e sinalizar as zonas afectadas en todo o Porriño polo depósito de lindano e, de seguido, dar unha resposta efectiva que acabe coa contaminación e os riscos para a saúde”.