Preto de 40 nenas e nenos porriñeses, de entre 5 e 12 anos de idade, participan dende este venres, 22 de decembro, e ata o vindeiro 4 de xaneiro, no ‘Campamento de Nadal’, organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Soledad Girón, e co-financiado pola Deputación de Pontevedra.
O obxectivo do mesmo, coma lembra a concelleira, é o “facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, o mesmo que os que se organizan no verán e, ao mesmo tempo, permitir o entretemento das cativas e cativos nestas datas, coa súa participación en actividades de lecer, coma xogos, a elaboración dun mural sobre o Nadal ou, coma no primeiro día, recibir a visita de Papá Noel.