Eva García de la Torre expuxo, polo miúdo, aos representantes das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade e aos técnicos das mesmas, as medidas que adoptara o Goberno Municipal do Porriño para afrontar a contaminación por lindano no barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros.
A alcaldesa repasou, durante a xuntanza mantida este xoves na delegación da Xunta en Vigo, a información que o Concello remitirá á Administración autonómica, de xeito “puntual e ao pormenor”, nas pasadas semanas: a comunicación constante cos veciños, o subministro de auga dende o día 1, primeiro para poder beber e cociñar e, de contado, a colocación de depósitos e motores para levar a auga ás casas para o aseo persoal e, finalmente, o pasado mes de novembro, o proxecto, impulsado polo Concello do Porriño por medio do Consorcio de Augas do Louro, para conectar todas as casas do Contrasto coa rede Municipal de Abastecemento.
Pola súa banda, indica García de la Torre, a Xunta comprometeuse a seguir coas catas en toda a zona para delimitar a incidencia do lindano, un traballo que se realizará “en colaboración co Concello” e que permitirá ter, no mes de marzo, un ‘mapa’ do seu impacto.
Así mesmo, seguirán, de xeito regular e constante, as análises para saber, ao momento, cal é exactamente o estado do terreo, dos pozos que -como reitera a alcaldesa, o Concello non ten competencia para pechar, algo que está na man da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil- e do aire, así coma o seu posible impacto na saúde das veciñas e veciños.
Eva García de la Torre, quen reiterou que non se debe de consumir a auga dos pozos,subliña, que “non hai xa exposición directa ao lindano”, logo de que os obras fosen tapadas e se procedese ao asfaltado e que, “non hai perigo para a saúde”.
Isto non quere dicir, “en modo algún”, subliña a alcaldesa, “que non sigamos vixiantes”, os controis, as analíticas, a toma de mostras e as catas, seguen a facerse constantemente e agarda que as obras para conectar todas as casas á traída municipal podan iniciarse o mes de xaneiro, “en superficie” para evitar todo risco.