O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, acompañaron hoxe á porriñesa Laura Romero que recibiu un dos premios do concurso escolar de carteis que cada ano convoca a Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller.
O deseño de Laura, alumna de 3º da ESO do IES Ribeira do Louro, fíxose co primeiro premio na 3ª categoría dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP. Na actual edición presentáronse 57 traballos e tanto as creación que quedaron nos primeiros postos, como é o caso de Laura, como as dos segundos, ilustran a campaña que polo 8-M está a desenvolver a Xunta para divulgar que a igualdade tamén está nas nosas mans.
“As nosas pegadas fan o camiño cara a igualdade” foi o lema elixido pola porriñesa para facer a súa proposta, e sobre el impresas varias das súas pegadas en diferentes cores, deseños e direccións. Laura amosouse moi orgullosa do seu logro e tamén os seus compañeiros de clase, que a acompañaron a recibir o premio.
“Laura representa hoxe á mocidade do Porriño, que da un paso adiante sempre cando se trata de reclamar cuestións tan importantes como a tolerancia e o respecto”, apuntou o rexedor que a felicitou polo seu merecido recoñecemento e por loitar “por un mundo en igualdade de dereitos e de oportunidades sen discriminación de ningún tipo por razón de xénero”.