Analizar as posibilidades que se abren no concello do Porriño para localizar novo chan industrial para a radicación de empresas, foi o centro da xuntanza mantida este mércores pola mañá, nas oficinas de Zona Franca, entre o delegado do Consorcio, David Regades, e a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Dada a relevancia do tema, sumáronse á reunión a directora de Promoción Económica do Consorcio, Rosa Eguizábal, o presidente da entidade urbanística do Polígono da Granxa, Indalecio Cuevas, e o xerente desta entidade, David Sobral.

Todos estiveron dacordo en que no Porriño pódense  atropar espazos acaídos para urbanizar e acoller sectores que proporcionen servizos a toda a comarca viguesa, o cal farase realidade en moi pouco tempo.

Como sinala a alcaldesa, na mesma xuntanza “estudamos a posibilidade de habilitar un espazo no inmoble do Centro de Iniciativa Empresarial (CIE) de A Granxa, propiedade de Zona Franca, para abrir no mesmo a gardería, tan demandada polos traballadores e empresas radicadas no polígono”.

Eva García de la Torre subliña que o delegado de Zona Franca amosou o “seu interese e sensibilidade” para que esta proposta poida ser unha realidade no menor tempo posible.