A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, unha axuda ao concello de O Porriño por un valor de 18.129,02€ para financiar o mobiliario da Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía.

Con este investimento O Porriño pecha o Plan Concellos deste ano, ao través do cal o goberno provincial destinoulle 1.883.863,81€ un 79,05% máis que en 2017.

Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, O Porriño tamén contou co financiamento do módulo de atletismo, por importe de 200.000€; da dotación da beirarrúa A Pontenova-A guía-Atios, por 463.007,15€; e da rotonda en A Pontenova, por 252.420,34€.

Amais a Deputación adxudicou 101.713€ no que corresponde á liña 2 e tamén outros 89.345,40€ que foron destinados á financiación da contratación de 25 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no Concello, dentro da liña 3 de emprego.